viernes, 6 de noviembre de 2026

O VOO DOS SOÑOS NA COVA DO DESEXO


Namorei das cores da bolboreta e deixei que a rula dos soños aterrase sobre as flores dun toxo, xusto á entrada da cova do desexo. Era unha tarde de outono, desas nas que o vento xoga coas follas e fai bailar os pensamentos. No ceo, unhas nubes brancas espallábanse amodiño, coma se quixesen acompañar a miña nostalxia.

Decidín quedar en silencio para gozar daquela paisaxe e compartir a maxia do momento. Todo parecía fluír ó ritmo dun blues de B.B. King ou de Bessie Smith, enchendo o ambiente dunha dozura difícil de explicar. Pensei que cada persoa podería poñerlle a súa propia música a aquel poema imaxinario, composto por sesenta e nove versos cheos de gozo, ilusión, tenrura e esperanza.


Mentres tanto, deixei que os latexos do meu corazón alborotasen o sosego da bolboreta e que os asubíos do vento empurrasen a rula cara ó horizonte. A luz do sol comezaba a esmorecer e a cova enchíase dun silencio especial, deses que non precisan palabras para expresar sentimentos. Era un silencio que namoraba o instante e facía que o tempo parecese deterse.

Alí, entre as sombras do serán e o voo dos paxaros, sentín que todo ía e viña, como aquelas nubes de algodón que viaxaban lentamente polos ronseis da melancolía. Comprendín que tamén hai beleza nos momentos tristes, porque neles se agochan lembranzas, emocións e pequenos anacos de felicidade. Xa o dicía Víctor Hugo: “A melancolía é o pracer de estar triste”.

E así, sen présa ningunha, abandoneime á maxia daquela tarde, coa esperanza de que a bolboreta, a rula e os meus soños volveran atoparse algún día na cova do desexo.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 6 de novembro de 2026

Finca Fierro. Barbadás. Venres, 6 de novembro de 2026

No hay comentarios:

Publicar un comentario