lunes, 31 de marzo de 2014

INEPTOS CON CARA


              Hai declaracións de políticos que cabrean. Para que buscar adxectivos que acompañen á acción desas eminencias? Chega co verbo cabrear e punto. “As solicitudes indebidas serán susceptibles de sanción”; así de simple e de forma categórica cuspiu o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, sobre as devolución do mal cobrado céntimo sanitario. Iso é... mal cobrado. Non será ó Goberno ó que hai que sancionar por meter a pata ata o mesmo fondo do cu? E os moi ineptos ata teñen cara de solicitar sancións por pedir o que é noso, por pedir o que “eles nos roubaron”. Ía dicir que no noso país os ladróns van ó cárcere, mais nono digo porque non é certo; aquí só van os que cometen pequenos furtos. Unha das mostras está nesta acción. Non queren perder nin un ápice de poder; de aí as ameazas ós que poden solicitar a devolución. Porque a maioría dos españois non reclamará por non ten con que demostrar esa imposición, ese abuso do céntimo sanitario. Quen ten facturas das gasolineiras? Vivimos nun país de corruptos e ladróns!


              Café Paco Paz de Ourense. Xoves, 27 de marzo de 2014

domingo, 30 de marzo de 2014

SÁBADOS PARA ROMPER O ESPIÑAZO


              Non é que tivese que madrugar moito, pero Remixio Ronquido Orellas sabía que tiña que levantarse cedo para ir traballar, e se por cedo se lle chama ás oito e pico. Para ser un sábado, iso é madrugar. Amais que, o pobre home, ten que facer o mesmo todos os sábados, que é cando pode empregar todo o día para fochicar nas leiras, pois o resto da semana o seu traballo é outro: facer bloques de cemento. Remixio Ronquido Orellas só descansa os domingos, cando descansa. Ó longo de todo o ano aínda traballa nunhas cantas festas de gardar. O seu primeiro traballo non dá para moito. Este sábado, unha vez máis, tamén marchou só porque os seus irmáns pequenos tiñan partidos de fútbol; un ás dez e o outro ás doce. Remixio estaba un pouco farto dos partidos dos seus irmáns. Así, polo bóbilis bóbilis, tocáballe a el romperse o espiñazo nas leiras do seu pai. Este sábado dedicou a mañá a espichar unhas estacas coas que rematou, por fin!, a leira. Levaba case tres meses con ese traballo. Entre o mal tempo e outras faenas pensaba que xa se eternizaba na Ladeira do Carballo. Pero rematou, e pola tarde dedicouse a matar cun herbicida aquelas malas herbas que se lle apoderaban da finca. Traballou á présa, para asistir aínda a un enterro. Pódese dicir que aproveitou o día. E os seus irmáns durmindo a sesta…


              Café Aitana 39 da Valenzá. Sábado, 29 de marzo de 2014

viernes, 28 de marzo de 2014

MIGALLAS NESTE VAL DE LÁGRIMAS


              Creo que xa o dixen en máis dunha ocasión: que ás veces ler os xornais altera bastante os nervios. Ou moitas mañás. Porque se non é unha noticia é outra, pero case sempre asoma algunha que te deixa medio pampo. O outro día atopeime coa dun colexio de Vilalba; que lle está a pedir a familias da vila para os gastos do centro, porque o seu presuposto non dá máis de si. E coincidiu xusto coa viaxe do noso señor presidente Núñez Feijoo a México e a Panamá. Normal entón que me altere ó ler a nova. A ver, chego a entender que se fagan viaxes a outros países para intentar acadar algo ou para intentar vender os nosos produtos. Pero cando sabes de antemán que a tal viaxe non viña a conto e te imaxinas que o señor Feijoo non iría só, deixo de pensar nos biosbardos para remover no esterco dunha comitiva que vive á conta dos pombos. Mentres, a educación e a sanidade, principalmente, andan ás migallas que aboian neste val de lágrimas. O presidente e os seus comparsas, os seus adláteres, de turistas.


