domingo, 23 de marzo de 2014

PAN, EDUCACIÓN, LIBERDADE




              O xoves, 13-03-2014 rematei o libro “Pan, educación, liberdade” (Pan, educación, libertad) (2012), de Petros Márkaris. Algo máis cunha simple novela policial. Con humor, con ironía e cunha linguaxe sinxela analízase a crise grega e española, e europea. Non coñecía a este escritor e pillei este libro porque ía detrás doutro seu: “Liquidación final”, pero como estaba ocupado, vin este e non me arrepinto de collelo. Bonito de verdade. E fácil de ler.

CONTRAPORTADA:

Estamos nun futuro inminente en 2014, Grecia declárase en creba e regresa ó dracma; non tarda en seguirlle España, que volve á peseta. O comisario Kostas Jaritos e a súa familia terán que apertarse o cinto: non van a ingresarlle a nómina durante tres meses, e quizais non teñan nin para gasolina. Paralizada a economía, empobrecido o país, só aumentan as protestas e algunhas iniciativas solidarias dos mozos, pero tamén a violenta ameaza neonazi. Así as cousas, aparece asasinado un rico contratista de obras, un home xa maduro que participou nos “Feitos da Politécnica, en 1973, cando os estudantes se rebelaron contra a ditadura militar. Xunto ó cadáver, un teléfono móbil emite o lema que os estudantes voceaban naquela época: “Pan, educación, liberdade”. Regresou Grecia a eses negros tempos? Seguen a ser válidas aquelas reivindicacións? Jaritos, co seu decimado grupo de axudantes, intentará esclarecer ese asasinato, que o levará a furgar entre a clase empresarial, universitaria e sindical que dirixiu o país nos últimos corenta anos.

SOLAPA DA CONTRAPORTADA:


Petros Márkaris (Istambul, 1937) estudou ciencias económicas en Viena e en Stuttgart, e posteriormente trasladouse a Atenas, onde reside. Guionista de televisión e autor teatral, colaborou en varios guións do cineasta grego Theo Anguelópoulos, como o de “A ollada de Ulises”. É autor do volume de ensaios “A espada de Damocles”, en torno á crise grega. A fama chegoulle coa serie de novelas policiais protagonizadas polo irónico e politicamente incorrecto comisario grego Kostas Jaritos, merecedoras de galardóns como Pepe Carvalho, o Negra e Criminal 2011, o Premio Arcebispo Juan de San Clemente 2013 e o Point du Polar Européen 2013: “Noticias da noite”, “Defensa cerrada”, “Suicidio perfecto”, “O accionista maioritario”, “Morte en Istambul”, “Coa auga ó pescozo” e “Liquidación final”, publicadas por Tusquets Editores. Con “Pan, educación liberdade”, o novo caso de Jaritos, que culmina a exitosa “Triloxía da Crise”, Márkaris ofrécenos unha aceda novela policial que mergulla ó lector no xa tráxico día a día dos cidadáns gregos, mentres desentraña as causas da terrible situación que vive o país.

CADEAS




              O mércores 12-03-2014 rematei de ler o libro galego “Cadeas” (2013), de Xabier López López, que acadou o premio Xerais de Novela 2013. Case se pode dicir que ansiei este libro desde que lin algo del nun xornal. Incluso optei por reservalo na biblioteca de Ourense. Pois ben, axiña me decatei de que non me ía gustar. E lin as súas 398 páxinas por lelas. É máis, a dez días de rematalo, así de memoria, xa non lembro de qué vai. Imaxino que se me virán retallos tan axiña como escriba a súa contraportada.

CONTRAPORTADA:

Nun porto afastado, Manuel Antonio mantén unha fermosa historia de amor cunha sorprendente muller á que coñeceu grazas a un estraño navegante chamado Joseph Conrad. Un rapaz de 15 anos relata a época en que os veraneantes madrileños eran o punto de todas as olladas e desexos da súa vila. Dous grupos de mozos provocan unha liorta durante unhas festas patronais ó inicio da Transición. O músico dunha orquestra e a camareira dun ambigú establecen unha engaiolante historia de amor…
“Cadeas” é unha novela de novelas. Un baúl de historias que denotan unha prodixiosa capacidade para fabular, para recrear, para imaxinar. A novela iníciase a partir da anécdota dun escritor que descobre na praia unha muller nova que le unha novela súa. Entre ambos os dous establécese unha curiosa e incómoda relación que nos conduce a un debate sobre a identidade do que é ou non é hoxe unha novela. Desde o fragmentarismo dun narrador que ás veces é pop e ás veces é culto, “Cadeas” paséanos por diferentes atmosferas, rexistros e historias con gran sentido do humor e cunha áxil ironía.
Esta é a novela dun ventrílocuo, alguén capaz de enredarnos a través de diversos xogos textuais que pretenden evidenciar para o narrador a imposibilidade de contar, problematizando as dificultades da escrita.

