Tiven un presentimento cando vin asomar unha sombra por detrás dunha casa. Era unha sombra longa e escangallada. Non era a sombra que me asombra de Rosalía de Castro. Seguro que era a sombra de Lorenzo Xestas, O Toupeiro. Atinei ó momento. Porque detrás da sombra apareceu o devandito.
Lorenzo Xestas, O Toupeiro, era tal como a súa sombra: alto, descarnado, mal feito. Pero era un bo home. Non se metía con ninguén e axudaba en todo o que podía. Ás veces era un pobre inocente que mesmo abusaban del. Sen mala intención, pero algúns veciños ben que o utilizaban, ben que se aproveitaban.
Nacera a destempo nun simple xergón de millo que os seus pais tiñan tirado na única habitación existente da súa casa. Se é que se lle podía chamar casa a aquela chabola que había ó final da canella. O sitio, o único que tiña de bonito, era unha roda de carro, xa vella, apoiada sobre a parede na que remataba a canella.
O Toupeiro era fillo de Isolina Laverca e Eduardo Xestas, Os Cubanos. O alias xa o aclara todo: emigraran para Cuba buscando a terra prometida, o maná prometido e volveron aínda máis pobres do que foran, completamente derrotados e con catro farrapos sobre os seus lombos. Nin tan sequera unha maleta traían consigo.
Foi outro veciño, O Severino, o que lles emprestou esa casoupa na que vivían como vivían. Regaláronlles dous pares de pitas e pódese dicir que vivían a base de ovos.
A sombra do Toupeiro fíxose aínda máis longa cando pasou polo meu lado. Mirámonos e nada máis.
Café Alumbre. A Valenzá. Domingo, 7 de setembro de 2025
Foto: Baños de Molgas (Ourense)
No hay comentarios:
Publicar un comentario