No outubro de 1937, hai exactamente 88 anos, na fronteira entre a República Dominica e Haití, ocorreu un dos episodios máis sanguentos e menos recordados da historia caribeña: a chamada Masacre do Perexil. Miles de persoas de orixe haitiano, así como dominicanos negros considerados “sospeitosos” foron asasinados por orde do ditador Rafael Leónidas Trujillo Molina.
Entre o 2 e o 8 de outubro, tropas do exército dominicano, xunto a civís armados, emprenderon unha operación de limpeza étnica. O número de vítimas, como na maioría das masacres, foi obxecto de debate, pero organismos internacionais e testemuñas diversas coinciden en que entre 15.000 e 20.000 persoas foron asasinadas a machete, coitelo ou balas nos fusís subministrados por, faltaría máis, os Estados Unidos de América.
A matanza recibiu ese nome por un detalle macabro. Os soldados dominicanos, encargados de identificar ós haitianos, pedíanlles pronunciar a palabra “perexil”. Os que non podían articulala co acento característico do español caribeño eran condenados a morte. Un simple vocábulo converteuse na fronteira entre a vida e a execución. Mulleres, nenos e anciáns; que é o que sempre impresiona máis das masacres, principalmente os nenos, pola súa inocencia e polo seu futuro percorrido existencial. A maioría dos corpos arroxáronse a ríos coma o Dajabón, coñecido desde entón como Río Masacre.
O horror transcendeu rapidamente as fronteiras e Haití protestou ante a comunidade internacional. Moi timidamente, pois o seu presidente desexaba as mellores relacións posibles coa ditadura de Trujillo, e ademais as masacres afectaron a un conxunto de “emigrantes rurais, moi pobres e sen poder político en Haití”, polo que a elite política haitiana non amosou indignación algunha polo sucedido. Porén, e coa axuda de Estados Unidos (outro que tal: primeiro dá as armas e despois simula que axuda) alcanzaron un acordo en 1938 polo que Trujillo aceptou pagarlle unha indemnización de 750.000 dólares ó goberno haitiano. A maior parte da indemnización roubouna a propia burocracia haitiana, polo que só se repartiron 1.340 dólares a 67.000 familias haitianas, é dicir, a 2 centavos de dólar a cada familia. Negocio redondo. Un simple pirixel, convertido en sentenza de morte, recórdanos a fraxilidade da dignidade humana fronte á intolerancia e o autoritarismo.
Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 4 de outubro de 2025
No hay comentarios:
Publicar un comentario