SOLAPA DA PORTADA:


Xabier López López (Bergondo, 1974) reside en Betanzos desde hai dúas décadas. A súa primeira novela foi “Biff, Bang, Pow!” (1997). No ámbito infantil e xuvenil publicou tamén “A vella quenlla perde os dentes” (2005), “Cando Artur non era rei” (2012) e “Son un can!” (2013). Como narrador para adultos deuse a coñecer con “Doutor Deus” (1999), á que seguiron “O caderno” (2001, Premio Risco de Literatura Fantástica), “O mono no espello” (2002, Premio Lue de Novela Curta), “A estraña estrela” (2003), “A vida que nos mata” (2003, Premio García Barros e Premio da Crítica Española), “Trinta e dous dentes” (2007), “1989” (2013) e “Cadeas” (Premio Xerais 2013). A súa obra está traducida ó castelán e portugués.

viernes, 21 de marzo de 2014

SIMPLES COINCIDENCIAS


              Nunca crin nas bruxas nin nas meigas nin nos fantasmas nin nos milagres; tan só admito as coincidencias. Hai uns días estaba a traballar na leira da miña escravitude, que penso que está a uns cento e pico quilómetros do mar, e ó mesmo tempo sobre os meus oídos descansaban uns auriculares que me levaban ó cerebro esa actividade, esa arte que amansa ás feras. Pois ben, xusto no momento en que vin unha gaivota planando sobre o ceo do Ribeiro, o tema musical dunha banda sonora que estaba escoitando naquel momento cuspía de fondo o son, o chío dunhas gaivotas. Unha gaivota ante os meus ollos a cento e pico quilómetros do mar e unhas gaivotas nos meus oídos. Unha simple coincidencia. Sei duns cantos que se lles sucede iso, zas, bruxería!, un meigallo!, o demo!, a fin do mundo! Non é a primeira vez que me acontece isto. Lendo os xornais e lendo, por exemplo, unha palabra rara, dálle!, esa mesma palabra chouta da televisión ou dalgunha persoa que estea á miña beira. Sigo dicindo que son simples coincidencias.


              Café Aitana 39 da Valenzá. Xoves, 13 de marzo de 2014

jueves, 20 de marzo de 2014

CANDO O RÍO SOA...


              Hai uns días lin nos xornais as declaracións do noso presidente da Deputación nas que se queixaba sobre as opinións dos paisanos de a pé encol dos políticos. Semella que estamos a demonizalos. A ver; hai políticos honrados (seguro?) e hainos, como non, corruptos, ineptos e ladróns. As novas dos medios de comunicación non paran de sacar á luz todas as falcatruadas que cometen a maioría deles. Os xuíces non deixan de citar a uns e a outros para que aclaren tales ou cales trapalladas. Despois, para máis aquel, vemos que hoxe en día a política está metida ata a medula en toda a nosa sociedade, sexa cultural, social, económica ou deportivamente. Por exemplo, sempre se dixo aquilo de non mesturar o deporte coa política, pero aquel non é nada sen esta. As subvencións proceden da política. Hoxe está todo practicamente subvencionado. Claro que é normal que así sexa. Son cartos, e cando hai cartos polo medio hai corrupción, hai subornos. Rematamos co típico refrán: cando o río soa...


              Café Paco Paz de Ourense. Mércores, 12 de marzo de 2014

miércoles, 19 de marzo de 2014

SÓS ANTE O PERIGO


              Merecen un monumento. Os árbitros. Estou a contemplar o derbi madrileño no Vicente Calderón. A barafunda,  as pelexas que hai nas áreas cada vez que acontece unha falta ou un córner. Uns e outros intentando enganar ó árbitro. Si, xa sei que hai unha tensión horrible, que os nervios tal, que a loita cal e que o resultado non digamos; pero despois, cando o árbitro pita, por que non recoñecen os seus erros. Tanto uns coma outros. Pois si, non me tocou. Pois si, simulei a caída. Pois non... corren coma energúmenos detrás do de negro reclamándolle un empurrón que non existiu, unha testada que non se levou a cabo. Uns e outros. Os vinte e dous. Máis os adestradores. Máis os suplentes. Máis os tantos miles e miles de afeccionados. Pois non; mañá os xornais escribirán que o árbitro patatín e o árbitro patatán. Non asomará en ningunha portada unha solicitude de castigo para o xogador que simulou o que non había, non asomará o recoñecemento para este árbitro, nin para outro calquera. Todo o mundo en contra deles. Incluso desde antes de iniciarse o partido eles mesmos xa saben que están... sós ante o perigo.


