jueves, 7 de marzo de 2019

XA NON TEÑO PACIENCIA

Acabo de descubrir unha nova faceta na que noto a idade, o paso do tempo sobre a miña persoa: a de forrar os libros. Que xa non os forro. Cando as miñas sobriñas lean isto botarán as mans á cabeza e abriráselles a boca co pasmo. Elas saben do meu fanatismo polo bo trato ós libros. Tamén o sabía O Relojero de Baños de Molgas, de cando lle mercaba os novelas do Oeste e, ó devolverllas (algo así como unha recompra ou un intercambio, pois, ás veces, ó devolver unhas daba outras) sei que volvía vendelas por novas. Normal, entregáballas impecables.
Pois así me pasaba cos libros. Que me doía tanto que se puidesen luxar que non quedaba outra que forralos. Nunca subliñei neles. Nunca os abría de todo, é dicir, en ángulo raso ou plano. Sempre procuraba lelos en 90 graos, ou sexa, en ángulo recto. Creo que agora xa non teño paciencia para pararme a forralos. Porque creo que os forraba ben e levábame o seu tempo, aínda que, ás veces, os remataba nun suspiro. Normal, toda unha vida forrando libros é practicamente coma ser un profesional. Despois remataba apegándolles unha etiqueta co título e autor ou autor e título. Agora, collereinos da biblioteca, non os forrarei, pero sei seguro e prométoo que os devolverei tal cal. Porque os libros son para que todo o mundo poida soñar ou vivir co que contan, sexa ficción, sexa realidade.

Finca Fierro. Xoves, 7 de marzo de 2019

miércoles, 6 de marzo de 2019

NON TODO É PERFECTO

E agora chegou o momento de contar o que ninguén se atreve a contar. Sempre haberá segredos que quedarán acochados co paso do tempo. Hoxe teño que contar o que non é ningún segredo: que as pingas de orballo que caen desde as herbas máis altas son como as bágoas dos anxos cando estes se che aparecen nun soño. Despois, ti, se es intelixente, xa lle dás forma de conto. E contas como queres, á túa maneira; incluso aquilo que non queres contar. Podes contar ata tres e dicir basta! Ou podes contar o lume que xorde dun corazón que latexa e a felicidade dunhas palabras que alumean. Despois, ti, se es listo, xa escribes o poema ou contas o novela. Sempre haberá segredos que, co paso do tempo, sairán á luz do día porque somos incapaces de mantelos dentro. A egolatría adoita ser inmensa no intelecto do ser humano. Temos medo de non ser protagonistas de todo o que nos arrodea. E contamos segredos. E inventamos contos. E escribimos soños. Tamén ás veces cantamos con versos que van e veñen polas épocas que máis non encheron. A felicidade enche. O amor enche. Os sorrisos enchen. Os latexos mancan. Agora teño que rematar co conto que quixen pero que non souben contar. Porque hai seres humanos listos, intelixentes e, si, torpes, ineptos. Non todo é perfecto.

Finca Fierro. Mércores, 6 de marzo de 2019

O HEROES DE BARBADÁS

Chove. Tamén choveu toda a tarde. E non obstante, os heroes de Barbadás saíron a desfilar pola Avenida de Celanova, pola Valenzá. Así hai que chamarlles: heroes. Porque hai que ter peito para botarse á rúa en tales condicións. E botáronse. Para facer a delicia dos espectadores que, estes si, estaban acochados baixo paraugas, balcóns ou lonas de terrazas. Tarde desapracible para un desfile de Entroido que, ante as adversidades, os galácticos, velutinas e diversos seres mitolóxicos puxéronlle boa cara ó mal tempo e, animados por músicas e bailes, tiraron cara á adiante e racharon a escuridade dunha tarde xarota e moi chuviosa.
Chove. Chovía no desfile. Unha auténtica carallada. Principalmente para eses nenos que van como van vestidos e cos traxiños enchoupados e o frío arrabuñando nas súas peles. Emporiso, eles, co sorriso nos beizos, lanzaban caramelos e emocionábanse ó atoparse con amigos, con veciños, con coñecidos. Chove. Chovía no desfile. Porque a pesar dos pesares celebrouse e haille que dar todo o mérito a todas esas comparsas que lle botaron peito ó asunto e se dixeron que: aquí, de medo, nada! Tiraron para adiante. Baixo paraugas algúns, pero a maioría, baixo unha chuvia que non foi capaz de aguantar un día máis sen aparecer. Pero á que venceron con ilusión, ganas e sorrisos.

