miércoles, 8 de febrero de 2017

O ESPELLO NO QUE NOS REFLECTIMOS


Xa está. A aventura do Celta na Copa do Rei xa rematou. Certo, o Alavés mereceuno máis. É digno finalista. Oxalá na final lle pegue un repaso ó Barça. Repito unha vez máis: na Copa sempre animo ó máis pobre, ó máis modestiño. E enfrontaranse un ferrari contra un 600. Verdade que se lle ten cariño ó 600?
Xa esta, dirán algúns. Puto fútbol! Verdade? Pero tamén sigo dicindo que este deporte non atrofia ó ser humano. É máis, sigo opinando que é o espello no que realmente se reflicte o carácter real dunha persoa, o comportamento do individuo. Incluso se pode dicir moi perfectamente que é a alma da maioría dos seres humanos. E si, vin fútbol, gústame o fútbol; pero tamén lin toda a tarde, estou escribindo (malamente, pero escribindo) e non me "culturizo", cinematograficamente falando, porque agora mesmo, en ningunha cadea, hai unha película que paga a pena.

Finca Fierro. Mércores, 8 de febreiro de 2017

lunes, 6 de febrero de 2017

NON ME CADRAN AS CONTAS


Imos alá. A poñer catro trapalladas e dúas ideas que non terán nin pés nin cabeza. Mentres pensamos nelas, o jazz de Dave Brubeck acompaña a soidade noitébrega dun día que está a piques de rematar. Lembrade que todo ten a súa fin. Ata os que se senten eternos, perpetuos, imperecedoiros, inmortais morren coma calquera fillo de veciño. Tan só Xesucristo resucitou. Iso din. Agora que... vai ti saber! A min non me cadran as contas. Iso de que resucitase... e de que nacese dunha virxe. Naqueles tempos!
Tampouco me cadran as contas de ir ata o infinito e máis alá. Non consigo ir uns cantos quilómetros, como para alcanzar o infinito. Por certo, onde carallo está o infinito? E o máis alá? Si, moito Buzz Lighyear, pero tampoco me cadra que el fose máis alá dunha pantalla de cine. Catro trapalladas, dúas ideas e segue Dave Brubeck marcando o ritmo da soidade noitébrega, do silencio noitébrego.

Finca Fierro. Luns, 6 de febreiro de 2017

domingo, 5 de febrero de 2017

DA TARDE Á NOITE


Tarde de inverno. Tarde de chuvia e saragana. Tarde de sesta e lectura. Tarde de ordenador e música, moita música. Á media tarde, faltaría máis, houbo que saír, con paraugas, claro, a tomar café. E a ler algún xornal máis. Pola mañá xa lera outro.
De camiño, coches que pasan, ruído a chan mollado, xente que anda por debaixo dos balcóns ou galerías. De camiño tiven que ir en silencio porque o móbil anda que non anda e calquera lle mete dentro uns cantos temas musicais para pasar o tempo; abondo teño con que aguante algunha que outra chamada, se a hai. Tarde desapracible. De volta xa, tarde de ordenador e música, moita música. No ordenador pasando escritos que escribín nun caderniño que traio sempre comigo... dentro do libro, claro. Tarde de máis lectura. De lectura ata que a dona da casa berrou aquilo de... a cear! Total, que a tarde de inverno, de chuvia, de saragana, de lectura, de música deulle paso á noite. A noite que empeza con máis ordenador e máis música ata que chegue a correspondente película noitébrega.

Finca Fierro. Domingo, 5 de febreiro de 2017

sábado, 4 de febrero de 2017

POLA CALLE DE BAÑOS DE MOLGAS


Lembro perfectamente as tardes ou as noitiñas que baixaba pola Calle de Baños de Molgas na busca dos caldeiros de auga quente para as vacas neses días de inverno nos que non podían saír para o monte. Cantas veces baixei e subín esa rúa. Cantos descansos facía porque eu, pobre cativo, case non podía cos baldes cheos. Cheos precisamente cando había que subir para a casa.
Pero tamén non había tarde na que non pousase o cu no mazadoiro da burga. Alí sempre había alguén para dar parola. Ás veces tamén me entretiña metendo e sacando as mans do cano da burga; aquela auga tan quentiña, aquela auga na que axiña tiña que retirar a man se non quería que me brasase, aquela auga que ciscaba polas feridas para que curasen máis rapidamente, aquela auga que bebía cando notaba que a gorxa empezaba a arder, cando notaba que a catarreira se faría dona e señora do meu corpo. Despois subía, lentamente, pola Calle cos caldeiros colgando dos debiluchos brazos.

Finca Fierro. Sábado, 4 de febreiro de 2017

viernes, 3 de febrero de 2017

O ESPÍRITO DA CONTRADICIÓN


Ai logo, por fin chegou! E chegou para demostrarnos que o ser humano ten instalado nas súas asaduras, nas súas vísceras o espírito da contradición. Tanto tempo sen chover e desexando que chovese que, agora que o fai, en tan só tres ou catro días, xa estamos máis que fartos da chuvia. Me cago no mundo, tiña que vir o diluvio universal! A ver se así escarmentabamos.
O asunto da chuvia é case como a leria política. Primeiro votamos ó PP a carradas e ó seguinte día xa baduamos contra eles a darlle cun sacho. Pois xa veredes, ante unhas novas eleccións... maioría absoluta! Somos así de contraditorios! Que Rafa Nadal xa estaba acabado, pero que heroísmo de novo de Nadal no Open de Australia (fago un inciso para dicir que, eu, persoalmente, opino que a súa época xa rematou, aínda que volva ganar algún torneo). Feito o inciso, volvo ó espírito da contradición: que Benzemá é un nugallán, pero ante un gol seu que marabilla de francés (outro inciso meu: é moito mellor que Cristiano Ronaldo). Que se hai sol, a ver cando raio caen lóstregos! Que se caen lóstregos, por que non se podían estar asando xa os paxariños coa calor. Que se a familia dos Bardem son inmensos interpretando, será por ser uns putos comunistas. Que se maldito Sálvame Deluxe ou como raio se chame, pero cada vez nos apegamos máis á Telecinco. Espírito da contradición para todo. Incluso para nós mesmos; que tan só por levarlle a contra a alguén, non aceptamos o seu razoamento aínda que teña máis razón ca un santo.

