viernes, 17 de febrero de 2017

ODAIKO, PERCUSIÓN E ESPECTÁCULO

Son tan fanático da música que, tan ben alucino cunha orquestra sinfónica como cun piano a secas, cunha banda sonora como cun banjo solitario, cun tema de Bruce Springsteen como cun de Manolo Escobar, cuns temas dunha coral calquera como co simple asubío das bandas de Morricone. Son tan fanático da música que ás veces só me apetece escoitar un simple instrumento. E non digo nada se me remito ós instrumentos de percusión! Con moi pouquiños pódese revolucionar todo un tempo musical, todo un mundo cultural.
Hai pouco máis dun mes tiven a ocasión de ver e escoitar (por certo, a música tamén se pode ver) ó grupo de percusión Odaiko. Catro tíos (no bo sentido da palabra) que cuns poucos aparellos revolucionaron o auditorio no que deron o concerto. Certo que a revolución chegou máis ben pola súa actuación (outro por certo, a música tamén se pode actuar). Porque, a ver, hai que recoñecerlle o mérito a uns mozos que, desde o principio, te enganchan de tal maneira coa súa música e coa súa verborrea que non che queda outra que facer o que che din: se hai que dar palmas, danse palmas; se hai que tocarse o cu, tócase o cu; e se hai que darlle unha labazada ó do lado, dáselle a labazada (menos mal que non o pediron), porque o ritmo con que te apuran méteseche nas entrañas e o sangue xa sabemos que axiña nos ferve. Pola contra, tamén ten o seu mérito que, logo de alborotar o galiñeiro, de alporizar ós máis cativos, vai ti e ponte a calmalos. Como non se calman, non lles queda outra que facer de tripas corazón ou tragar fel e seguir actuando, que para algo son xa uns profesionais.
Madía leva!; como non van ser profesionais se xa levan sobre as súas costas máis de 1.500 concertos, 300 actuacións propias e outros proxectos ligados á danza, ó audiovisual e ó que lles cadre! Porque a proposta artística deste grupo galego céntrase na exploración da música tradicional multiétnica, na súa variante percusiva, faceta pouco traballada pola dificultade que supón a diversidade técnico-musical. Nos seus espectáculos mesturan instrumentos de orixe oriental (odaikos, gongs, táboas), africanos (djembé, sabar, dum-dum), latinoamericanos (congas, bongos, maracas, caixón), galegos (bombo, pratos, tamboril, tarrañolas) e instrumentos de creación posterior como a marimba, o vibráfono ou a batería (terceiro por certo, o nome do grupo xa se ve que vén dese instrumento oriental, que é un tambor tradicional xaponés, con 1,2 metros de diámetro e 1,5 de profundidade e que fan falta tres persoas para tocalo)
En Barbadás presentaron o seu traballo "Invención", no que a posta en escena e as doses de humor retranqueiro fixeron que a súa música fose máis alá do típico espectáculo musical. A imaxinación e a creatividade son pezas fundamentais para a creación de novos obxectos e a busca de solucións ás que o ser humano se ten que enfrontar día a día. Grazas a Odaiko enfrontámonos con orgullo, bailando e gozando a un futuro cheo de ritmo e ilusión.
Como dicía, Odaiko vai máis alá da música. Xa que se adican a realizar outras actividades educativas, como obradoiros de creación artística, xogos populares, teatro de sombras e voluntariados. Compoñen o grupo Juan Collazo, Antonio Ocampo, Félix Rodríguez e Francisco Troncoso. "Aínda que estamos estreitamente vinculados con Ourense (cuarto por certo, no 2004 sacaron á luz o seu primeiro proxecto... onde?, onde vai ser!, na nosa cidade!), o grupo adoita ensaiar na localidade de Merza, Pontevedra", tal como me conta Juan Collazo.
Creo que me perdería se me dedicase a escribir aquí todas as actividades e todos os festivais polos que teñen pasado, tanto nacionais coma estranxeiros, pero si aseguro que estiveron nos máis grandes, que xa é dicir. E o mesmo me acontecería se pregoase as colaboracións que mantiveron con xentes ou agrupacións da arte musical, que tamén aseguro que é moita e moi pero que moi boa.
Odaiko, o grupo de percusionistas multidisciplinares que mestura o mellor do pasado cun presente sen limitacións e cun futuro que veremos no seu próximo disco, no que colabora Vanesa Muela (derradeiro por certo, debérono estrear neses días nos que escribín precisamente esta reportaxe). Estou seguro de que será unha nova gozada. Moita sorte, rapaces!


Café Paseo de Ramoleox da Valenzá. Mércores, 1 de febreiro de 2017


Publicado en La Región o venres, 17-02-2017

jueves, 16 de febrero de 2017

DE XULGADO DE GARDA


Un dos acontecementos máis fermosos do mundo, ou quizais o máis fermoso é ter un fillo. Pero tamén hai que ter moito sentidiño para telo... porque hai que crialo. Unha muller de 64 anos pariu xemelgos en Burgos logo dun tratamento de fecundación in vitro nos Estados Unidos. Os cativos adoitan xogar sempre ata polo menos os 10 anos. Imaxinemos que queren xogar á pelota; a ver como figuramos a unha señora de setenta e algo de anos correndo detrás dun balón.
É bonito ter fillos, pero ata certos límites, por Deus! A maiores dos antecedentes que xa arrastraba de atrás: seis anos antes tivera unha filla da que xa botaran man os Servizos Sociais de Castela-León por deficiencias no seu coidadio. A ver!, ante isto, non clama ó ceo a irresponsabilidade desa pamema (sinceramente, non merece outro nome). Agora que?; agora volven os Servizos Sociais a facerse cago dos xemelgos? Hai decisións dalgunhas persoas que son de auténtico xulgado de garda.

Finca Fierro. Xoves, 16 de febreiro de 2017

miércoles, 15 de febrero de 2017

NACER POBRE, SER POBRE


Moitas veces os xornais publican noticias que son moi sinxelas de interpretar. O outro día lin unha sobre a pobreza: "Oito de cada dez nenos pobres tamén o serán cando cheguen a adultos". Moi sinxela! Porque o que nace pobre é pobre toda a vida. É pobre xa por natureza. É pobre porque non ten onde caerse morto. Eu non é que sexa moi pobre, pero levo toda a vida intentando facerme rico... e non hai maneira! E mira que traballo. E mira que ando de aquí para alá. E mira que busco, e que pido. e que choro, pero nada.
Tan só me queda poñerme na rúa do Paseo e pedir esmola. Sei que nin así. Xa sei que algúns estarán pensando que "neste país, como non roubes...". Mirade que temos malos pensamentos. Eu, aínda que o pense (que non o penso, por Deus!), non sei cómo roubar. Así é que non me queda outra que seguir a estatística da noticia: que son deses oito de cada dez. Porque nacín pobre (seino ben) e serei toda a miña vida pobre (tamén o sei). Reconfórtame que son rico de espírito.

Finca Fierro. Mércores, 15 de febreiro de 2017

lunes, 13 de febrero de 2017

NO DÍA DA RADIO


No momento que empezo a escribir este Pingas quédanlle pouco máis de dúas horas ó día que está dedicado á Radio. Para este molgués, falar da radio é algo así como a reencarnación dunhas noites nas que gocei coma un cativo diante dun micro. Falar da radio son palabras maiores.
Tiven a sorte de, pasiño a pasiño, introducirme en Radio Maceda. Lembro que o fixen coma se fose un correpondente de Baños de Molgas. O mesmo, o mesmo que facía para La Región. A este xornal mandaba as novas por carta. Á radio recitáballas a Carlos Quintas por teléfono. Pero como o meu sempre foi o cine, con esta arte me metín de cheo en Radio Maceda. Inventeime un programa cinematográfico semanal no que falaba de películas e, ós cachos, metía música, moita banda sonora. Os aparatos técnicos controlábaos Xabier Oviedo e un servidor largaba de cine que "nin diola".  Empecei tremendo coma un xunco, pero rematei cunha morriña tal que aínda hoxe penso naquelas marabillosas noites.

