lunes, 10 de marzo de 2014

CON QUE FACILIDADE!


              Ás veces, uns minutos. Outras, unha hora. E moi raras veces, algunhas horas. Votos a favor: tantos. Votos en contra: xe. Abstencións: dá igual. Xa está; 280 euros por levantar a man... a favor, en contra ou absténdose. É o que cobran os que asisten ós plenos da Deputación. Si, xa sei que algúns (seguro?) merecen a cota, incluso aínda que o pleno dure tan só uns minutos. Pero a gran maioría dedícanse tan só a levantar a man cando chega o momento de votar. Nunca asistín a ningún pleno da Deputación, pero estou seguro que a maioría dos deputados non dan nin chío, estou seguro que a algúns nin tan sequera se lles coñece o ton da súa voz. O que significa que, máis ou menos, 280 euros por facer vulto. Así de simple. Por desgraza coñezo a algúns e recoñezo unha certa envexa ó saber cómo ganan os cartos, con que facilidade! Logo, despois, imaxino que aínda cobrarán axudas de custo. Co que custa desprazarse ata a Deputación para pasar alí unha mañá aburrida. Normal, esperar para levantar a man ten que ser aburrido.


              Café Paco Paz de Ourense. Mércores, 26 de febreiro de 2014

viernes, 7 de marzo de 2014

UN CASTIGO QUE NON PROCEDE


              Se collo o ascensor e viaxo á época do colexio dos Milagres, é dicir, á década dos setenta, nun recanto da memoria atopo aqueles castigos ou sancións ou represalias que estaban á orde do día. De xeonllos cos brazos en cruz e con libros nas mans. Copiando cen ou duascentas veces tal frase ou cal parágrafo. Sen recreo. Sen xogar ó fútbol. Unhas labazadas por aquí, un arrinque de pelos por alá, unhas amoxetaduras nos brazos e outras cantas cotobeladas na cabeza. Incluso unha noite, o padre Blanco, nos tivo ata as dúas da madrugada, de pé, firmes, no campo de fútbol a todo o colexio. O cómic do Jabato espichado nas costas dun servidor e un amigo con eses alfinetes que levan as monxas na capucha da cabeza, no velo. Pero nunca nos oito anos que botei nese colexio nos deixaron sen comer. É máis, castigábante en tal caso por non comer o caldo ou a potaxe ou as lentellas, que era o que máis imperaba. Hai un tempo, o Centro de Ensinanza Infantil e Primaria de Silleda castigou a trece nenos sen comer. A estas alturas! Nestes tempos! Agora, a Consellaría de Educación prohíbelle ós colexios castigar ós nenos sen xantar. É coma se retrocederamos ós tempos da posguerra. Incluso no mero feito de prohibir. Hai certas normas que ninguén llas ten que ditar ós colexios. Ninguén lle tiña que prohibir nada porque se entende que ese castigo non procede hoxe en día. Nin antigamente. Pero xa se sabe qué pasaba antigamente.


              Café Oren Express da Valenzá. Xoves, 6 de marzo de 2014

OS PUNTOS CARDINAIS


              Luz de neon que se reflicte no cristal dunha ventá que dá ó Oeste. Se me traslado á parte traseira do edificio, seguro que algunha luz de neon tamén brilla no cristal dalgunha ventá. Esta ventá está situada, entón, ó leste. Por intuición, digo eu. Non, non é fácil ás veces intuír algo; incluso a posición de algo. Se fora fácil, a ver!, por que entón moita xente se perde no deserto ou na selva amazónica, por exemplo? Nunca me perdín no deserto nin en ningunha selva; pero teño lido que a xente si se perde. Ai amigos!, lendo apréndese moito. Se les con atención, claro. Algunhas veces leo pensando nos biosbardos e non me decato de nada. Agora recordo que, unha vez, case me perdín na serra de San Mamede. E é unha serriña de nada. Non me quero ver no Amazonas nin no Sáhara, outro exemplo. Calquera atina aí dos catro puntos cardinais. Son catro, non si? Norte, sur, leste e oeste. Si, son catro. Norte: Asturias, Cantabria e o País Vasco. Sur: Andalucía. Leste: Levante. Oeste: outeiro de Brandín. Así imaxino eu sempre os puntos cardinais.


              Café Oren Express da Valenzá. Martes, 25 de febreiro de 2014

jueves, 6 de marzo de 2014

COMA DECORADOS DE CARTÓN PEDRA


              Non fai falta ser un lince para saber que os pavillóns e colexios son recintos nos que se acollen, preferente e maioritariamente, nenos. Tampouco se precisa ser lince para descubrir (xeralmente polos medios de comunicación) que todos os anos, ante calquera ventada ou treboada, os tellados ou partes ou cachos dos pavillóns ou colexios viaxan durante un tempo polo espazo sideral da estupidez ou da miseria ou da ineptitude duns e doutros. Que pasa? Por que se lle escapa tanto a esas construcións? Deberían ser as máis seguras do mundo! Nelas estudan ou xogan nenos con toda unha vida por diante. Emporiso semellan construcións de cartón pedra. Ata creo que eran máis seguros aqueles decorados de cartón pedra das películas de romanos dos anos sesenta e setenta. Tampouco entendo que aínda ninguén levantara a voz como é debido ante esta situación, e a pesar de producirse todos os anos os mesmos desastres. Se non é un pavillón é un colexio, se non é un colexio é un pavillón. E moitas veces os dous.


              Café Oren Express da Valenzá. Martes, 25 de febreiro de 2014

miércoles, 5 de marzo de 2014

AS VIÚVAS DOS XOVES




              O luns pola noite (03-03-2014), no descanso dunha película que estaba vendo con Xoel, rematei de ler a novela “As viúvas dos xoves” (Las viudas de los jueves, 2005), da escritora arxentina Claudia Piñeiro, que me gustou. Bonito retrato da sociedade arxentina en 246 páxinas e cunha linguaxe sinxela e áxil.

