Deixei de estudar latín porque me fago entender mellor con signos, con xestos, con acenos. Ou a berros. Nos berros —nos que nunca digo nada—, todos me entenden. Unha noite ata filosofei un pouco con eles, cos berros, porque non dicindo nada, a ver por que me entendían tan ben. Ó mellor era porque tamén sabían ler na mirada. Si, hai miradas que matan. E cando se berra, a ollada non adoita ser alegre; a non ser que sexa un berro gozoso, excitante, sexual, que de todo hai neste mundo de desvalidos.
Tamén deixei de estudar grego porque xa me chega co portugués. Como a xente de Portugal está á beira, a un paso de tartaruga, todo se pega. E detrás dunha palabra foi outra. E detrás da fronteira estaban eles, os portugueses. Son moi melosos falando, moi agudiños. A min gústame Portugal. Quérolle ós portugueses. Menos mal que nos queda Portugal, dixemos sempre.
Non hai moito estudei arameo. Sabía arameo e lía e escribía en arameo. Hai un tempo. Agora non; agora estudo, sei, leo e escribo en gaélico (non confundir co galego). Cando canse penso dedicarme ó urdú ou ó chino mandarín. Son home de idiomas e non só das linguas humanas, senón tamén dos sons animais. Sei ladrar coma os cans e oulear coma os lobos. Polo menos con eles comunícome así. Moito mellor que coa vara e os berros. Mesmo sei gruñir coma os xabaríns e os porcos. Asubío como un merlo e arrolo como as rulas.
Para o mes que vén iniciarei un curso en linguaxe extraterrestre. Quero estar preparado para cando asomen por estes lares. Que asomarán. Tempo ó tempo.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 13 de marzo de 2025
No hay comentarios:
Publicar un comentario