Finca Fierro. Luns, 13 de febreiro de 2017

domingo, 12 de febrero de 2017

Ó PASAR A CURVA


Deixo de ler no libro e contemplo a recta do alto da Pitediña. Sei que ó pasar a curva está Entreloríos. Pero non vexo o que hai máis alá. Non obstante, consigo debuxar os recordos, os recordos da infancia. De cando a vida labrega era un espertar cedo, moi cedo porque o Medo quedaba lonxe. E as vacas tiñan que andar no monte durante un tempo. Non todo consistía en chegar e volver.
Eses recordos pertencen ás mañás, que era cando máis se ía para o Medo. Polas tardes tamén cruzaba Entreloríos para ir para o lameiro dos Lamas. Lameiro grande, enorme, pero que, para aproveitalo, había que darllo a cachiños ás vacas. Tiña catro ou cinco regas; collías unha rega e de caldeira a caldeira marcabas unha liña e de alí non podían pasar as vacas. Para que se lle dividía o lamiero a cachiños? Porque se ás vacas as deixas pacer por todo o lameiro, estas logo o percorrían todo. E trepábano, e esmagábano, e cagábano e non o aproveitaban ben. Deixo de pensar e leo de novo.

Finca Fierro. Domingo, 12 de febreiro de 2017

EXPEDIENTE INFORMATIVO


A uns cantos días xa do maldito vendaval ou trebón ou temporal ou cicloxénese ou treboada ou mal tempo ou calamidade coa luz eléctrica, á Xunta non se lle ocorre outra que anunciar un expediente informativo ás distribuidoras da electricidade. Quietos parados! Logo de estar unha morea de días sen luz unha enorme cantidade de xente e de aldeas e de vilas, a Xunta tan só opta por un expediente informativo. É dicir, a ver, oh, tede coidadiño e procurade que non volva suceder. A xente quéixase e, claro, temos que disimular un pouco. Algúns din que o expediente debería ser sancionador, pero a nós parécenos excesivo. Tan só foi mala sorte. Xuntouse o temporal coas ganas de comer. Nada máis.
O temporal, a maiores da falta de luz (que, por sorte, non padecín), deime de conta do dano que fixo (porque tampouco vin moita televisión) este sábado pasado cando fun para a aldea da muller; que ó pasar polo monte dos Castros vin o que nunca vira. Ata agora é certo que tiña visto algún que outro carballo ou piñeiro arrincado de raíz ou partido pola metade. Pero, repito, como moito, dous ou tres. Pero o sábado vin unha auténtica desfeita. Había zonas nas que o aire arrincou piñeiros a carradas, a esgalla. Nunca tal desastre forestal vira. Certo que o temporal foi grande, pero iso non é óbice para que milleiros de galegos se quedaran tantos días sen luz. Pero vou facer como a Xunta... quedades informados. E punto.

Finca Fierro. Sábado, 11 de febreiro de 2017

viernes, 10 de febrero de 2017

ATA O INFINITO E MÁIS ALÁ


Teño que empezar a prepararme. Coller folgos. Pensalo ben. E cando pase engancharme a el. A ilusión da miña vida. Ir ata o infinito e máis alá. O próximo día 25 seica se achegará á Terra un asteroide. Non podo deixar pasar a ocasión. Adestrar. Adestrar. E adestrar. Dando saltos, claro. Ou pinchos; é igual. Malo será que para o 25 non consiga coller tal impulso que consiga asirme ó esteroide.
Quero viaxar polo espazo! Sen escafandro nin rabo de gaitas! Quero respirar universo! Ulir as estrelas! Escoitar o vento! Quero furgar no asteroide e a ver que hai. Menos leria, molgués; pónteme a adestrar para dar o gran salto. Para choutar ó asteroide e logo, ai Deus bendito!, logo ir ata máis alá dunha galaxia moi pero que moi afastada. Respiro. Collo folgos. Salto. Consigo chegar xa ó campanario da igrexa de Baños de Molgas. Se no primeiro salto fago isto, o día 25... chupado! Aí vou, Buzz Lighyear!

Café Paseo de Ramoleox da Valenzá. Xoves, 9 de febreiro de 2017