jueves, 24 de abril de 2025

NON ESTABA PARA EL


Puxo cebolas roxas. Cavou cebolas brancas que xa puxera. Sente os ardores de estómago, a pesar de que xa chupara unha pastilla, unha pílula, un comprimido de Secrepat. Laureano Piñeiro, O Gadañas, chupou outra máis mentres sentaba para aguantar eses ardores.

Co alivio sobre o seu corpo, volveu coller o sacho e puxo algunhas cebolas máis. Non se acababan nunca. E as ansias podíanlle, xa que aínda quería sementar algunhas patacas.


Volveron os ardores. Volveu o cuspe á boca. Volveron as ganas de vomitar, de devolver. Maldita sexa! O Gadañas foi ex profeso á aldea para facer algo útil e vía que o pasaba mal. Tan só a música que lle saía polos auriculares lle aliviaba a situación, lle mitigaba o malestar.

Cando rematou de poñer esas cebolas e de cavar as outras, sentou durante un bo tempo, ata que notou que o corpo, dun xeito ou doutro, seguía pedindo guerra. E guerra lle deu. Trasladouse a outro recanto da leira e dedicouse a sementar patacas. Cando levaba tres pequenas gavias asomou por alí un parente da muller e, ale, deulle á tarabela un pouco. Nese tempo, a Laureano íaselle a vida porque vía que así non adiantaba no traballo. Quería darlle un bo golpe para rematar na seguinte ocasión. Agora, xa veremos.

Iso si, a parola valeu para calmar, por fin, o estómago e xa se dispuxo a atacar con ansia o eido. Na seguinte gavia acabou co mineral. Definitivamente, a sementeira de hoxe non estaba para el. Haberá que moverse na seguinte quenda.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 23 de abril de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario