Solicitei unha prórroga dun descanso que me concederan hai xa uns meses. Un descanso no traballo no que estaba. Un traballo que non vén ó caso. Dicir traballo é moito dicir. Tan só levaba un ano cando planeei coller un descanso. Por unhas e outras cousas, por unhas e outras circunstancias o fun alongando mes tras mes. Agora, nesta solicitude que lles fago, xa lles digo a verdade: que me prorroguen o descanso por nugalla, por vagancia, por preguiza. Estou esperando a contestación. Mentres non contesten, eu... sigo no sofá, unhas veces na cama, outras vendo o mar, e así. Din que o que non chora, non mama.
Chorei sempre. Desde o momento en que me pariu miña nai, a iso das cinco da madrugada, no mes das flores e das burras saídas, do ano que tampouco vén ó caso, e ata agora, que, iso si, digo que teño moitos anos encima. Antigamente, cando choraba moito, choraba aínda máis porque, a pobre da nai, farta dos meus lamentos, dábame algunha que outra labazada a maiores para que deixase de chorar. Vaia carallada! Pero ela non andaba con lerias.
Agora sigo chorando polo dito: o que non chora, non mama. Chorei cando solicitei o traballo. Debinlles dar pena porque mo concederon ó momento. Chorei cando solicitei o descanso no que, iso si, tiven que alegar un asunto que segue sen vir ó caso. E chórolles agora na solicitude de prórroga. Se non ma conceden, é igual; seguirei tombado sobre a almofada da galbana. Chámome Indalecio Carnaval Soutiño, O Lágrimas.
Café Brétema. A Valenzá. Venres, 19 de setembro de 2025
No hay comentarios:
Publicar un comentario