jueves, 19 de febrero de 2026

AS APAIOLADAS DO PEIXIÑO


Pois si: estaba esperando a que chovese e apareceu un raio de sol que me abrasou. Foi nese momento cando pensei que non só queima o lume; o sol tamén arde. Alguén, unha vez, comentoume que o xeo, a conxelación, tamén queima. Mireino de esguello, non lle fixen caso e, ás agachadas, burleime del.

Chámome Osorio Presqueira Benvido e sei que a xente me fala coma se fose parvo. Non teño nin un pelo de parvo; non son besta cega. Iso si: ás veces fago o paiolo para que a xente se abra e colla confianza. E xa se sabe: cando a xente colle confianza, unhas veces pásase da raia e outras descobre o que non debería. Eu sei segredos que ninguén máis sabe... grazas ás miñas apaioladas.


Ninguén me chama Osorio. Todos me coñecen como O Fillo dos Troiteiros. Ás veces tamén me din O Peixiño Pequeno, aínda que case sempre o reducen a O Peixiño. Vivo na casa que está á beira do muíño do Escolástico – que, por certo, non sei se ese é o seu nome verdadeiro ou só un alcume-. Dá igual: a miña é a das tellas verdes, a única así en Baños de Molgas. Mandeinas pintar desa cor para destacar. E iso, o de querer destacar, demostra que non son ningún parvo.

Deixo que a xente pense que son un babiolo, un babeco, un bobo, un boubexo, un boubo, un cretino, un estúpido, un fato, un idiota, un imbécil. Deixo que me tomen por paiolo, panoco, paparón, papón e sandeu. Que se rían. Que crean que me toman o pelo. Así ábrense diante de min e confesan os catro confesares. Son coma o seu confesionario particular. Eles marchan satisfeitos, convencidos de que se burlaron do Peixiño; eu quedo cos seus segredos.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 19 de febreiro de 2026

Foto: O muíño (Baños de Molgas)

No hay comentarios:

Publicar un comentario