              Café Aitana 39 da Valenzá. Mércores, 26 de marzo de 2014

martes, 25 de marzo de 2014

OS ROUPEIROS


              O home que está sentado no banco do parque chámase Maeloc Brega Suárez, pero de bregar, en principio, non ten nada. Está sentado. E nótase a nugalla na cara e, por suposto, a preguiza no lombo; pola forma que está no banco: cos brazos en cruz, co cu para adiante e coas pernas estiradas. O seu pensamento está a dicir: coma Deus! Así calquera! O que máis lle custa agora mesmo a Maeloc Brega Suárez é seguir o camiñar e o voo das pombas que están preto seu. Tanto lle custa que nin move a cabeza, tan só as segue coa ollada. É fillo de Olaf Brega Lanza (que tampouco é que bregase moito, de aí que Maeloc tivese a quen saír) e de Ladaíña Suárez Oracles. A toda a familia, os veciños chámanlle Os Roupeiros. Semella que nos tempo do avó de Maeloc (Primitivo, O Roupeiro, así, sen máis) a familia, toda a familia se dedicaba a andar con sacos de roupa dun lado para o outro, e ninguén sabía por que. Non os vían mercar. Non os vían vender. Pero sempre carrexaban sacos de roupa. Os Roupeiros.


              Café Oren Express da Valenzá. Martes, 18 de marzo de 2014

lunes, 24 de marzo de 2014

O QUE MOVE O MUNDO




              Onte, domingo, 23-03-2014, rematei de ler “O que move o mundo” (Lo que mueve el mundo) (2012), de Kirmen Uribe, que me gustou bastante. Libro curto (194 páxinas) e fácil de ler, onde se mestura a ficción coa realidade sobre os nenos vascos evacuados durante a Guerra Civil.

              CONTRAPORTADA:

              Unha nena que foxe da guerra civil para ser acollida nunha afastada cidade de Bélxica; outra nena á que a guerra lle arrebatou o pai e que decide compartir co autor os seus recordos, longo tempo atesourados. Conxecturas e fragmentos que reconstrúen a dignidade dun deses heroes silenciosos que cruzan as páxinas da historia coma formigas diminutas de pegadas apenas visibles.

              SOLAPA DA PORTADA:

              Entre maio e xuño de 1037, o Habana, noutro tempo o buque insignia de La Naval de Sestao, realizou infinidade de viaxes entre Bilbo e diversas cidades europeas. Ía repleto de nenos de todas as idades que buscaban refuxio lonxe da guerra, das bombas que descargaban a súa furia sobre a poboación civil. Unha destas nenas foi Karmentxu Cundín, quen foi acollida en solo belga polo escritor Robert Mussche.
              Esta é en parte a historia de Karmentxu, e tamén a de Carmen, filla biolóxica de Mussche, cuxo nome rememora o daquela nena chegada de Bilbo, e a das irmás Miranda, a testemuña das cales permite ó autor reconstruír a odisea dos miles de nenos vascos evacuados durante a guerra civil. E é tamén o relato de Mussche, o adulto que acolleu a un deses nenos e que, tras superar os propios temores e reparos, axiña descubriu cómo a presenza da pequena Karmentxu transformaba a súa propia vida. Unha novela a cabalo da ficción e o documento que nos recorda o valor do compromiso cos propios ideais e das pequenas batallas persoais contra a barbarie e os estragos da guerra.

              SOLAPA DA CONTRAPORTADA:


              Nado en Ondarroa en 1970, Kirmen Uribe licenciouse en Filoloxía vasca en Vitoria e cursou estudos de posgrado de Literatura comparada en Trento. En 2001 publicou o libro de poemas “Bitartean heldu eskutik”, que recibiu o Premio Nacional da Crítica e cuxa primeira edición esgotouse nun mes. O libro, traducido ó castelán co título “Mentres tanto dáme a man”, verteuse tamén ó francés, ó inglés, ó catalán e ó ruso. A súa obra poética goza dun gran prestixio internacional, e concorre asiduamente a numerosos eventos literarios. En 2008 publicou a súa primeira novela “Bilbo-Nova York-Bilbo”, Premio Nacional da Crítica en éuscaro 2008 e Premio Nacional de Literatura 2009. Kirmen Uribe é autor así mesmo de novelas curtas e contos destinados ó público infantil e xuvenil, e participou en diversos proxectos multimedia que combinan a poesía con distintas disciplinas artísticas.