              Café Aitana 39 da Valenzá. Domingo, 2 de marzo de 2014

domingo, 16 de marzo de 2014

AS VIDAS ALLEAS




              O xoves, 6-3-2014, acabei de ler o libro “As vidas alleas” (Las vidas ajenas, 2005), de José Ovejero, que me deixou tan bo sabor de boca que teño intención de ler algún máis deste escritor. Foron 281 páxinas de boa literatura, con mestura de personaxes a cada cal mellor e cunha bonita trama. A algúns personaxes debúxalle unha vida tan gris que chegas a notar, a palpar toda esa tristeza, toda esa negrura. Repito, gustoume.

CONTRAPORTADA:

Lebeaux é un poderoso empresario con negocios en todo o planeta que, en ocasións, rozan a ilegalidade. Degand é o seu avogado e man dereita, o “home para todo” encargado de resolver calquera problema que poida acosar ó seu xefe. Claude e Daniel son uns pobres espíritos, con empregos precarios e vidas grises, tristes, patéticas. Kasongo foi alguén no seu país, pero aquí está coxo, é pobre e perdeu o seu amuleto da sorte. Chantal é unha nai solteira esgotada, cargada de responsabilidades, na procura dun príncipe azul que non chega… Ata que un día aparecen unhas fotos comprometedoras, unha chamadas anónimas que se empezan a producir, alguén merca unha pistola e a sorte de todos eles ameaza con truncarse facendo que pareza posible que o inferno se volva Paraíso e a Fortuna aposte a brancas ou negras o futuro de todos eles.

José Ovejero escribiu unha sólida novela coral soberbia na súa tensión narrativa e plena de emoción literaria, cunha trama maxistralmente trazada e prosa directa, concisa, cargada de silencios que berran, da urxencia de escapar dunha vida fundida e condenada, de personaxes reais, veraces, que se volven heroes ou viláns, damas perdidas, ganadores e perdedores movéndose entre os baixos fondos e corruptas mansións cun único fin: instalarse imborrables nos nosos recordos.

SOLAPA DA PORTADA:

José Ovejero naceu en Madrid, aínda que actualmente reside en Bruselas. É licenciado en Xeografía e Historia. Publicou numerosas obras, desde poemarios ata libros de viaxes, ensaios, volumes de relatos e novelas. Na súa variada produción destacan os poemarios “Biografía do explorador” (1994), Premio Cidade de Irún 1993, e “O estado da nación” (2002); o ensaio “Bruselas” (1996); os volumes de relatos “Contos para salvarnos todos” (1996), “Que raros son os homes” (2000), e “Mulleres que viaxan soas” (2004); o libro de viaxes “China para hipocondríacos” (Premio Grandes Viaxeiros, 1998) e as novelas “Señardade do heroe” (1997), “Fuxir de Palermo” (1999) e “Un mal ano para Miki” (2003)
José Ovejero colaborou con diversas revistas e periódicos españois e estranxeiros, os seus contos e artigos apareceron en Diario 16, ABC, El Periódico, MAN, El Mundo, Quo, Lateral, Playboy México, Progetto Grafico, Gatopardo ou La ensee du Midi.
Tamén participou en diversas antoloxías de relatos: “Os contos que contan” (1998), “Novos episodios nacionais” (2000), “Contos da terceira beira (2002), “O teu nome flotando no adeus” (2003) e “Contos solidarios” (2003).

Algunhas das súas obras foron traducidas ó alemán, italiano, portugués e neerlandés.

viernes, 14 de marzo de 2014

O PAÍS DAS INCONGRUENCIAS


              Somos o país do esperpento e das incongruencias. Somos o país que, por diante, ensinamos o dente nun eterno sorriso e, por atrás, ese mesmo dente rilla nas bondades dun pobo que, inocente!, deixa facer. E dá igual que entendamos o país como España que como Galicia. Tanto monta, monta tanto. E co PP de fondo. Resulta que agora o noso presidente Núñez Feijoo lanza iso tan bonito como é “o código ético” para a clase política. Aí é nada! Incongruencia total porque precisamente o partido del é o que máis imputados ten hoxe por esquecerse e incluso burlarse desa ética que quere impoñer agora, ou polo menos da que quere presumir. A quen queren enganar? Ofrecen a man esquerda, pero coa dereita métenlle man a todo o que se lles poña por diante. A quen lle lanzará esa mensaxe? Ó mellor pensa que así lava as falcatruadas, as argalladas que fan os seus compañeiros de partido, tanto nacionais coma rexionais. Que ironía, o Partido Popular pedindo un código ético. Si, semella a película de Kubrick.
              Outra nova. O ministro de Exteriores, García Margallo, asegura que a comunidade catalá perdería un 20% da súa riqueza coa independencia. E canto perdería España, ou sexa, o resto do país? Amén de que ó mellor ó pobo catalán non lle importa perder algo con tal de independizarse. Por que non lles deixan realizar ese referendo? Seica hai medo?


              Café Paco Paz de Ourense. Venres, 14 de marzo de 2014