Déixome caer sobre un leito de fentos e cúbrome cunha manta de xestas en flor. A tarde está soleada. Os grilos cantan e os paxaros voan. Moi bonito e moi melindroso este momento. É como unha nostalxia bambeándose sobre o baleiro, como un instante no que nada sucede ou no que pasa de todo sen eu decatarme. Hai silencios que reinan no medio do máis inmenso barullo.
A banda sonora de “Kill Bill” é unha marabillosa homenaxe ó mestre Morricone, ós spaghetti western e á música en xeral. Escoitala mentres o Uriarte se deita ó meu lado, dándolle ó rabo, é como vivir un momento único, un deses momento que desexas que non rematen nunca. E vexo a Uma Thurman, coa espada en alto, despezando, cuarteando, desfacendo, partindo malos de película.
Como o tempo pasa e todo cambia, o sol empeza a acocharse polo outeiro de Brandín e a tarde chega ó seu fin. Espallo a manta das xestas floridas e érgome do leito de fentos. O can tamén se levanta e dálle ó rabo. Acaríñolle a cabeza e asubíolle a música de Ennio Morricone en versión tarantiniana. Ó Uriarte bríllanlle os ollos e dálle con máis forza ó rabo. Entende de música: a proba é que lanza uns ladridos ó ritmo de “Twisted Nerve”, desta volta de Bernard Herrmann.
Dígolle polo baixiño que vaia na procura das vacas mentres eu recollo o xersei e a novela que deixara sobre un penedo de Barricobos, xusto enriba do escudo do Real Madrid que algún pasmón esculpiu alá polo xullo de 1976.
O sol xa se puxo. O camiño ata a casa, ata a vila de Baños de Molgas, é curto. Pero hai que andalo. Alá imos: tres vacas, un burro, un can e un paspán.
Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Domingo, 8 de marzo de 2026
Foto: Escudo do Real Madrid nun penedo do monte de Barricobos (Baños de Molgas)

No hay comentarios:
Publicar un comentario