domingo, 1 de marzo de 2026

POSGUERRA: O CASTIGO DOS VENCIDOS


Acaban de desclasificar os papeis do 23-F e, coma sempre, as revelacións non pechan feridas: ábrenas. Hai quen xustifica aquel intento de Golpe de Estado como se fose unha resposta necesaria a un tempo convulso. E aínda hai máis quen, con perigosa frivolidade, suspira por outro golpe, por outra ruptura violenta, mesmo por outra Guerra Civil. Non aprenderon nada. Ou non queren aprender.

Acabo de ler O derradeiro caso de Unamuno”, de Luis García Jambrina. A novela sitúanos no primeiro ano da Guerra Civil, pero entre liñas xa se intúe o que virá despois. Porque se algo ensina a historia é que o peor dunha guerra civil non é só o estrondo das armas, nin o sangue derramado nos campos. O peor é o tempo que vén despois: a longa, abafante e maldita posguerra.


Unha guerra é unha loita con armas entre países ou entre bandos dun mesmo Estado. Nunha guerra civil rómpese algo máis profundo: enfróntanse veciños, amigos, irmáns. E mentres a guerra pode explicarse -que non xustificarse- como un enfrontamento armado, a posguerra convértese nun castigo prolongado, nunha maquinaria fría de represión e vinganza.

As consecuencias de perder son devastadoras. O derrotado, o vencido non só perde o conflito: perde dereitos, dignidade, voz. É machucado, esmagado, silenciado. Canto máis poder acumula o vencedor, máis o exerce. A posguerra española foi unha das máis miserentas e crueis: fame, delacións, cárceres ateigadas, exilios interminables, medo, moito medo. Un xesto mal interpretado, unha palabra dita en voz baixa, un pasado sospeitoso podían custar a liberdade ou a vida. Entrar polo ollo esquerdo era quedar marcado. E quen quedaba marcado sabía o que lle agardaba: humillación, tortura, paseo ou fusilamento.

Por iso resulta tan irresponsable xogar coa memoria. Quen idealiza golpes ou guerras esquece -ou despreza- que despois vén a “longa noite de pedra”. E as noites longas, cando se instalan nun país, tardan décadas en desaparecer.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 27 de febreiro de 2026

Finca Fierro. Barbadás. Domingo, 1 de marzo de 2026