jueves, 9 de agosto de 2012

ESCAPANDO DA FAME



              Liscos de queixo pousan sobre unhas rebandas de pan e o rapaz axiña abre a boca para fincar o primeiro bocado. O rapaz ten fame. Leva dúas horas na piscina e sempre se dixo que o esforzo acuático producía fame. Poida que si. Nun santiamén o rapaz acaba chupando, zugando os dedos. Nótase que quedou con fame. Pero na mochila non hai nada máis. Nin tan sequera unha pequena cirola que adoita meter outras tardes. Quere escapar da fame cun novo mergullo; antes de que un futuro corte de dixestión faga acto de presenza. Sempre se dixo que ou te metes na auga ao momento ou esperas dúas horas. Poida que así sexa. Por de pronto segue a nadar na piscina.

              Cafetaría Os Carrís da Valenzá. Martes, 7 de agosto de 2012

martes, 7 de agosto de 2012

O MANTÓN DE MANILA



              A onde vas con mantón de Manila? Vou aos touros de Carabanchel. Máis ou menos. É igual. O caso é ir a algún lado. Incluso aos touros; aínda que non nos guste o seu sufrimento. Non, hoxe non toca falar da festa nacional. Hoxe falamos do mantón de Manila. Que alguén leva polas rúas do barrio madrileño de Carabanchel. Lévao con elegancia e cun sorriso nos beizos. Máis ou menos. É igual. Ao mellor tan só deixa asomar unha simple carantoña. Pero é bonito imaxinar un sorriso. Nun cruce de rúas, o aire move o mantón de Manila. Que estampa! Que elegancia no bambeo! O aire, ás veces, bótalle unha man ás caricaturas festivas.

              Café Aitana 39 da Valenzá. Martes, 7 de agosto de 2012

PARTICIPACIÓNS DE SENTIMENTOS



              Que sufrimento! Canta alegría! A verdade é que os Xogos Olímpicos son algo máis ca puro deporte. Son participacións de sentimentos. Deixan estampas que emocionan ata ao máis frío. Deixan sangue, suor e lágrimas. Estas últimas son as auténticas, nas que de verdade se len as emocións. E dá igual que sexan de alegría ou de dor. Aí nesas bágoas están escritos, polo menos, catro anos de traballo e de sufrimento a tope. E tan só uns pouquiños obteñen a recompensa. Na maratón, por exemplo, corenta e dous quilómetros e medio para ver unha gloria e ducias de purgatorios. Penso que aínda que só sexa por ver unhas certas imaxes, xa merece a pena ver os Xogos.

              Café Aitana 39 da Valenzá. Martes, 7 de agosto de 2012

domingo, 5 de agosto de 2012

A MÁXIMA DE CELA



              O ruído do helicóptero esperta ao escritor que estaba medio durmido. Non durmía por completo porque outro ruído, o das tripas, o molestaba xa de forma dolorosa. Ás veces semellaba que eran coitelas as que lle esgazaban algo aí. Incluso lle empezaban a asomar pingas de suor en todo o corpo por culpa dese malestar. Non obstante, o escritor botou man da máxima de Cela, que dicía que para escribir hai que fincar os cóbados e non esperar a que chegase a inspiración. Esta, sinceramente, non existe. A inspiración consiste en poñerse a traballar, e punto. E o escritor deixou de pensar na dor da barriga e púxose ao que se tiña que poñer.

              Cafetaría Os Carrís da Valenzá. Venres, 3 de agosto de 2012

sábado, 4 de agosto de 2012

O MEDO DE SABELA ESCUADRO



              Rincha o cabalo da discordia e unha andoriña voa por entre os badalos das campás do santuario do Milagres. Un trono asoa, atrona polo Outeiro de Brandín e Sabela Escuadro bota a correr por Detrás das Poulas. Non quere saber nada de treboadas. Hai anos xa un lóstrego mandoulle o paraugas (que levaba cerrado debaixo do sobaco dereito) a uns metros de distancia, ao mesmo tempo que vía cómo a súa vaca Cereixa pegaba un chouto para atrás a causa do estralo da chispa cando chegou ao chan. A Sabela Escuadro nin se lle pasaba pola cabeza, agora, o uso do paraugas se é que, definitivamente, empezaba a chover. Tan só pensou en correr e correr ata a súa casa de Baños de Molgas. Agora non tiña vacas e nada a detiña nese monte Medo que foi a súa segunda casa na infancia. Cando chegou á Pitediña a tarde fíxose noite e as primeiras gotas traspasaron xa a súa blusa. Correu aínda a maior velocidade, pois os lóstregos e tronos sucedíanse xa demasiado a miúdo. Ao penetrar na vila xa respirou aliviada. Nun santiamén meteuse na súa casa. Preparou un café e pensou no medo que acababa de pasar.

              Cafetaría Os Carrís da Valenzá. Venres, 3 de agosto de 2012

O MITO INCOMPRENDIDO



              Hai cincuenta anos a incomprensión deixou de ser realidade para darlle paso a un mito. Marilyn Monroe deixou de ser a muller máis incomprendida e máis castigada de toda a historia cinematográfica e pasou, de súpeto, a ser o mito, a icona e incluso a admiración polo seu traballo interpretativo. Logo da morte empezaron a valorala. Case sempre acontece así. E moito máis no mundo cinematográfico, cheo de celos, envexas e rancores. En vida, abusaron da súa inocencia. De morta, clamaron polo seu erotismo. Buscou o abrigo, a calma, o cariño paterno en homes que non a entenderon moi ben. Norma Jeane Mortenson tan só atopou a paz o 5 de agosto de 1962, cando morreu. Hai cincuenta anos. E aí empezaron os ríos de tinta sobre o mito incomprendido, sobre o mito, hoxe, admirado. E con razón.

              Cafetaría Os Carrís da Valenzá. Venres, 3 de agosto de 2012

miércoles, 1 de agosto de 2012

POUCAS NOCES



              Levo uns minutos escoitando unha canción que só di “taca-ta”. Así, arre que arre. E os golpes dunha batería ou dunha percusión acompañan ese taca-ta co típico pumba-pumba. Creo que lin algo hai uns días de que as letras nos temas musicais andaban pobres, ou o que é o mesmo, que empezaban a brillar pola súa ausencia. Moito ruído e poucas noces. O ruído case aseguro que é así desde hai xa bastante tempo. A música non evoluciona moito que digamos. Non obstante, bendita sexa, xa que entretén e, o máis importante, acompaña. Escoito outro tema musical e volve o pumba-pumba. Poucas noces.

              Cafetaría Os Carrís da Valenzá. Luns, 30 de xullo de 2012