Noto cousas, vin cousas e sei de cousas. Así, tal cal. Noto un algo que se me apega, que se me apelica na pel. Non son de suar, pero hoxe súo. Ó mellor ese algo é certa indiferenza ou certa ignorancia do paso do tempo. Como todo pasa e todo cambia... Noto o ruxerruxe dos que están en silencio e noto o silencio no medio do barullo. Noto o espírito maligno que me rilla nas entrañas.
Vin arder naves máis alá de Orion, etcétera, e vin como a claridade se volvía escura e como a escuridade só serve para non ver nada, para dar paus de cego. Vin cousas que farían encoller a un ourizo cacheiro e vin como as espiñas deste furgaban en certos recantos da memoria. Vin unha estrela fugaz en plena canícula e vin o sol montar sobre o corno dereito da lúa. Ó final, todos os asteroides serán pardos.
Sei de cousas que me contaron de cando o tempo se medía por segundos e, agora, cada segundo é un mundo, unha eternidade. Sei da felicidade que se volveu esperpento e do parasol facéndolle sombra ó baleiro. Sei cuspir para arriba sen que a saliva caia para abaixo. E sei baixar por onde subín. Malamente. Porque sempre se dixo que era peor a baixada que a subida. Certo, moitos soben ó ceo para baixar ó inferno.
Noto cousas, vin cousas e sei de cousas. Son como unha enciclopedia na que se gardan as ocasións que foron, os xogos que se desenvolveron, os contos que se contaron e, por que non, tamén os esperpentos que se viviron. Son ese dicionario que ten todas as palabras e non di nada.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 30 de xullo de 2025
No hay comentarios:
Publicar un comentario