O MURAL


              Collo rolos de papel e colócoos moi ben colocadiños sobre o chan. Para que? Para facer un mural. Pero non sei qué facer co mural. Penso nun debuxo, nun lema, nunha ecuación e tan só me quere saír o silencio montado sobre un asubío. Algo así coma o barullo mesturado nunha nube gris. Miro para o mural. Miro para os rolos de papel. Estendo, desprego máis papel. Penso que o mural aínda é pequeno. Para que o quero máis grande se non sei que facer con el? E se me deito nel e debuxo o meu perfil? Cal? O do facebook? Veña, oh, non sexas pamplineiro! Pero podo debuxar a miña sombra, a miña sombra que me asombra. Porque me asombra? Porque me recorda a Rosalía. Máis ou menos. Máis ou menos qué, Rosalía ou o mural? Máis ou menos a multiplicación dunha ecuación que me divide o mural logo de restar o silencio e o ruído da miña memoria colectiva. Pero ti que dis?, toleaches ouh? Desfago o mural, recollo o papel e póñolle lume na cheminea. Meus Deus, canto fume!


              Café Aitana 39 da Valenzá. Sábado, 15 de marzo de 2014

domingo, 23 de marzo de 2014

O ÚLTIMO PASAXEIRO




              O venres, 21-03-2014 rematei o libro “O último pasaxeiro” (El último pasajero) (2013), de Manel Loureiro. Foron 447 páxinas que entreteñen e punto. O autor semella escritor de bestsellers e nada máis. Tampouco está mal… o detalle de entreter. Moitos escriben tan só para iso e a maioría dos lectores queren iso: pasar o tempo sen moitos pensamentos estraños, sen moitos pensamentos que vaian máis alá do simple pasalo ben.

CONTRAPORTADA:

Agosto de 1939. Un enorme trasatlántico chamado Valkirie aparece á deriva no océano Atlántico. Un vello buque de transporte atópao por azar e remólcao a porto, tras descubrir que nel tan só queda un bebé de poucos meses.. e algo máis que ninguén é capaz de identificar.
Setenta anos despois, un esquivo home de negocios decide reflotalo e repetir, paso a paso, a última viaxe do Valkirie. A bordo, atrapada nunha realidade angustiosa e contrarreloxo, a periodista Kate Kilroy descubrirá que só a súa intelixencia e a súa capacidade de amar poderán evitar que a nave se cobre de novo o seu sinistro prezo nesta viaxe.
Inquietante. Enigmática. Aditiva. Benvidos ó Valkirie. Non te poderás baixar… aínda que queiras.

SOLAPA DA PORTADA:

“Invertín máis da metade da miña vida en atopar as pezas que compoñían o meu pasado. Non sei quen son, nin de onde veño. A miña historia empeza na pista de baile situada dous andares máis abaixo, hai setenta e catro anos. Un neno xudeu abandonado en medio dun barco baleiro. Este barco.

SOLAPA DA CONTRAPORTADA:

Manel Loureiro (Pontevedra, 1975) é un escritor e avogado español que ademais traballou coma presentador na Televisión de Galicia e máis tarde coma guionista de diversos proxectos. Na actualidade colabora cos periódicos Diario de Pontevedra e ABC. Así mesmo, é colaborador habitual da Cadea Ser.
A súa primeira novela, “Apocalipse Z: O principio da fin”, un thriller de terror, comezou coma un blog na internet que o autor escribía nos seus ratos libres. Debido ó gran éxito que alcanzou (tivo máis dun millón e medio de lectores online e transformouse nun fenómeno viral), publicouse en 2007 e converteuse automaticamente nun bestseller.
As súas dúas seguintes novelas, “Os días escuros” e “A ira dos xustos”, continuación da primeira, convertéronse de maneira inmediata nun éxito de ventas non só en España, senón noutros moitos países do mundo. Ademais, Loureiro é un dos poucos autores españois contemporáneos que conseguiu situar as súas novelas na lista dos máis vendidos de Estados Unidos.

Os seus libros traducíronse a máis de dez idiomas e publicáronse en preto de vinte países.