Só sei que non sei nada. É mentira. Algo sei. Outra cousa é que conte ou non.
Hai cousas que non se deberían contar, como as hai que non se deben gardar. Os segredos non se contan. As penas desafóganse. Os pensamentos ou sentimentalismos... uns si e outros non.
Sei que algúns versos riman e outros van por libre. Tamén sei que o silencio deixa de ser silencio cando o ruído chega correndo da festa. Ou viceversa: cando o ruído se esconde entre as paredes da noite pecha, é cando o silencio pode bailar un tango na punta dunha deda.
Sei que o toxo pica, a silva engarra e a bolboreta baila. Baila sobre ese verso que vai por libre, porque a liberdade é ese dereito, ou esa posibilidade, de poder decidir se podo contar o que sei, aínda que semelle que non sei nada.
Pero sei, vaia se sei. Sei que, máis alá de Orión, hai moito máis universo. Que o universo, din, non ten fin. Que a finalidade dun sentimento é facer realidade a esperanza. A esperanza é esa sensación que dá moita guerra cando o silencio se apodera dunha almofada branca.
Sei que practicamente todo vai e vén; que o que xa non está é porque estivo; que o bambán da melancolía deixa de abanearse cando ninguén o empurra... as accións, o tempo, os recordos, a memoria...
Só sei que non sei nada. Sei, sei. Sei que o día que rebente o mundo será porque un berro seco, ou gozoso, se pasou de decibelios. Sei que todo está na miña cabeza. Outra cousa é que o diga ou non, que o pregoe ou non.
Café Brétema. A Valenzá. Martes, 1 de setembro de 2026

No hay comentarios:
Publicar un comentario