lunes, 4 de mayo de 2026

A ARTE DE DICIR QUE ESTOU BEN


Estás ben? Estou. Sempre estou ben. Se estou mal, teño que dar explicacións. Ás veces non apetece dalas. E iso que son dos laretas, dos que deixan a lingua solta ou lle dan á esgalla. Ademais, que carallo, cando estou mal teño a opción de tirarme ós toxos ou desde a ponte das Cepas. Se me tiro ós toxos, pícome. Se me tiro desde a ponte das Cepas, en Baños de Molgas, esnáfrome e mátome. Caer sobre os penedos do río Arnoia desde 49 metros de altura non creo que me permita saír ben parado. Mellor tirarse ós toxos.

A maiores, hai toxos especiais. Hai toxos que teñen a flor tan bonita que ata se desexa, ata dá gusto tirarse a eles e cos ollos pechos. Dixen que o toxo é o símbolo de Galicia? Podía ser o patrón, pero tal honor resérvase para o carallo. O carallo recoñécese en todo o planeta, mesmo na Lúa. Porque xa hai tempo que di a canción que hai un galego na Lúa. E se hai un galego, como non vai estar o carallo!


Estás ben? Estou. Estou ben aquí, e na Lúa, e en Australia, e na lápida dun cemiterio, e no Outeiro Barbeiro ouleando, e na ponte vella de Baños de Molgas tirándome ó Arnoia, e no sofá vendo unha película, e polo paseo do río lendo. No sofá, vendo a película, é como mellor estou: descansando e gozando.

A maiores, hai películas especiais. Hai películas longas e curtas, con ritmo e sen ritmo, boas e malas, de ciencia ficción e de humor, con drama e con acción. As de acción entreteñen máis, aínda que tamén as hai para deixar de velas ós vinte minutos. Dicía un crítico que cando unha película non gusta ós vinte minutos... malo. E tan malo: xa case é mellor deixala.

Estás ben? Estou. Eu sempre estou ben.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 30 de abril de 2026

Finca Fierro. Barbadás. Luns, 4 de maio de 2026

Foto: Ponte Vella de Baños de Molgas

No hay comentarios:

Publicar un comentario