jueves, 2 de julio de 2026

ONDE SE ACABA O MUNDO


Onde se acaba o mundo”, díxolle unha amiga a outra cando esta lle preguntou onde andaba traballando.

A frase veume como anel ó dedo; cadroume ó xeito. Porque a min quédanme exactamente dúas horas para marchar cara a onde se acaba o mundo. O que aínda non sei é se hei de facelo andando, en coche, en barco, en avión ou combinando as catro maneiras.

Xa que non podo perderme polo espazo sideral, vagando polo universo sen fin aínda que non renuncio á esperanza de subir algún día ata Marte ou máis alá—, só me quedan tres lugares nos que desaparecer para a eternidade. Sempre tiven a ilusión de ir a un deles: Australia, Canadá e o Polo Norte.


A decisión chegou precedida dun sorteo, dun golpe de sorte. Como non sabía por cal decidirme, optei por xogar ó guá. Fixen tres buracos moi xuntiños e marquei cada un co nome dun deses destinos, na mesma orde en que os acabo de citar.

Lancei o bugallo e este inclinouse polo buraco da esquerda de todo —mesmo os bugallos saben que non son da outra beira—: Australia. Quédanme xa menos de dúas horas para marchar alá, vivir entre coellos e canguros. Porque esa é outra: nada de cidades nin de vilas grandes; quero estar practicamente perdido de todo.

A miña intención é acampar á beira do monte Uluru, tamén coñecido como Ayers Rock, e... vivir, que son dous días! Así que quen queira saber de min, que non perda o tempo buscándome; para a maioría non será prato de gusto achegarse ata onde se acaba o mundo.

Alá vou, Australia!


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 29 de xuño de 2026

miércoles, 1 de julio de 2026

ESTOU AQUÍ


Empezo a asimilar que estou aquí, na terraza da cafetaría. Acabo de chegar. Hai un pouco andaba por aí; estaba noutro lado. Como non me multiplico, só podo estar nun sitio. Antes estaba alí; agora, aquí.

No fondo todo é moi simple: ser ou estar. Xa está. Non hai nada máis. Ou, como dicía tamén aquel bardo, ser ou non ser; é dicir, estar ou non estar.

Nada de buscarlle tres pés ó gato nin de poñerlle rodas á Perla Negra. A nave navega, e con iso abonda. O gato andará á xaneira ou seguirá ó seu aire, que de parvo non ten nada.


Estou aquí. Só aquí. Mesmo nesta cadeira e non na da miña dereita nin en ningunha das que teño enfronte. Estou aquí porque xa non estou no paseo do río dos Muíños. Hai un anaco andaba por alí. Pero... que se di do tempo? Que pasa e que todo cambia. Do paseo pasei á nugalla; da lectura, ó café. E así outras cousas semellantes que agora non me apetece contar. Lembrade que usei a palabra nugalla, e cando hai nugalla, as ganas de facer algo son efémeras.

Efémera. Gústame esa palabriña. Algo que pasa rápido, que pasa axiña, que dura pouco. Breve. Fugaz. Fuxidío. Pasadío. Pasaxeiro... E tampouco sigo pola nugalla.

Estou aquí. E, agora si, por pouco tempo. Porque, como xa levo un tempo aquí, toca marchar para outro lugar, para estar noutro sitio. Permanecer sempre no mesmo acaba por aburrir, mesmo cando se está ben. Ademais, necesito sentirme nómade, ambulante, itinerante; vagabundo xa menos.

Estou aquí.

Marcho para alá.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Sábado, 27 de xuño de 2026