Corrín unha distancia que non souben medir. Sei que corrín moito sen parar. E sen mirar para ningún lado. Sempre para adiante. Como a vida que se vive. Son dos que cando emprendo unha cousa, non paro. Nada me frea. Certo que case sempre son arroutadas miñas, que non deberían vir ó caso, pero... Pero é o que hai. Son así. Saín torto. E ninguén me endereita xa. A estas idades tampouco paga xa a pena.
Porén, do que máis me asombro é de non saber o que corrín. Eu, que sempre defendín que a mellor medida, a máis exacta é a de a ollo. Hoxe non me sae nin iso. A ver, tamén é verdade que, ó correr moito, perdín a perspectiva; non todo foi en liña recta e, sendo así, medir a ollo é complicado. Porque atravesei montes e valados, vales e montañas, crucei ríos e non crucei o Atlántico porque se me deu por volver sobre os meus propios pasos. Desvieime por atallos, corrín por quilómetros de estradas, mesmo me metín por entre toxeiras cheas de flor, perdinme por milleiros de curvas e, cando me decatei, pasara incluso dun día para o outro.
Non botei os bofes porque souben controlar. A pesar de correr moito, facíao a intervalos rápidos e lentos, para acompasar os músculos, a respiración e ata a canseira das pernas. Cando notaba algún tirón, eu mesmo me dicía “quieto parado”, pero se parar; correndo máis amodiño e cunha coíña na boca para producir cuspe. Non sei, din que se produces cuspe, mantés a boca mollada. Seica é o principio de non sei quen; un físico ou científico deses. Deixei de correr e, que pena, non souben medir a distancia que corrín.
Café Rooster. Ourense. Luns, 22 de setembro de 2025
No hay comentarios:
Publicar un comentario