Chuvia. Orballo. Trebón. Saragana. Arroiada. Chuvascada. Ballón. Molladura. Temporal. Choran os escornabois bágoas de orballo? Vixían as toupeiras ás lesmas cuns anteollos de cristal? Nadan os pardais polas augas bravas do río Arnoia á altura da ponte das Cepas? Nótase o silencio onde hai moito ruído? Simplemente, o lobo oulea desde o alto dun outeiro.
Mentira. Trola. Andrómena. Embuste. Falsidade. Fábula. Alburgada. Bóla. Pode o ourizo cacheiro empreñar cando forma nobelo? Pode o lobo trotar por entre as toxeiras do Medo? Pode a señardade deixar que as trolas da infancia se acomoden sobre unha almofada branca? Pode o ruxerruxe dunha fantasía facerse realidade? Poden os contos contarse sen falsidades? Simplemente, o lobo oulea desde o baleiro da soidade.
Cansado. Farto. Esgotado. Rebentado. Moído. Fatigado. Laído. Derreado. Quizais a bile chegue á boca cargada desa carraxe que nos sobe cando algo non é como queríamos que fose. A bile é ese líquido amargo segregado polo fígado e recollido na vesícula biliar, de cor entre verde e amarela, que actúa na dixestión. A bile, que carallo, é a amargura acompañada de maldade. De aí a carraxe. Por veces, o lobo oulea cando a carraxe lle incha, lle infla o peito.
Falar. Conversar. Dialogar. Latricar. Leriar. Baduar. Esbardallar. Parlar. Parolar. Parrafear. Que dicir cando se sabe que o que se diga non servirá para nada? De que se fala cando non hai nada que dicir? Con que palabras enches o silencio? Con que pensamentos sementas ese baleiro, esa vertixe que te marea? Os ouleos do lobo óense ó lonxe. Oulea detrás dos toxos do Medo. O lobo oulea e racha o silencio. Segue o baleiro.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 4 de xullo de 2025
Café Kibu. A Valenzá. Sábado, 5 de xullo de 2025
No hay comentarios:
Publicar un comentario