Cada vez síntome máis ateo. Pero que ninguén lle tusa ó San Salvador de Baños de Molgas nin á Virxe dos Milagres. E non pola relixiosidade en si, senón pola proximidade. O San Salvador está tan preto que se pode dicir que queda a dous pasos xustos da miña casa. A Virxe dos Milagres está a tres quilómetros, pero como botei alí oito anos estudando e, ademais, practicamente vou todos os anos ás súas novenas, é coma se tamén estivese a dous pasos.
Hoxe, 6 de agosto, é o San Salvador, o patrón de Baños de Molgas, o día grande da vila molguesa. E, aínda que me volvín ateo, a procesión non lla perdoo. Por tradición e por respecto. Porque hai que respectar os que cren.
Hoxe é San Salvador. Engalánanse as rúas molguesas e unha pequena banda de música encabeza a procesión. As miradas dos fregueses diríxense unha e outra vez ó acio de uvas que todos os anos leva colgado o santo nun dedo da man. Os nenos non lle quitan ollo porque, co bambán, co abaneo do santo que catro veciños —que se van relevando ó longo de todo o percorrido— levan ós ombreiros, o acio semella que lle entrou o baile de San Vito. E xorde a mesma pregunta de sempre: aguantará ou non aguantará semellante balanceo?
Son ateo, pero hoxe, 6 de agosto, este paisano marchará á media mañá para Baños de Molgas para asistir á procesión. Despois, como non, convidarase el mesmo á comida familiar do irmán que corresponda. Porque, ademais do santo e da procesión, este é o día máis importante e máis fermoso de Baños de Molgas, a vila que me viu nacer e na que me criei.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 4 de agosto de 2026
Fotos da procesión de 2016
.jpg)

No hay comentarios:
Publicar un comentario