lunes, 7 de julio de 2025

NON TEÑEN CONCIENCIA


A inocencia é o saco no que mallan os opresores. A mala hostia é esa carraxe que sobe polo peito e rebenta con insultos ó torto e ó dereito, a darlle cun sacho. Cun sacho había que darlle a eses tiranos que se aproveitan dos inxenuos. Hai tiranos físicos e hai déspotas comerciais. Hai individuos que pensan que os demais suxeitos somos parvos. A maiores dos inocentes.

Hai escuridade en plena luz do día e hai silencio nun berro seco. Hai conciencia no inocente e maldade no opresor. Hai piollos que se multiplican na cabeza e sambesugas que chupan o sangue. Hai sangue que se envelena e os actos saen a esgalla e ás cegas. Hai perversidade nunha ollada que mata.


Hai idas e voltas, paseos en balde, mareos, promesas, esperas e, ó final, para nada. Para que a carraxe, o cólera, o furor, a rabia, iso si, explote dunha vez e non queda outra que, ó opresor, cantarlle as corenta, botarse a el coma un can doente, poñelo como a unhas nabizas. Porén, aguantan estoicos e... nin puto caso.

Os ollos son o espello da alma. Tamén son a pantalla da xenreira. Chega unha acción mal dada, un abuso no inocente para que nos ollos reflictan batallas e guerras, bombas e golpes de sabre, puñadas e traizóns. Hai miradas asasinas, miradas que matan. Como hai palabras que mancan. Aínda que, ás veces, non queda outra que mandar eses dardos para que atravesen conciencias.

Os tiranos, os opresores, os déspotas, os malnacidos, os potentados, as grandes empresas, as grandes compañías non teñen conciencia. E collen á presa máis débil, á presa inocente para fincarlle as garras, as gadoupas e abusar dela. A inocencia é unha saca na que baten os déspotas.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 7 de xullo de 2025

Finca Fierro. Barbadás. Luns, 7 de xullo de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario