viernes, 18 de julio de 2025

UNHA SIMPLE RAIA


Invertín moitas horas en contemplar un petróglifo que, ó final, non conseguín entender. Era unha simple raia. Partía desde o alto do penedo ó fondo do penedo. Duns catro ou cinco metros de longo. Tan só duns dous ou tres centímetros de profundidade. Sería un simple pasatempo dun cativo que andou no monte e quixo matar o tempo? Sería un reguiño para que correse a auga cando chovese? Unha liña secreta? Un risco que deixaron as formigas de tanto pasar?

Botei horas intentando descubrir se tal raia tiña relación co escudo do Real Madrid que un paspán gravou no xullo de 1976 cando, este si, andaba no monte coas vacas. Certo que o escudo esculpírase noutro penedo, pero era a continuación do da raia. Significaría a raia un camiño a seguir cara ó escudo, cara ó outro penedo?


Despois de varias horas déronme ganas de chamar a algún especialista en petróglifos, a algún arqueólogo. Mesmo pensei no Indiana Jones, máis axiña caín na conta de que era un personaxe de ficción; e Harrison Ford, por moito que estudase ou se metese na pel do personaxe, non o vía eu desprazándose a Barricovos, no monte de Pinouzos, en Baños de Molgas. Por vir podía vir, pois Baños de Molgas ten o seu encanto, mesmo para os ianquis, pero o actor... non sei eu.

Que estou a desviarme do asunto da raia. Por certo, está dereita como unha vela. O que a esculpiu tiña bo pulso. O significado xa é outro cantar, outra historia que non consigo descifrar. Éme máis fácil o escudo do Real Madrid, porque está moi claro e é moi actual. Pero unha simple raia...


Café Kibu. A Valenzá. Martes, 15 de xullo de 2025


Foto: Escudo do Real Madrid en Barricovos (Baños de Molgas)

No hay comentarios:

Publicar un comentario