Case digo que si, pero dixen que non. Ó asunto que me propuxeron. Achegáronse dous tipiños e ofrecéronme moitos cartos para facer certa cousa. A tentación era moita. Porén, o caso, o tema cheirábame mal. Nada, simplemente polas caras dos tipiños. Máis en concreto, polas expresións. Non tiñan expresión! Mal asunto. Calquera ser racional, ó dicir ou ó facer algo, sempre haberá un momento no que o delate algún xesto. Estes dous tipiños, impertérritos por completo. E iso que estaban a ofrecerme moitos cartos! E iso que o caso que me propuñan era de rabo e rola, de rapar e peitear!
Pedinlles permiso para pensalo uns minutos. Eles, iso si, educadamente, non me premeron e sentaron no mazadoiro que estaba pegado no frontal da miña propia casa. Aí tamén me din conta de que os tíos eran como autómatas: facían o mesmo os dous a un tempo. Non se atrevían a mirarme ós ollos. Cada vez me cheiraba peor o asunto. E iso que eu, a causa dunha enfermidade chamada anosmia, non teño olfacto. Pero chégame a intuición para saber que a proposición cheiraba mal, non era flor de arrecender ou xema de ovo.
Durante eses minutos nos que pensei, cansei de mirar para eles e, recoñezo, de mala maneira. Xa digo que a cousa non estaba clara. Eles, non obstante, esperaron pacientemente. Como tampouco quería que se enfadasen, achegueime deica eles e, definitivamente, case digo que si, pero dixen que non. Aí si apareceron uns xestos seus... querendo botar as mans ós sobrazos. Non lles dei tempo a que sacaran as pistolas. Mateinos coa mirada.
Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Domingo, 28 de setembro de 2025
Foto: Mazadoiro na rúa da Igrexa (Baños de Molgas - Ourense)
No hay comentarios:
Publicar un comentario