domingo, 5 de abril de 2026

O ESPELLO DEFORMADO DO CINEMA


O ser humano é, por natureza, un ser profundamente contraditorio. Tan axiña critica con dureza como, ó pouco, se desfai en loanzas. Nun intre pode insultar e, no seguinte, suplicar ou admirar aquilo mesmo que antes desprezaba. Esta dualidade, case inherente á condición humana, reflíctese con especial claridade no ámbito cultural.

Non hai tantos anos, unha boa parte da sociedade renegaba do chamado “landismo”, da parella cómica Esteso e Pajares e das coñecidas españoladas. Considerábanse produtos de escaso valor, simples, vulgares e pouco dignos dunha cultura cinematográfica que aspirase a algo máis elevado. Porén, o paso do tempo semella ter cambiado pouco as cousas, ou tal vez as mudou para peor, pois agora asistimos a unha entrega masiva ó fenómeno coñecido como “torrentismo”.

Santiago Segura leva xa rodadas seis películas de Torrente, cun personaxe que encarna moitos dos valores que, en teoría, a sociedade actual di rexeitar: é racista, machista, corrupto, franquista, alcólico e dunha vulgaridade extrema. Trátase dun individuo basto, groseiro e chocalleiro, un compendio de todo aquilo que publicamente criticamos unha e outra vez. Realmente renegamos deses comportamentos ou simplemente finximos facelo?

Debo recoñecer que nunca vin unha película completa de Torrente. A simple visualización dun tráiler foi suficiente para afastarme delas. Aínda así, e malia escribir sobre o fenómeno, non agocho a miña antipatía tanto polo personaxe como polo seu creador. Non obstante, este texto non pretende ser unha crítica persoal nin un ataque directo, senón unha reflexión máis ampla.


O verdadeiro eixe deste relato reside na contradición cultural do noso país. Os filmes de Torrente baten récords de audiencia e enchen salas, a pesar de seren obras que dificilmente poden asociarse co concepto de calidade cinematográfica. Mentres tanto, grandes nomes do cinema español como Saura, Buñuel, Bardem, Erice ou Bigas Luna non aparecen nin sequera entre as 50 películas máis vistas.

Este dato resulta, cando menos, revelador. Non estamos a falar de figuras menores, senón de auténticos referentes da historia do cinema. A súa ausencia nas listas de maior audiencia pon de manifesto unha realidade incómoda: o éxito comercial non sempre vai da man do valor artístico.

Dito doutro xeito: máis que contradición, o que existe é unha preocupante pobreza cultural que se manifesta no que vemos, no que consumimos e, sobre todo, no que decidimos valorar.


    Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 1 de abril de 2026

    Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 4 de abril de 2026

No hay comentarios:

Publicar un comentario