              CONTRAPORTADA:

              “Unha novela áxil, escrita nunha linguaxe perfectamente adecuada ó tema, unha análise implacable dun microcosmos social en acelerado proceso de decadencia” (José Saramago)

              Detrás das altas paredes perimetrais, máis alá dos portóns reforzados por barreiras e flanqueados por garitas de vixilancia, atópase Altos da Cascada. Afora, a ruta, a barriada popular de Santa María dos Tigreciños, a autoestrada, a cidade, o resto do mundo.
              Nos Altos da Cascada viven familias que levan un mesmo estilo de vida e que queren mantelo custe o que custe. Alí, un grupo de amigos reúnense semanalmente lonxe das olladas dos seus fillos, as súas empregadas domésticas e as súas mulleres, quen, excluídas do encontro viril, chámanse, medio rindo, “as viúvas dos xoves”. Pero unha noite a rutina québrase e ese feito permite descubrir, nun país que se derruba, o lado escuro dunha vida “perfecta”.

              “Unha novela coral, sólida e solvente, cun agudísimo retrato psicolóxico e social, non só da Arxentina de hoxe senón do mundo acomodado occidental”.

              SOLAPA DA PORTADA:

              Claudia Piñeiro naceu no Gran Bos Aires, en 1960. É escritora, guionista de televisión e colaboradora de distintos medios gráficos. Obtivo premios nacionais e internacionais pola súa obra literaria, teatral e periodística. Publicou a novela “Túa” (2005), finalista do Premio Planeta 2003, os relatos para rapaces “Un ladrón entre nós” (2005), Premio Iberoamericano Fundalectura-Norma 2005 de Colombia, e “Serafín, o escritor e a bruxa” (2000), que o traduciron a outros idiomas, e a obra de teatro “Canto custa unha xeadeira”.

              “As viúvas dos xoves” acadou a Premio Clarín de Novela 2005, cun xurado composto por José Saramago, Rosa Montero e Eduardo Belgrano Rawson.

A INSTITUCIÓN DOS RUXERRUXES SENTIMENTAIS


              É bo que as institucións espallen polo mundo adiante as obras, o legado dun país e que, ó mesmo tempo, sexan coma un pequeno territorio do mesmo. Galicia sempre presumiu dos seus Centros Galegos ou das súas Casas de Galicia por todo o planeta. Tiveron o seu aquel, a súa importancia o Centro Galego de Bos Aires e o da Habana, creo recordar. Ata o de Madrid foi unha institución a seguir. Foi. Nunca mellor dito. Agora a Casa de Galicia en Madrid, en vez de entregarse a asuntos serios sobre a nosa terra, amósalle orgullosa ós galego-madrileños parolas, conferencias, charlas, reunións, xuntanzas sobre as revistas do corazón. Aí é nada! A Casa de Galicia en Madrid é agora mesmo coma a Tele 5! O que nos faltaba! Emporiso, non é ningunha broma os case un millón de euros que custa anualmente o seu mantemento (e que pagamos nós) para facer estas chorradas. Lembro aquela publicidade que chegou a ter abondo éxito chamada “Galicia Calidade”; que pasa hoxe a eventos sobre os ruxerruxes sentimentais. Outra trapallada: hai empregados 13 persoas... para nada.


              Café Aitana 39 da Valenzá. Xoves, 20 de febreiro de 2014

lunes, 3 de marzo de 2014

A BEIRA ESCURA




              Unha vez máis no pavillón Paco Paz de Ourense, o venres pola tarde (28-02-2014), rematei de ler o libro “A beira escura” (La orilla oscura, 1985), de José María Merino. A aqueles que nos gusta ler, non descubrimos hoxe a José María Merino, un dos mellores escritores actuais españois. E aínda que este libro vén precedido dunha moi boa fama e incluso co Premio da Crítica, a min fíxoseme algo complicado de ler. Si, apréciase ás leguas a boa linguaxe de Merino, pero a historia, coas súas 347 páxinas, foi a que me deixou un pouco baleiro.

              CONTRAPORTADA:

              A identidade persoal é escorregadiza. O soño conéctanos a ela.
              Esta é unha novela sobre a memoria e o soño, sobre o recordo e a evocación dun pasado atravesado de historias desde un presente no que o real e o imaxinario confúndense nos claroescuros dalgunha selva.
              O protagonista de “A beira escura” –un título clave na literatura do noso tempo- contemplará cómo todas estas historias conflúen no seu interior, cómo a súa experiencia americana acaba por atoparse en algún lugar da memoria coas vellas narracións infantís ou cómo unha viaxe fluvial pola xungla servirá para que o imaxinario o leve a esa outra beira na que a consciencia do soño acaba por converterse nunha viaxe cara á propia orixe.
              Poucas veces a nosa narrativa se formulou a si mesma un reto temático e formal coma o que aquí se ofrece.

              SOLAPA DA PORTADA:


              José María Merino naceu na Coruña en 1941 e residiu durante moitos anos en León. Actualmente vive en Madrid. Comezou escribindo poesía e deuse a coñecer como narrador en 1976 con “Novela de Andrés Choz”, libro co que obtivo o Premio Novelas e Contos. O esvaradío da identidade, as súas conexións co mito, o soño e a literatura, e moitos elementos da tradición fantástica caracterizan a súa obra narrativa. A súa novela “A beira escura” foi galardoada en 1985 co Premio da Crítica. Ademais, recibiu o Premio Nacional de Literatura Xuvenil (1993) e o Premio Miguel Delibes de Narrativa (1996).