domingo, 5 de octubre de 2025

NON ESTABA DE SER


Cun pequeno salto, Florentino Betán Bouzas, O Palanganas, plantouse no me dio da estrada e berrou: “mátame, camión!”. Como a distancia aínda era boa, O Palanganas non caera na conta de que era un tractor amarelo o que circulaba ó seu encontro. Debido a que a velocidade do tractor non ten nada que ver coa do camión aínda que, a deste, tampouco sexa moito máis, Florentino, O Palanganas, optou por non seguir esperando. Nunca tivo moita paciencia.

Emporiso, como tiña ganas de facer unha das súas, unha falcatruada da que xa non saíse nunca máis e da que se acordase todo o mundo, marchou correndo á pasarela do muíño para lanzarse desde ela ás augas do río Arnoia. De camiño cruzouse co Eliseo, o fillo da Erundina, A Sin Dedos (faltábanlle catro da man esquerda), e xa se puxeron a falar do partido de fútbol que viran xuntos hai dous días no bar de Antonio, O Gazpacho. O Palanganas esqueceu entón o motivo polo que se dirixía á pasarela do muíño.


Aínda sabendo que perdera a ocasión de acometer algo, díxose así mesmo de pasear un pouco polas rúas de Baños de Molgas e así poder lembrar o que realmente quería facer. E xusto cando alzou a mirada ó ceo e viu o campanario da igrexa, acordouse de todo, ou sexa, de poñerlle fin a todo. Pero tampouco puido ser porque a porta que daba ás escaleiras para subir pola torre da igrexa estaba pechada. Saíu ó atrio e, en vez de berrar, empezou a oulear coma un lobo. Aínda segue ouleando. A súa arroutada non estaba de ser.


Café Rooster. Ourense. Luns, 29 de setembro de 2025


Foto: Pasarela do Muíño (Baños de Molgas - Ourense)

No hay comentarios:

Publicar un comentario