miércoles, 7 de diciembre de 2011

UN GARABATO NA PEDRA


              Remata o balón en córner e plana a laverca sobre as carpazas de Sudalomba vixiando o seu niño. Unha pedra branca roda polo outeiro abaixo e nela vai escrito un garabato que ninguén sabe ler. Tan só algún xogador coas zapatillas furadas por abaixo será quen de marcar entre esa pedra branca e un penedo gris que está asentado entre unha toxeira e unha carpaza. A carpaza na que asenta o niño da laverca. O xogador deixa a súa chaqueta sobre a pedra branca e pensa no garabato que está alí para que o identifique el. Non atina co seu significado ata que o balón lanzado dende o córner penetra por entre o penedo gris e a pedra, agora, tapada coa chaqueta. O xogador cae na conta de que o garabato ten que significar gol. Olla para a laverca que planea e ensínalle un sorriso de complicidade.

              Maceda. Mércores, 7 de decembro de 2011

lunes, 5 de diciembre de 2011

A PORCA MAL CAPADA


              ¡Ai, ai, ai!; que os políticos tamén deberían ter coidadiño co que din, que despois, xa se sabe, ou son promesas que se rompen ou palabras que se volven en contra ou que leva o vento. O noso “excelso” Celso Delgado, deputado do PP por Ourense, esbardallou o 26 de decembro de 2009, vai para dous anos, sobre o paro na provincia de Ourense, que alcanzaba a suma de 24.558 persoas sen emprego. ¿Que dirá agora o homiño sobre os 28.069 parados e co seu partido gobernando na Xunta? ¡Ai, ai, ai!; coidadiño co que se fala, que xa sabemos que moitas veces sae a porca mal capada, sae o conto furado. Menos mal que xa estamos acostumados a que Galicia sexa o cu do mundo e Ourense o ollo do cu. Fomos a comunidade onde máis creceu o paro. É igual; eles seguen a cobrar abondo.

              Maceda. Luns, 5 de decembro de 2011

viernes, 2 de diciembre de 2011

OS QUE PAGARÁN A MARAGOTA


              Non fai falta ser un gran mago para adiviñar quén vai pagar a maragota nos recortes da crise. ¡Os funcionarios! ¡Que descubrimento! Claro que moitos xa estarán co sorriso aberto porque tododeus sabe que este colectivo ten o soldo seguro e, para máis carallos, non rañan bola. Poida que si. Pero tamén poida que non. Poida que algúns funcionarios si traballemos abondo para que unha tal Isabel Carrasco, do PP, presidenta da Deputación de León duplique os seus soldo con dietas e acumule once cargos máis. Repito, once cargos. Agora digo eu; cómo se pode traballar en once cargos. ¡Iso é imposible! Se traballas nunha cousa, ou en dúas ou en tres, non podes facelo en once… ¡non hai tempo! E xa non digo nada dos horarios normais dun traballador; a ver de ónde sairían as hora para once postos de traballo. A xente nos bares fretarase as mans coas novas dos recortes dos funcionarios antes de facer pensar á súa “intelixencia” neses soldos vitalicios dos grandes capitostes dos bancos ou nesas pensións abusivas que lles quedan ós que foron presidentes “de algo”. Contra estes ninguén se botará. Para qué; se están os funcionarios para o escarnio.

              Finca Fierro. Venres, 2 de decembro de 2011

PROMESAS QUE SE ROMPERÁN


              Un escano no parlamento. Mentiras cuspidas sobre micrófonos dourados ou papeis en branco. Promesas que se romperán. ¡Que máis dá!; o caso é ter poder para enganar, para confundir. Despois xa as escusas apousentarán con parsimonia sobre cidadáns incrédulos que chegarán incluso a entender as promesas rotas. É máis, moitos enganados incluso se romperán o peito para defender o indefendible. O cidadán enganado tamén sabe buscar escusas. ¡A ver!, de algo ten que valer o poder do seu voto. Só é unha papeleta, pero na que vai escrita a súa opinión, aínda que saiba dende un principio que será enganado. Somos burros mallados que seguimos levando a carga dunhas promesas que se romperán para que nos sigan mallando. Un voto. Unha mentira. Unha promesa rota.

              Cafetaría Oren Express da Valenzá. Xoves, 1 de decembro de 2011

UN VÍDEO MUSICAL


              Vai o negro correndo pola estrada e un coche vermello asoma na distancia. O negro corre co torso nu e os seus peitorais bailan ó ritmo do sprint. O sol brilla con forza para que a cámara se relamba sobre as pingas de suor que caen da cara do negro. Axiña, o coche vermello se pon á súa altura e uns golpes de batería transportan a imaxe a unha fermosa muller que baila sobre un piso mollado de estrelas brancas. Volve o negro ó seu vídeo musical para cantar aquilo que non entendo. É igual; toda música acelera o son dos meus oídos. Non preciso de ningún vídeo para gozar coa arte musical. Ás veces é incluso mellor escoitar tan só a canción.

              Cafetaría Oren Express da Valenzá. Xoves, 1 de decembro de 2011

QUINCE ANOS


              Quere o vento ser cabalo de batalla sobre o seu corpo de princesa, pero a pel da miña conciencia, da miña felicidade dálle calor e abrigo á nai dos meus fillos. Acariño cos meus ollos quince anos de casados e deito sobre o seu ferido peito esquerdo todos os momentos bos cos que me recompensa. Noto o latexo do seu corazón e bebo da melancolía da súa alma. Toda ela sabe a amora madura ou a marmelo untando no pan cocido do meu propio forno. Hai amores que se amasan co paso do tempo. E canto máis se amasan, máis se baila na felicidade, na bonanza dunha vida que non sería igual sen ela. Quince anos feliz á súa beira.

              Cafetaría Oren Express da Valenzá. Xoves, 1 de decembro de 2011

jueves, 1 de diciembre de 2011

PENSAMENTOS DUN ESCORNABOIS


              Pensaba o escornabois que o gato con botas era un can descalzo que evitaba os toxos para non se picar. A leira estaba chea de toxos arnais e tan só os burros con orellas pequenas se atrevían a fincarlle os dentes. Ai animais que semellan peixes ó voar, porque levantan o rabo e abeiran por Sudalomba abaixo. Pensaba o escornabois que a lagarta que tomaba o sol no Penedo de Vide era unha pomba branca chocando os ovos que tiña no niño dun petroglifo. O sol queimaba de carallo e aínda así a gata de Laureano Diéguez se esparramou por enriba do capó do coche de Nicasio Sanjuán. Pensaba o escornabois que, a causa de levar tanto tempo pensando, a vida era eterna; pero a roda dun carro que pasaba xusto naquel momento esmagouno nun requiescat in pac eterno.

              Café Congana´s de Ourense. Mércores, 30 de novembro de 2011