“A soidade é o ácido que corroe ás persoas”. “Onde hai esperanza sempre hai unha proba dura”. “Os segredos acaban ferindo sempre a quen os garda. Son coma un ácido: por moito que os escondas nun lugar seguro, acaban corrompéndoo todo. Só é cuestión de tempo”. “A periferia social, o lugar dos herdados da terra”.
Non estou filosófico. Non vou de intelectual. Nin presumo de autoría. Son catro frases, catro apuntes que me chamaron a atención cando os lin e que anotei nun á parte. A primeira é de Haruki Murakami. A segunda, sinceramente, xa non sei onde a lin. A terceira pertence ó libro “O plan mestre”, de Javier Sierra. E a última sae do libro de Javier Cercas “O louco de Deus na fin do mundo”, que versa sobre o papa Francisco.
Ó César o que é do César. E, intelectualmente, hai xente que di cousas que lle fan a un deterse na lectura, pensar un pouco e, como non, anotar para que, despois, a memoria non nos faga malas pasadas. Ás veces unha simple frase, unha pequena viñeta di máis que todo un libro, que todo un tratado filosófico, cultural...
A soidade é un ácido. Outros din que é unha enfermidade, un baleiro, un silencio perpetuo, constante, continuo. Que tamén. A esperanza... proba dura. E tanto, pois a esperanza é precisamente iso que temos ante certas imposibilidades. Os segredos... que tire a primeira pedra aquel que garda de por vida algún. A periferia social de calquera vila, cidade, capital sempre foi e sempre será o lugar dos oprimidos, dos vencidos, dos asoballados, dos sometidos, dos herdados.
Café Kibu. A Valenzá. Luns, 18 de agosto de 2025
No hay comentarios:
Publicar un comentario