viernes, 25 de abril de 2025

DOUS SUFRIMENTOS


Hai sufrimentos físicos e hai sufrimentos psíquicos. No día do libro padecín os dous. Os físicos, a base de sachadas nunha finca. Os psíquicos ou mentais... non sei se conseguiría ler catro ou cinco páxinas no libro que me toca. Este si que é un sufrimento, unha dor! Moito máis que a física. A dor física, ós cachos, con pequenos descansos, lévase máis ou menos ben; aguántoa coma os heroes. A dor mental por non ler... doe, vaia se doe.

Contrarresto ese sufrimento sabendo que, xeralmente, leo máis de cinco, de dez, de cincuenta páxinas ó día e practicamente durante todos os días. Pero que que no propio día do libro non consiga ler gran cousa, iso amola; e moito.


Xa sei que o día do libro debería ser todos os días (como o día da muller, o día da nai, o día do pai, o día da paz, o día da liberdade, etc.), pero quéirase que non sempre nos animamos algo máis no propio día de tal ou cal celebración. Quizais polo ambiente que te anima a seguir os pasos de todo o mundo.

A verdade é que o mundo labrego non é moi propenso, moi apto para a lectura. Non deixa moita marxe de manobra. Aínda que me sinta labrego, hoxe xa non son labrego, pero vexo como os sábados ou algún día a maiores nos que hai que fochicar nas leiras, non consigo ler moito, e se é que leo algo. Cando isto me ocorre, algunha que outra vez, teño que arrestar ou castigar a típica sesión cinematográfica nocturna. Se o fanatismo pola lectura é o que é, o fanatismo pola sétima arte non se queda atrás. Porén, como sexa, teño que recuperar ese día perdido, o día do libro.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 24 de abril de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario