jueves, 17 de septiembre de 2015

MÁIS ALÁ DO MALTRATO ANIMAL



 
               Dáme medo escribir sobre o pobre Rompesuelas, sobre o touro da Veiga. Porque temo cabrearme e lanzar insultos sen orden nin xeito. E hoxe en día, insultar a alguén está bastante penado e a pesar de que teñas toda a razón do mundo. Creo que, neste caso, quen máis quen menos (exceptuando a eses energúmenos –ui, perdón) e con dous dedos de fronte sabe que o que acontece en Tordesillas é simple e sinxelamente un asasinato, é dicir, máis alá do maltrato. E impórtame un carallo que sexa un animal! Un que? Quen é máis animal?
               Os estúpidos defensores (ui, outro perdón) dese “excelso” acontecemento alegan en defensa propia a famosa tradición. Por tradición guillotinábase e sempre nos pareceu unha atrocidade. Por tradición queimábase á xente nas fogueiras e cagabámonos na inquisición e na lúa inversa. Por tradición, en moitos países, aínda se lapida a moitas mulleres e exclamamos: que barbaridade!, que bestas!, que animalada!
               E o inoperante, inepto e folgazán (perdón, perdón, perdón) Goberno español non é capaz de tomar cartas no asunto para prohibir esa barbarie ou para publicar unha lei que diga: “A partir de agora, para que quede de tradición per secula seculorum, permítese a todo cidadán aguilloar nos lombos dos defensores desa insultante `festa´  do touro da Veiga”. Eu apuntábame a aferretar, a aguilloar cunha aguillada ben longa e ben dura neles. E sen perdón nin hostias.

viernes, 11 de septiembre de 2015

LECCIÓNS DE SOLIDARIEDADE


Hai equipos en case todos os deportes que moitas veces fanse querer. Por ser demasiado modestos, por ser sufridores, por ser o irmán pobre da cidade, porque os seus xogadores visten de tal ou cal maneira, etc. Eu recordo sempre ó Estudantes como o equipo ó que os afeccionados ó baloncesto lle tiñan máis cariño. Por ser o modestiño de Madrid e por ser o que quizais máis apoiase á base, ós cativos que empezan. Seguro que por esa pobreza de non poder fichar grandes xogadores. Creo que foi nos anos 70 e 80 cando mellor estivo, cando tiña máis fama. Pois ben, o pasado venres lin unha noticia que me fixo lembrar todo ese cariño que sempre se lle tributou e que, agora, hai que seguir tributándolle.
Resulta que o Estudantes vai crear unha escola de baloncesto dirixida principalmente ós nenos refuxiados. Aí está; son detalles que quéirase ou non fanche brillar os ollos coa emoción ó percorrer as liñas da noticia. E non só iso; vai incluso algo máis alá: tamén organizará un partido solidario, que será o da primeira xornada da liga.

Aí, ó pé do canón. Un equipo aínda máis modesto có dos anos citados. Sempre cos máis necesitados, cos máis desamparados deste mundo. E hai a tira deles. Un equipiño dándolle leccións de solidariedade ós grandes de España. Estes van ó negocio. Aquel a mirar para o embigo do ser humano. Grazas, Estudantes.

jueves, 10 de septiembre de 2015

O SORRISO QUE SEQUE AS BÁGOAS



 
               Bágoas que choutan duns ollos cansados e apesarados, entristecidos. O medo é libre. A incerteza manca e doe, fai tremer as entrañas. Impotencia ante o descoñecido. A soidade é o cabalo de batalla co que hai que cabalgar. Pensas no futuro e asoma unha negrura que, máis seguro, torne primeiro a gris e logo a branco. Pero antes hai que pasalas negras, hai que pasalas moradas. Bágoas que bañan a cara. De medo. De impotencia. Agora son os pensamentos os que bulen por unha vida futura. Medo a non ter futuro. Mais non queda outra que botar man da esperanza e loitar contra as adversidades que aniñan nun. Toda loita ten a súa recompensa. Ten que tela. Non queda outra que confiar. E esperto e durmido tes que pensar e soñar que aquí estás ti, que nada e que ninguén é quen de conter, de cortar as túas ansias de supervivencia. Seca as bágoas, deixa caer un sorriso e pensa que máis alá de ti segues estando ti, e ti, e ti; e logo xa os demais. Agora, deixa que o sorriso seque as bágoas. Xa verás como o optimismo calma a incerteza.

