Maldito sexa este tempo que non me deixa saír ler polo paseo do río! Con todo o que me gusta ler andando! É bo que chova para a agricultura; é malo que chova para os paseantes e camiñantes. Aínda é peor cando chove e deixa de chover..., porque non sabes que facer.
Non chovía, así que baixei. Empecei a ler. Primeira pinga sobre a cabeza: libro dentro da mochila. Raio de sol asomando por entre as nubes: libro fóra da mochila. Nube negra, moi negra, sobre o horizonte: pés, para que vos quero...
Gústame ler andando, pero cando non se pode... non se pode. Tamén me gusta voar, aínda que non o consigo. Quixen facelo unha vez desde o campanario da igrexa de Baños de Molgas, lanzándome ó baleiro desde unha altura de trinta metros. Non o conseguín, mais souben caer ben, moi ben. Mesmo ó flexionar os xeonllos non notei nada raro. Foi algo así como unha caída olímpica.
Gústame bailar un tango sobre a punta dun dedo da man esquerda, aínda que non me sosteño. Penso en Carlos Gardel e deixo que a miña imaxinación dance sobre a almofada dos soños. Nela abrazo o silencio e a flor do toxo, e deixo que a felicidade se faga dona e señora da miña existencia.
Gústame resucitar de entre os mortos, pero como non hai ninguén que me crucifique, fago eterna —e con nostalxia— a subida ó monte Calvario. E alá arriba deixo que o meu peito solte tal ouleo que asuste ás propias mandas de lobos. Gústame ser lobo solitario neste tempo no que nunca sabes que facer porque... chove e deixa de chover.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 5 de maio de 2026

No hay comentarios:
Publicar un comentario