Acaban de desclasificar os papeis do 23-F e, coma sempre, as revelacións non pechan feridas: ábrenas. Hai quen xustifica aquel intento de Golpe de Estado como se fose unha resposta necesaria a un tempo convulso. E aínda hai máis quen, con perigosa frivolidade, suspira por outro golpe, por outra ruptura violenta, mesmo por outra Guerra Civil. Non aprenderon nada. Ou non queren aprender.
Acabo de ler “O derradeiro caso de Unamuno”, de Luis García Jambrina. A novela sitúanos no primeiro ano da Guerra Civil, pero entre liñas xa se intúe o que virá despois. Porque se algo ensina a historia é que o peor dunha guerra civil non é só o estrondo das armas, nin o sangue derramado nos campos. O peor é o tempo que vén despois: a longa, abafante e maldita posguerra.
Unha guerra é unha loita con armas entre países ou entre bandos dun mesmo Estado. Nunha guerra civil rómpese algo máis profundo: enfróntanse veciños, amigos, irmáns. E mentres a guerra pode explicarse -que non xustificarse- como un enfrontamento armado, a posguerra convértese nun castigo prolongado, nunha maquinaria fría de represión e vinganza.
As consecuencias de perder son devastadoras. O derrotado, o vencido non só perde o conflito: perde dereitos, dignidade, voz. É machucado, esmagado, silenciado. Canto máis poder acumula o vencedor, máis o exerce. A posguerra española foi unha das máis miserentas e crueis: fame, delacións, cárceres ateigadas, exilios interminables, medo, moito medo. Un xesto mal interpretado, unha palabra dita en voz baixa, un pasado sospeitoso podían custar a liberdade ou a vida. Entrar polo ollo esquerdo era quedar marcado. E quen quedaba marcado sabía o que lle agardaba: humillación, tortura, paseo ou fusilamento.
Por iso resulta tan irresponsable xogar coa memoria. Quen idealiza golpes ou guerras esquece -ou despreza- que despois vén a “longa noite de pedra”. E as noites longas, cando se instalan nun país, tardan décadas en desaparecer.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 27 de febreiro de 2026
Finca Fierro. Barbadás. Domingo, 1 de marzo de 2026

No hay comentarios:
Publicar un comentario