martes, 8 de septiembre de 2015

PUBLICAN O QUE QUEREMOS LER



              Hai bastantes anos xa que escoitara pola radio unha anécdota sobre as boas noticias nos xornais. Semella que en Inglaterra ou en Estados Unidos (xa non lembro ben) alguén propuxo crear un periódico que amosase tan só as boas noticias; as bonitas, as simpáticas, as sentimentais. O periódico foi ó tacho nun chiscar de ollos. Gústanos o morbo. En todo adoitamos empregar a mala uva. Lanzamos dardos ó torto e ó dereito. Día tras día non queda outra que ler novas sobre asaltos, asasinatos, violencia de xénero, accidentes, guerras, roubos… As primeiras páxinas nos xornais son deprimentes. Por que? E certo que a realidade non está para botar as campás a voar. Pero non me digades que en todo o mundo non haberá novas pándegas ou románticas. Seguro que en algún lugar un noivo se casa vestindo unha coroza feita de xuncas, ou un caza de calquera exército en vez de deixar caer bombas solta pétalos de rosas, ou que un touro lle salta na chepa ó toureiro. Estás de broma, ou que!!! Queremos ver sangue! Queremos ver o medo reflectido nos ollos do persoal. E, sinceramente, os xornais publican o que queremos ver.

viernes, 4 de septiembre de 2015

FERIDAS DE GUERRA



              Sana, sana, colita de rana, si no sanas hoy, sanarás mañana. Un conto chino! A miña nai nunca me fixo iso, nunca me tratou as mancaduras con cariño. É máis, a maioría das veces, como chegase mancado á casa, levaba outras por encima. Se me cortaba cunha fouce, por exemplo, acababa sentenciando que foi porque non a collera ben ou porque non a usara debidamente ou porque eran feridas de guerra. Por certo, todo se pega; agora son eu o que lle digo ós meus fillos que son feridas de guerra. Mais eu, antes, tiña unha vantaxe con respecto ós rapaces: a auga da burga de Baños de Molgas. Ante calquera rascadura, corte ou trompazo baixaba correndiño pola rúa da Igrexa e metía ou mollaba a ferida nesa auga. Por pouco tempo. Porque 49 graos e medio de temperatura non é moco de pavo. Quizais a ferida non curase ó día seguinte, pero sei seguro que cicatrizaba antes do normal. Non obstante, o mellor era iso: non mancarse para evitar as labazadas da nai. A culpa sempre era miña. Lembrade: se aprobaba era grazas á Virxe dos Milagres; se suspendía… porque era un burro ou un nugallán. Aínda así, miña naiciña, como te boto de menos!

O DEBATE DA FOTO



 
               A foto impresiona. A foto deixa a un fundido practicamente para toda a eternidade. Algo moi semellante ó que lle acontecera a aquela nena colombiana, Omaira Sánchez, que morrera lentamente ante as cámaras de televisión naquela erupción do volcán Nevado do Ruiz que arrasara o pobo de Armero. Agora estou a referirme á foto do cativo morto nunha praia turca. Saíu en todos os xornais. Ante isto, e fóra da impresión, chega o sempiterno debate: debeuse publicar?, non se debeu publicar?. Un amigo feisbuquiano soltaba a pregunta de se ese cativo fora un fillo ou un sobriño noso, se nos gustaría velo aí, en todo o seu dramatismo, se nos sentaría ben o morbo da imaxe, da exposición. Outros, pola contra, parécelles ben a súa publicación para que sirva como un cargo de conciencia para todos os políticos do chamado mundo civilizado, para ver se así se lles altera a alma, se lles ferve o sangue e actúan. Véxoo complicado. Si, estes días haberá declaracións ás tontas e ás cegas, ó torto e ó dereito porque, ás veces, é certo que a conciencia manca e doe. Pero, como xa dixen non hai moito noutro relato, son declaracións para a galería, para que pensemos que toman cartas no asunto. Pero o que fixo sempre o “mundo civilizado” foi asoballar en todos os demais e, agora, ante as adversidades destes, mirar para outro lado. Coma sempre. Desde que o mundo é mundo. Case estou co amigo feisbuquiano: rexeitemos o morbo das imaxes porque, a fin e ó cabo, non imos solucionar nada... fóra desas declaracións para a galería.

martes, 1 de septiembre de 2015

RAZA DE VOITRES



 
               Raza de voitres que escarvan, que furgan nas desgrazas dos demais. Toda roña lle é pouco. Bater de ás nun instante mendicante. Uñas que se cravan na carne mol dunha inocencia que se perde nun mundo sen misericordia, sen conciencia. Raza de voitres que baten as ás ante o espectáculo dunhas vidas que non chegaron, que nunca chegarán ó seu destino. Quixera ser heroe galáctico para fulminalos cun raio. Quixera ser o arado que fai os regos dereitos. Pero sempre poñen un obstáculo no medio e medio. Sempre. Son voitres que axexan, que espreitan, que vixían, que escarvan, que escaravellan, que fochican nunha vida infantil, nunha vida adolescente, nunha vida adulta. Raza de voitres que están aí sempre. Non cansan. Ás veces foxen o suficiente, pero volven. Unha e outra vez. Miseria nos países da miseria. Miseria nas almas dos miserables. Miseria nas accións dos países que viven dos países da miseria. Quixera ser heroe galáctico para matalos cun raio. Pero non podo con eles. Axexan. Esperan. Sempre volven