Volve a eiva, a mala conciencia dalgúns poñéndolle lume ó monte. O monte arde. Os animais morren. A natureza extínguese. Os dos pastos alégranse. Os das madeiras refréganse as mans. Unha boa parte das partidas económicas que se destinan para apagar os lumes “pérdense” polo camiño. A administración, a Xunta segue a velas vir. Todo arde; enorme tristeza, gran película.
Agora faranse estudos, desenvolveranse parladoiros, compararanse estatísticas... E pasará como coas guerras: que non aprendemos nada, que isto non debería suceder nunca máis, parece mentira que en pleno século tal. As guerras seguen e seguirán. Os incendios cada vez serán máis desbastadores. Porque non hai control durante todo o ano. E moito menos conciencia.
Asomarán investigacións para saber como se iniciou, onde se iniciou e por que se iniciou tal incendio. O como é sinxelo: intencionado. Non fai falta ser especialista de nada para saber que máis do 95% son intencionados. Xa teño contado que, de rapaces, faciamos probas co pelo do zorro (unha herbiña moi fina, moi basta e moi seca) e non había maneira. Nin con cigarros, nin con cristais, nin rabo de peixe. O lume aparece porque alguén o prende. Onde se inicia un incendio case sempre é en lugares inaccesibles ou afastados dos núcleos urbanos (aínda que, despois, sempre acaban chegando a estes), o que significa que se lle vai poñer lume. O por que... o por que xa o dixen ó principio: pastos para gando, madeira barata, terreos para a especulación, intereses económicos, gozo do pirómano, ineptitude das administracións e falta de conciencia en moito (en moitos, repito) seres humanos. Todo arde.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 12 de agosto de 2025
No hay comentarios:
Publicar un comentario