Café Paseo de Ramoleox da Valenzá. Venres, 3 de febreiro de 2017

MATRIOSKA, ARTE NO MUNDO RURAL

Cando iniciei as reportaxes para esta sección de Testemuñas da Memoria cheguei a angustiarme ó notar que a miña vila, o meu entorno, os meus coñecidos chegaría o momento no que se esgotasen e non sabería xa sobre quen máis escribir. Logo, para máis aquel, sempre fun algo cagadiño e non me vía eu furgando por aquí e por alá para atopar personaxes ou temas. Creo que todos os "covardicas" botamos sempre man da palabra escrita (ninguén nos mira ós ollos e non lle temos medo ó non) para cuspir todo o que queremos, todo o que levamos dentro. Polo menos a min a escritura sempre me deu ese "ter cara" para pedir, para solicitar, para rogar. Así é que axiña lancei un SOS polas redes sociais e polos correos electrónicos. Algunha das respostas chegoume ó momento de Madrid: "Teño ó meu fillo Javier que anda por aí, por Ourense, que teñen un espazo, unha asociación composta de estudantes de Belas Artes e que fai intervencións culturais no mundo rural galego". Máis ou menos foi o que me dixo Mercedes, unha amizade madrileña dos anos 80. E os seus desexos foron coma ordes.
Por medio dela e dos meus correos foi como descubrín a Espacio Matrioska, un grupo de estudantes e amigos da Complutense madrileña que, hai tres anos, querían empezar a "facer cousas". Un deses amigos era de Xinzo de Limia e seica sabía a historia dunha, chamémoslle, devastadora xestión dun alcalde que quixo construír unha Casa Consistorial nos Blancos, pero que, por culpa desa xestión, a tal construción quedou en auga de bacallau. Os compoñentes de Matrioska pensaron que esa era a súa ocasión. Falaron co novo alcalde e este cedeulles o edificio "abandonado". A partir de aquí é onde case se pode dicir que empeza a auténtica historia de Espacio Matrioska.
Pódese comentar perfectamente que, nun principio, foron nove os fundadores de Matrioska e que con estes nove empezou a aventura. Pero durante estes tres anos entran e saen continuamente rapaces que teñen algo que dicir, ou algo que contar, ou algo que facer. A heteroxeneidade dentro do grupo no relacionado ás artes plásticas, gustos e outros mesteres, fixo que fora bastante fácil nun primeiro momento determinar que papel desempeñaría cada un dentro da organización, sen perder nunca a perspectiva horizontal que manteñen e queren manter en todos os aspectos. Formaron unha comunidade e pouco a pouco comprenderon a importancia do contorno. Unha das compoñentes, Laura, cóntame que incluso fixeron unha festa (o 29 de novembro de 2014 e que a consideran como a data de nacemento de Matrioska) para darse a coñecer como asociación de intercambio cultural.
Querían ser unha ponte entre o campo e a cidade facilitando a expresión artística e cultural. Comezaron co calendario de actividades. Calendario que se me guío por nomear todas esas actividades, xa me faría falta todo o espazo que queda da reportaxe. De certames de murais a residencias artísticas. De talleres de escultura, debuxo e pintura ata cursos de serigrafía, teatro e deseño gráfico e industrial. De música ó cine. De xogos a traballos agrícolas; coa súa horta e o seu curral.
Crearon xa un certame de pintura mural con carácter nacional onde se chegaron a pintar cinco medianeiras en Xinzo de Limia, con traballos de artistas de toda España. Organizaron o Festival Reina Loba, quizais, hoxe en día, a súa actividade con máis éxito. Festival no que se mestura a arte, a artesanía, a música, a ecoloxía e a natureza creando un ambiente de comunidade, colectividade e concienciación polo medio e para todos os públicos. Tamén xa chegaron a pintar e decorar unha discoteca en Chaves e varios colexios da comarca da Limia.
O Espacio Matrioska leva a cabo proxectos de dinamización, produción e xestión cultural creando alternativas ós modelos convencionais. Todo isto nun local duns 600 metros cadrados que acolle diferentes salas. Traballan en técnicas dixitais, como vídeo, foto, deseño e ilustración. Aínda que esas salas adoitan mudar, transformarse cando asoma un novo proxecto; onde había un espazo diáfano e versátil, hai moreas de madeira para construír móbeis, latrinas e ata pezas dun escenario.
Como se ve, unha ducia de rapaces novos que queren promover a cultura mesturada no medio rural, os proxectos mesturándose no contorno, as actividades para "adultos" mesturadas coas actividades para os máis "pequenos". Rapaces novos, "cualificados e titulados, que actúan desde uns valores que ofrecen unha proposta innovadora, contemporánea e potente dentro da realidade artística actual e acollendo o medio rural como un eixe máis da mesma", Laura dixit.


Café Paseo de Ramoleox da Valenzá. Xoves, 19 de xaneiro de 2017


Publicado en La Región o venres, 03-02-2017

jueves, 2 de febrero de 2017

QUEN ENTENDE AS MATEMÁTICAS?


Quen entende as matemáticas ou a física? Os do PP de Ourense non as entenden. Como pode ser positivo algo negativo? O AVE retrásase, repito, retrásase, é dicir, réstase un ano. Os do Partido Popular din que é positivo. Se restamos un ano, aí creo que botamos man das matemáticas... sumar, restar, multiplicar e dividir, non si? Se o polo positivo é o mesmo có negativo ou viceversa, non sei, eu moito non entendo (non volvín estudar máis desde a época dos Milagres), pero aí creo que entra a física.
Entón, outra vez: quen entende as matemáticas ou a física? Se a resta suma, e como se adoita dicir: que baixe Deus e nolo explique. Eu non o entendo. A ver sé é porque somos de Ourense? Aquí, ós de Ourense, sempre nos deron por aquel sitio. E como nos deron sempre, xa estamos tan acostumados, que seguimos querendo que nos dean máis. Se é así, dámoslle logo a razón incluso ó que nos refrega unha operación matemática falsa ou ó que nos escofa unha fórmula física imposible.

Finca Fierro. Xoves, 2 de febreiro de 2017