Finca Fierro. Martes, 5 de marzo de 2019

lunes, 4 de marzo de 2019

DESBORDADO POLAS PRÉSAS

Desbordado polas opcións. Desbordado polas présas. Aconteceu hai uns días, cando o ceo asomaba con nubes de algodón e, ós cachos, mares de néboa facían poñerme en tensión ó conducir camiño da aldea da muller, alá na parroquia de Macendo. Ó chegar, axiña empezou toda a carallada agrícola desta época. É dicir, que o paisa que escribe logo tivo que dobregar o lombo para poñer unhas gavias con verza do país (o paduán e a muller, todo hai que dicilo). Esta, como é a que manda, tanto na súa casa coma na dos demais, dixo de botar as patacas logo de poñer a horta. Algo cedo pero, que carallo, hai que aproveitar ó paspán, non vaia ser que asome o mal tempo e se alongue a sementeira dos tubérculos. Así é que, antes de xantar, aínda houbo tempo para sementar tres regos.
Logo, media hora cunhas cabezadas e volta á faena. Con présas. Porque sabía que me quedaban aínda algúns asuntos que tiña que resolver: ver o Huesca-Sevilla ás seis e pico, porque todo o mundo sabe que no equipo aragonés xoga ese veciño e crack chamado David Ferreiro; ver o clásico Real Madrid-Barcelona; ver algunha película (se a había) e escribir o Recuncho Hebdomadario para este xornal. Por iso é que baixei o carrelo e deixei que os cadrís apandasen co sacho. Vaia se apandaron!

Finca Fierro. Luns, 4 de marzo de 2019

domingo, 3 de marzo de 2019

ESCARAVELLAR NA MORAL

Felos que veñen e van. Carautas nas caras dos máis cativos. Tempo de Entroido. Nubes no ceo. Cambio climatolóxico ás portas. Coches que pasan coas luces acendidas. Empeza a ser noite. O repartidor dos donuts anda a descargar donuts. Un home cruza por un paso de peóns e un coche espera a que cruce o home. Videoclips na televisión da cafetaría.
Outro home leva media tarde co periódico aberto e manipulando no móbil. É dicir, que nin le nin deixa ler. Odio a estes paspáns! É que os odio de verdade! Unha cousa é que atendas unha, dúas veces ó móbil, pero outra moi distinta é escaravellar na moral daqueles que nos queremos informar de como vai o mundo. Xa sei que vai mal. Pero quero ler (por min mesmo) que vai mal. Ou quero ler (eu) que a idiosincrasia dun pasmón é igual á idiotez dun badoco. Tamén que a política de tal partido corre paralela ó sapoconcho que cruza a carreira de Bouzas en Baños de Molgas, por exemplo. Aínda que, polo atallo da Finca Fierro, tamén cruzan as tartarugas. Uns vinte minutos parado porque, por fin, o paspán deixou libre o xornal que, eu, tiña a medio ler desde a mañá. Lido o periódico, agora toca saír á rúa para cruzarme con orixinais e fermosos disfraces do Entroido. É tempo de Entroido.

