sábado, 26 de julio de 2025

THOR, EU!


O outro día atopeime na carreira do Camporredondo co Chris Hemsworth ese, que seica andaba a buscar exteriores para unha película súa. Eu, ó principio, normal, non cría o que vía. Mesmo cheguei a dubidar de que fose ese actor, de se non sería un dobre. Botamos un bo tempo mirándonos fixamente; eu porque non cría moito na súa aparición e el por intentar convencerme de que non era unha alucinación. Ó explicarme un pouco o asunto foi cando, aínda con dúbidas, empecei a crer en tal encontro.


Emporiso, o mellor chegou despois. Tras unha conversa máis ou menos cordial (co pouco inglés galeguizado que sei e co pobre castelán del, imaxino que aprendido da súa dona Elsa Pataky), soltoume de socate que acababa de atopar ó actor que estaba buscando para unha nova película sobre Thor. E cando estaba á espera de que soltase un nome, algún actor de Hollywood máis ou menos coñecido (incluso cheguei a pensar no español Javier Bardem, polo dos exteriores no noso país), deixoume caer, coma quen non quere a cousa, que eu era o que buscaba. Non soltei unha gargallada porque imaxinaba que el si xa se estaba a rir de min. Mireino de esguello e díxenlle que che vaia bonito.

Deixeino alí, coa palabra na boca, e seguín cara ó lameiro para tornar a auga. Thor, eu! Que nin tan sequera podo co puto martelo! Polo camiño mirei para os carballos por se había algunha cámara oculta e me pillaran de chacota, de inocente. Logo de tornar a auga, volvín á espreita por se aínda estaba o paspán de Hemsworth por alí e me quería tocar de novo o violo. A ver se pensa que por ser ianqui se pode rir dun galego e, para máis carallos, labrego.


Café Kibu. A Valenzá. Mércores, 23 de xullo de 2025


Foto: Carreira do Camporredondo (Baños de Molgas - Ourense)

No hay comentarios:

Publicar un comentario