sábado, 27 de septiembre de 2025

O HOME DA HABITACIÓN 518


O home lembrou que era o día da bici e asomou á ventá da habitación. Desde o quinto andar viu na distancia a unha morea de xente que pedaleaba xa a duras penas pola rúa arriba. Un medio sorriso asomou ós seus beizos cando intuíu que por aí estaban a pasar tres xeracións. Aínda que a vista xa lle fallaba bastante, notaba sombras moi pequeniñas que sabían que pertencían a eses cativos que case nin sabían pedalear. Pero aí estaban, dándolle ó pedal baixo o alento dos pais ou dos avós, ou de todos á vez.


O home da habitación 518 sorriu con tristura. El agora sabe que perdera a infancia, que maltratara a xuventude e que, de adulto, estaba a pagar os excesos. Os bos e os malos. Na infancia viviu nunha época na que tivo que traballar para malvivir. Os esforzos físicos quéixanse agora sobre o seu corpo maltratado. Na mocidade... na mocidade viviu como viviu e como puido. O tempo, as circunstancias, mesmo a propia conciencia, nunca tiveron compaixón del. Agora contempla as tres xeracións que circulan felices pola vida.

El tamén circula pola súa propia vida ata que lle doe a memoria, ata que se lle queixan os recordos, ata que se lle morren os soños. Os seus xa hai anos que morreron... os que leva encerrado nesa habitación do quinto andar. Intenta non botarse a culpa de nada, nin de culpar a ninguén. Intenta vivir a vida, iso si, sen esperanza, simplemente simulando a dos demais: pedaleando pola rúa baixo un triste sorriso que semella máis un ricto de resignación. Ó mesmo tempo, unha certa humidade empana a iris ou a esclerótica dos ollos. Cando cansa, baixa a persiana... a dos ollos e a da ventá.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Domingo, 21 de setembro de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario