Abafado. Abaixar. Abacelar. Abadexo. Abaetado. Abalar. Quere a señardade esculpir unha estatua de castiñeiro na que asome un verso de devezo. Quere o silencio nadar por entre as pingas que caen do ceo. Cada pinga é un rumoreo. Cada murmurio é como unha historia que aínda non se contou. Hai historias que, con catro palabras, ensinan todo un mundo e hainas que, con miles, non instrúen nada.
Baballa. Babeco. Babiolo. Bacallau. Bacieiro. Bacteria. Baduar. Queda a nada bailando ó ritmo do baleiro, no que nada hai e no que nada é. Tan só unha misa de réquiem polos que pensan que se van e aínda están. Queda o espello reflectindo as mamilas ou bicos do peito e, agora, como non, a soñar esperto. Que cada soño sexa un mundo e que cada mundo sexa único.
Cabaceiro. Cabaleiro. Caciquismo. Cadeira. Café. Cagalla. Calabozo. Camaleón. Sei que mentres chova non hai sol e que a negra sombra que me asombra, agora mesmo, non me pode asombrar por falta de sombra. Chove. Chove sobre a culpa solteira e a conciencia vinculeira. Non sempre chove a gusto de todos. Porén... se chove, que chova.
Dactilar. Dádiva. Dabondo. Daguerrotipo. Dalia. Danar. Dantesco. Datar. Dasiúro. Paraugas abertos. Coches correndo. Billetes voando. Flor de toxo. Latexos no peito. Can ladrando. Lobo ouleando. Cuadratura no círculo. Pernas abertas. Silencio deitado no ruído. Ruído rachando o silencio. E que todos os paxaros voen sobre a miña cabeza. E que todo o meu ser navegue na Perla Negra. E que todas as guerras rematen nun amén. Aquí paz e despois gloria.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 21 de marzo de 2025
No hay comentarios:
Publicar un comentario