Quixen alucinar en cores, pero botáronme nos ollos unhas pingas de non sei que e vin todo branco. Pareceume algo anormal. Porque sei que non todo é branco. A propia vida non é de cor branca. Sei que a flor do toxo é amarela e que a morte é negra. A verdade é que me asustei un pouco. Tiven medo de quedar cego. A claridade foi tan intensa que tiven que ladear a cabeza e entornar os ollos. Todo era branco.
Temín polas cores do arco da vella, polo moreno dos bicos do peito, polo vermello dos beizos (e do sangue, todo hai que dicilo), polo verde da esperanza e polo rosa da vida. A vida en rosa, dicía Édith Piaf. Eu digo que a vida, só en rosa, é un dicir. A vida pasa por todas as cores e por todas as súas mesturas.
Levo tempo preguntándome que raio terían aquelas pingas que case me deixan cego. Sei que non eran pingas de orballo, nin de auga, nin anestésicas, nin antivíricas, nin lubricantes. Non era ningún colirio. Empezo a desconfiar se non eran de ferruxe. Do que fosen, fixéronme dano. Vía todo branco. E aínda que a cor negra sexa tristeira, que lembre a loito, de cando en vez é bo asomarse ás sombras escuras da existencia, á penumbra do desexo; mesmo da morte. Para saber vencela. Para non lle ter medo.
Quixen alucinar en cores, e todo era branco. Cando sei que o ceo é azul, os lameiros son verdes, a carraxe ás veces é gris e o silencio digo que é de cor laranxa e o baleiro é de cor violeta.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 20 de marzo de 2025
Finca Fierro. Barbadás. Xoves, 20 de marzo de 2025
No hay comentarios:
Publicar un comentario