miércoles, 30 de julio de 2025

A RÚA DO BALEIRO


Busquei todo ó longo da rúa do medio ata que, esta, se quedou sen nome. Non había nada. Tan só unha señardade que medio afogaba as ansias e mesmo mancaba nos desexos. Nin unha alma cándida. Só silencio. E sombra. A sombra dos edificios que se erguían, que se levantaban deica o infinito e máis alá.

Busquei un algo, incluso unha simple folla de plataneiro, ou de carballo, ou de bidueiro, ou de amieiro ou de eucalipto. Nada. Non había nada nin se escoitaba nada. Nin un mísero berro. Certo que berrar nunha cidade case non procede, pero, que menos o choro dun neno, a queixa dun cativo. Nada. Nin o canto dun grilo.


A rúa era pequena. Abondo inclinada, pina. E nin o xemido de alguén que subise a causa do esforzo. Soidade e silencio, se pode dicir. Ningún movemento. Nin tan sequera unha pomba, unha rula, moito menos unha bubela. Semella a rúa do baleiro.

Dos edificios non sae música, nin voces televisivas, voces radiofónicas. Todo é silencio. Nin o zunido dunha mosca, o funguido dun tabán, o zunzún dunha avespa. Nin o arrastrar dunha cobra, dunha serpe. Busquei algo e non atopei nada.

Para falsear a realidade, ou mellor aínda, para darlle vida a esa realidade silandeira, instalei os auriculares nas miñas orellas e cantaruxei eu mesmo os temas só coa intención de facer algo de ruído. Algo. Porque tamén caín na conta de que os meus pasos non facían ruído. Non sei a que se debía... se ó baleiro, se á señardade, se ó silencio, se á realidade ou se á propia rúa. Busquei e non atopei nada. Volvín sobre os meus pasos.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Domingo, 27 de xullo de 2025


Foto: Baños de Molgas (Ourense)

No hay comentarios:

Publicar un comentario