sábado, 7 de marzo de 2026

RECANTOS DO SILENCIO E DA LEMBRANZA


Aproveitando que non teño periódico para ler, dedicarei os minutos do café da tarde a escribir; é dicir, a contar, a narrar, a latricar, a falar de... Do silencio no medio dunha barafunda. Do ruído neses recantos do silencio. Dos recunchos nos que a memoria furga para atopar a nostalxia dos tempos. Dos tempos no que todo ía e viña a gran velocidade. Desa velocidade infantil, mesmo xuvenil, que non tiña freo para que todo pasase como tiña que pasar: ou sexa, coa felicidade e a inocencia compartindo as fantasías dos soños.

Tamén podo contar que o luscofusco era fermoso, moi bonito e que as lavercas alegraban as mañás no monte Medo e as tardes no monte de Pinouzos. O lobo ouleaba na distancia. A flor do toxo brillaba. A pega pousaba na galla dun amieiro da Tapada dos Ferreiros. A Turina erguía o rabo e “abeiraba” escapando dos tabáns ou quizais por non querer levar o carros dos toxos. As campás do santuario de Os Milagres repenicaban unha misa de réquiem polos que xa nunca puideron volver.


Como segue sen haber ningún periódico libre, direi que hai que rir por non chorar e que tamén hai que chorar para chamar a atención. Outros choran de dor, de angustia, de pena, de ansiedade, de impotencia, de carraxe; choran por misericordia, polos que xa non están e polos que se van. Chorar libera as entrañas!

Tamén digo que quero un mundo de cores, sen guerras nin conflitos, sen Trumps nin Netanyahus, sen voltas nin revoltas. Agora cada quen que asubíe tres avemarías e que cante outros tres nosopais. Que asubiar, cantar e rezar é gratis. Tamén berrar e insultar, pero iso xa sería outro conto, outra historia.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 3 de marzo de 2026

Café Brétema. A Valenzá. Mércores, 4 de marzo de 2026


Foto: Os Milagres (Baños de Molgas - Ourense)

No hay comentarios:

Publicar un comentario