Todo está na xente, no cidadán. Grazas ós pobos que se erguen cheos de pena e carraxe, os demais países empezan, pouco a pouco, a condenar definitivamente a Israel polo seu xenocidio na franxa de Gaza. Pouco a pouco porque, ata agora, a ineptitude política da maioría dos países era absoluta e total.
Fronte a esta situación, a resposta cidadá foi contundente. Desde Nova York ó Cairo, pasando por Londres, París, Berlín e Madrid, millóns de persoas saíron ás rúas con bandeiras palestinas, pancartas e consignas de alto o fogo. As protestas adoptaron múltiples formas: marchas masivas, sentadas en universidades, boicots a empresas que colaboran coa ocupación, bloqueos de estradas e mesmo ocupacións simbólicas en edificios gobernamentais. En varios países, a xuventude liderou unha onda de desobediencia civil, inspirada nos movementos contra o apartheid surafricano e contra a guerra de Iraq.
As demandas son claras: cese inmediato dos bombardeos, levantamento do bloqueo, apertura de corredores humanitarios, embargo de armas e sancións reais contra Israel. Porén, os gobernos responderon con pachorra, con xestiños. Estados Unidos mantén, como non, o seu apoio militar e político ó seu fillo putativo, incluso vetando resolucións críticas no Consello de Seguridade. Europa, dividida (faltaría máis), oscilou entre a condena retórica e a inacción práctica. No mundo árabe e o chamado Sur Global, aínda que houbo declaracións firmes, as medidas efectivas víronse limitadas por divisións internas e pola presión internacional.
Esta fenda entre a vontade dos pobos e a pasividade dos gobernos é o que moitos describen como a “ineptitude” da comunidade internacional. Non se trata só de incapacidade técnica, senón de falta de vontade política. Os intereses estratéxicos, económicos e militares pesan máis que a obriga moral e xurídica de previr un xenocidio. O dereito internacional semella impotente cando os actores, mellor dito, o actor máis poderoso se nega a aplicalo.
Os mesmos Estados que defenden os dereitos humanos en foros multilaterais gardan silencio cando se trata de sancionar a un aliado estratéxico. Menos mal que o público, sempre o público se ergue para berrar forte que a inacción non é neutralidade, senón complicidade. Menos mal que a presión popular empeza a empuxar a parlamentos, partidos e ata a empresas a reconsiderar os seus vínculos con Israel. Horas eran.
Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 27 de setembro de 2025
No hay comentarios:
Publicar un comentario