Café O Chicote da Valenzá. Venres, 1 de marzo de 2019

O ENTROIDO DOS ANOS 60

Ó mellor erro na miña apreciación, pero penso que o Entroido xa non é como era. Na maioría dos lugares. Agora véxoo como máis artificial, como máis turístico. Cando eu era rapaz, polos anos 60, vivíanse doutra maneira. Certo que, naqueles tempos, non tiñan a repercusión de agora, porque tampouco lla deixaban ter. É máis, moitas cousas aínda estaban prohibidas. Agora o Entroido baséase practicamente todo el en desfiles e máis desfiles e en tan só a súa última fin de semana.
Nos anos 60, en Baños de Molgas, o fareleiro e o corredoiro eran as dúas ocasións nas que mellor se pasaba. Lembro principalmente aqueles momentos nos que saiamos da escola coma frechas para ir á caza e captura das nenas e poñelas perdidas, ou ben a causa dos farelos ou ben tisnadas con aquel carbón que iamos buscar ás vías do tren. Algúns anos, ante a queixa das rapazas, a mestra, dona Julia, falaba co seu home, o mestre, don Graciliano, para que este demorase algo máis a nosa saída, para así, “as súas nenas”, poder chegar sans e salvas ás súas casas. Outros anos, o mestre, que no fondo era algo revolucionario, dicíalle á súa muller que si, pero á hora da verdade dábanos a orde de pechar os libros e saír xusto no momento no que tamén saían as rapazas. Aí empezaba a feira, a auténtica feira.
Neses anos 60 os disfraces eran practicamente os mesmos para todos e durante todos eses anos, é dicir, a roupa máis vella que houbese nas casas e unha carauta de cartón pintada a man cos tizóns do lume. Non había traxes especiais porque non había cartos e incluso ata creo que nin os habería para vender. Sobre o que entendiamos por felos (boas carautas, bo traxe e as chocas), a nós chegábanos con esa roupa vella e algunhas chocas das vacas. En Baños de Molgas, o auténtico felo desa época era o Salvador de Nocelo, que baixaba os domingos a darlle algunhas cuadas ós veciños e a meterlle medo ós nenos. Lembro esconderme detrás das pernas do meu pai. Agora, repito, adoitamos asistir a eses desfiles nos que pasan ducias de comparsas repartindo caramelos e esquecendo que houbo un tempo no que o Entroido si tiña o seu aquel.

Finca Fierro. Sábado, 2 de marzo de 2019

viernes, 1 de marzo de 2019

ANIMAL DE COSTUMES

O día que queira outra cousa, mándoche un correo electrónico ou bérroche desde a Finca Fierro”, díxenlle ó camareiro que me puxo o café sobre a mesa. Porque, ó entrar, e mentres me sentaba, quedou mirando para min desde a cafeteira para que lle confirmase se quería café. Eu sempre quero café! Son animal de costumes. Nin auga, nin refrescos nin zumes; son abstemio. Así tamén teño a vantaxe de que, en moitas cafetarías, xusto ó verme entrar pola porta, xa van directos á cafeteira para facerme o café, e non perdo o tempo pedindo ou esperando a que me atendan. Son animal de costumes.
Ergo da cama. Vou traballar. Xanto. Fago algo (sexa traballo, sexa lectura). Paseíño pola Valenzá para ler algún xornal máis na biblioteca. Ceo. Escribo. Película. E cama. Así todos os días. O dito: animal de costumes. Politicamente incorrecto. Outros dirían que torto. Futbolisticamente torto. Outros dirían que incorrecto. E sabendo como saben que, antigamente, moi antigamente, o meu gusto era o apropiado para eles, para eses que agora me acusan de torto. Animal de costumes. Ou escribo nos pequenos paniños de papel das cafetarías (cando me coincide escribir neses lugares), ou escribo no portátil na casa (cando o fago logo de cear, que cada vez é máis a miúdo). Porque, agora, nas cafetarías, xa non boto tanto tempo como botaba.

Café O Chicote da Valenzá. Venres, 1 de marzo de 2019