martes, 10 de junio de 2025

TELEVISIÓN A BARULLO


Desde que asomaron á miña vida as plataformas dixitais, hai xa uns anos, non acostumo a ver televisión. Só ese instante no que a acendo para ver unha película dalgunha desas plataformas. Se sei máis ou menos os programas que existen é pola prensa e porque a muller sempre a ten acendida e, claro, nas comidas non queda outra que ver, practicamente, trapalladas.

Porén, o asunto quero levalo a outra cousa, a unha contradición. Levo anos sen ver televisión, mais o domingo pasado tireime dez horas seguidas “pegado á televisión”. Dez horas que logo se din, pero hai que mamalas. Empecei ás dúas da tarde coas Motos GP no Gran Premio de Aragón, que ganou Marc Márquez. Ás tres xa contactei co tenis, pero, nos prolegómenos, intercalaba o partido de fútbol da Liga das Nacións para o terceiro e cuarto posto entre Alemaña e Francia, que ganaron os veciños do outro lado dos Pireneos por 0-2.


Emporiso, a gran heroicidade televisiva chegou co tenis, con ese partido que xa pasou ós anais da historia de Roland Garros pola súa duración (5 horas e 29 minutos), pola súa tensión e polo xogo que desenvolveron na pista parisiense Carlos Alcaraz e Jannik Sinner. Que partido! Que espectáculo! Que marabilla! Por sorte, o partido decantouse para o lado español.

Houbo que cear cedo, e aínda co tenis de acompañante, porque, ás nove, final da Liga das Nacións entre España e Portugal... con prórroga incluída (querías caldo, toma dúas cuncas!). Menos mal que rexeitei a correspondente película nocturna, que, se non, o tempo televisivo iríase ás doce horas. Televisión a barullo.


Café Rooster. Ourense. Luns, 9 de xuño de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario