sábado, 16 de marzo de 2019

OS BLABLABLÁS POLÍTICOS E... DE PIQUÉ

A semana pasada foi unha máis na que os blablablás políticos imperaron sobre a realidade social, sobre o vivir diario de cada español. Promesas electorais sobre programas que, co paso do tempo, non se cumprirán. En todas as convocatorias se manipulan datos e se fan estudos sobre educación, sobre sanidade, sobre emprego, e cando, instalados xa nas poltronas do Congreso e do Senado, tales asuntos repercuten negativamente, e de que forma, sobre o paisano de a pé. Principalmente, esas tres materias xa vemos como están, como marchan. E ante esta realidade, eles, dálle que dálle cós mitins, có procés e, agora, cos lazos amarelos. Isto dos lazos amarelos recoñezo que o levo mal... con todo o que hai que arranxar neste país.
Tamén houbo blablablás futbolísticos. Como non! Media semana de suspense, de tensión, case parándose o mundo... ata que chegou Zinédine Zidane. Agora si, agora a Terra xa volve xirar sobre o seu eixe. A pena foi que os eixes do Atlético de Madrid e do Sevilla si deixaron de xirar en Europa. Quen si ten bo eixe e que canta como cantaba un bo carro cargado de produtos agrícolas é Piqué. Si, xa sei que á inmensa maioría moléstalle a súa faceta política. Neste noso país sempre molestaron moito as verdades, e se non que llo pregunten a Javier Clemente, que era outro que “caía mal” porque sempre ía coa verdade por diante. Pois ben, tivo que ser un periodista de, precisamente o diario deportivo Marca (o que significa o diario do inimigo) o que o defendese dicindo que Piqué ten as súas inquedanzas coma calquera fillo de veciño, que as expresa e que as comparte. Os tempos de dicir iso de “ti dedícate ó teu” creo que xa pasaron. Todos, absolutamente todos temos dereito a opinar de todo e sobre todo. Lembro hai moitos anos que, alguén, na sección de cartas ó director deste xornal, esbardallou contra un servidor porque escribira un relatiño en contra de algo do Real Madrid. “Ti fala de cine e non do que non entendes”, creo que dixo. Seguro que se non falara mal do Madrid non me diría iso. É igual, o caso é que, incluso eu, podo falar do Madrid, do Trump, dos buracos negros ou da leite avinagrada. Pois Piqué igual. Que sempre deu a cara. Pode non gustar, pero non por iso se pode criticar.

Finca Fierro. Sábado, 16 de marzo de 2019

viernes, 15 de marzo de 2019

FANÁTICO DA ORDE

Xa está. Xa deixo correr os dedos sobre o teclado do ordenador para escribir este Pingas. Que pasará como a maioría das veces: que nin idea de que, pero que, á hora da verdade, sempre poño un punto final. Xa o dicía o noso Cela, que iso da inspiración era unha pallasada, que o que hai que facer é plantar os cóbados na mesa e traballar, carallo, traballar. Eu planto os dedos índices sobre o teclado do portátil e, ale, a imprimirlle algo de velocidade. A velocidade vese moi ben acompañada pola música, nestes momentos, de John Coltrane. Antes tocoulle a Jerry Goldsmith e, logo, tocaralle ós Satélites con Sito Sedes.
Coma con todo na miña vida, teño as miñas maneiras para realizar certas cousas. Os meus métodos. Hai algúns destes polos que deixo un pouco alucinados a certos amigos; principalmente aqueles que precisan listados ou índices ou algo semellante; é dicir, que todo para min ten a súa orde. No caso dos listados e índices impera a orde alfabética. Son un fanático da orde, desa orde, chamémoslle, administrativa. Listados de películas, listados de cancións, listados de Cds, listados de DVDs, listados de libros, listados de arquivos. Porque coa orde todo é máis fácil. Xa está. Agora digo que con orde ou sen orde, o Pingas chegou ó seu remate. Os dous dedos índices quedan quietos co punto final.

Finca Fierro. Venres, 15 de marzo de 2019

jueves, 14 de marzo de 2019

REBENTAR COMO UNHA CASTAÑA

Sobre o monte de Pinouzos de Baños de Molgas empezou a chover con forza e no alto da Chaira viña correndo Raimundo Consello Lagaña. Pantalón de deporte, camiseta de deporte e unha pequena pucha sobre a súa cabeza. O fillo da Valiña levaba anos correndo porque nunha arroutada que tivo ante unha copa de licor café díxolle a todos os clientes que había naquel momento no bar que... ata aquí cheguei!, ó mesmo tempo que ciscaba no chan os restos da bebida que aínda quedaban no cu da copiña. E xusto á media hora xa estaba correndo polas pistas e estradas achegadas á vila de Baños de Molgas.
Pouco a pouco foi esparexendo o percorrido ata facelo por pistas dos concellos lindeiros. (Fago unha paréntese para aclarar que A Valiña chámase en realidade Valentina Lagaña Diosdado e está casada con Sadurniño Consello Saturno, O Piollo. A Raimundo, claro, chámanlle O Piolliño). Dicía que no alto da Chaira viña correndo O Piolliño. Pois ben, ante tal tromba de auga, e para mollarse o menos posible (xa estaba coma un pingo, pero alá el), correu tanto, correu tanto que rebentou, que estoupou como unha castaña xusto ó entrar nas rúas de Baños de Molgas. Non lle quedou outra que sentar nun dos mazadoiros que había ante as casas para coller folgos.

Finca Fierro. Xoves, 14 de marzo de 2019

ANDEI RAPIDIÑO

Andei rapidiño polo camiño. De noite. Era noite pecha. Andei rapidiño coa intención de atoparme coa Santa Compaña. Pero tan só vin a un escornabois contemplando os biosbardos. Iso penso. Ó mellor estaba contemplando a lúa na fase de cuarto crecente. Así estaba o noso satélite sobre un ceo clariño e cheo de estrelas. Hai estrelas ben bonitas, oh. Todas son bonitas, aínda que é verdade que unhas destacan máis que outras. Normal, tamén unhas persoas brillan máis que outras. Tamén. Tamén ó revés. Que si, que as hai moi tortas. Hai persoas desas que xa non se amansarán nunca. Antes amansaranse mellor outras vacas.
Andei rapidiño porque era noite pecha. Alguén ata pensará que igual me mexaba. Co medo. Que va! Se aínda fora de rapaz; pero a estas alturas! Andei rapidiño porque quería chegar canto antes á casa e porque quería atoparme coa Santa Compaña. Ou xa pasara ou aínda terá que pasar. Puiden preguntarlle ó escornabois, pero non se me ocorreu. Aínda que non creo que o molestase; o pobre estaba a velas vir. Ben vía eu que estaba nas verzas. Mira que, pensar que me mexaba. Mexar mexei cando cheguei á casa. Porque tiña ganas. Non por medo. A estas alturas non lle teño medo nin á noite pecha nin á Santa Compaña.

Finca Fierro. Mércores, 13 de marzo de 2019

lunes, 11 de marzo de 2019

AFOGADO NUNHA CANLE

Viaxar de noite é case coma andar ós toupos. Pódeste perder. E máis por eses carreiros e camiños que había a principios do século pasado. Que foi o que lle aconteceu a Pedro Vázquez Carballo, natural e veciño de Vilameá, no concello de Baños de Molgas. O día 16 de xaneiro de 1926 marchou cara á Ourense, andando, polo camiño que vai polo Alto do Cumial coa intención de cobrar unha pensión. Non sabemos se regresou ese mesmo día ou o fixo dous ou tres máis tarde. O que si sabemos é que o 19 uns veciños dunha aldea de Xunqueira de Ambía atopárono afogado nunha canle que abastece de auga a uns muíños nas inmediacións do río Arnoia.
Debido á escuridade da noite, semella que se perdeu e que se despenou por un terraplén. Algúns xa farán voar a súa imaxinación e a fantasía pode mandalos polo camiño do homicidio, do asasinato; polo asunto ese da pensión, xa que o homiño presentaba feridas na rexión occipital e lesións por diversas partes do corpo. Non obstante, e feitos os correspondentes exames médicos, chegouse á conclusión de que a morte producírase a consecuencia de “asfixia por submersión”. A maiores de que, nun dos seus petos, apareceron 29,30 pesetas. Moitos cartos naquela época como para deixalos no suposto de que se cometese homicidio.

Finca Fierro. Luns, 11 de marzo de 2019

domingo, 10 de marzo de 2019

NORMALIZANDO O CICLO DA MULLER

Cando ás oito da tarde cheguei á Casa da Cultura Manuel María de Barbadás para ver a obra “Monstruación”, do grupo Enconarte Producciones, non estaba para bromas. Acababa de tirarme toda a mañá e unha parte da tarde sementando nas patacas a man, é dicir, co sacho e o corpo non estaba nin para lerias nin para festas. Non obstante, agora mesmo, ás doce da noite estou contento e feliz de ver a obra. É máis, entoo o mea culpa por non coñecer ó citado grupo, nin a súa obra nin as súas compoñentes. Entoo o mea culpa porque, sinceramente, é un pecado. É e sería un pecado perderse a súa obra e as súas actuacións. As actuacións de tres actrices que me deixaron coa boca aberta e que, ó final, non me quedou outra que aplaudir a rabiar. A cal máis mellor. Rocío Romero, Arantxa Treus e Déborah Vukusic. Elas as tres amosáronme un dos cantos máis bonitos e máis simpáticos ou máis pándegos que vin cara ó feminismo. Sen panos quentes e coa parrocha de fondo, as tres bonecas rompen tabús e intentan normalizar o ciclo da muller. O maior mérito está en que as tres actrices conseguen ensinarnos, con humor, con moitas gargalladas todas as barreiras, todos os atrancos cos que se atopou e se atopa a muller nesta nosa sociedade. Que sabemos que é moi patriarcal.

Finca Fierro. Sábado, 9 de marzo de 2019

sábado, 9 de marzo de 2019

RECOMPENSA Á SÚA LOITA!

O venres foi o Día Internacional da Muller. O Día da Muller Traballadora. O Día da Muller. Houbo manifestacións por todos os lugares habidos e por haber. Co principal lema da igualdade. Cada vez que lía este lema en pancartas ou nos xornais ou na televisión, víñaseme á cabeza a miña nai. Principalmente polo da igualdade. Eramos catro homes e os catro ansiosos de que nos puxera a mesa para xantar e cear logo dunha escravizada xornada de traballo sementando as patacas ou botando no millo ou segando na herba, na que tamén participaba ela. Faltaría máis! E non deixaba a xornada a medias para marchar para a casa a facer o xantar ou a cea. Si, home, o que facía falta! A ver se van rebentar os catro homes! Chegabamos todos xuntiños á casa; os catro homes sentaban na mesa e a muller, a nai aínda tiña que acomodar os porcos ou as pitas. E ese xantar que? Para cando esa cea? Ó rematar o xantar, dereitiños á sesta. Ela a lavar os cacharros e recoller a cociña. Ou seguir acomodando o gando. Ó rematar a cea, dereitiños para o café (o pai para a cama). Ela a lavar os cacharros e recoller a cociña. Ou seguir acomodando o gando. Por iso é que, hoxe en día, ó pensar na miña nai xa me chega para saber de que pasta está feita a muller en xeral e a labrega en particular. Coa miña nai eramos catro homes. Coa miña muller somos tres e a historia, o lema da igualdade... ufff, case, case segue igual. Recoñezo que o case é moi pequeno. Direino sempre: sen as mulleres somos toupeiras que nin o tacto nin o olfacto nos salvan para dar un paso dereito. E xa pode haber manifestacións a moreas, e xa poden ter apoios de todas as características que, a igualdade... a igualdade está chea de atrancos nun camiño demasiado longo. Tantos atrancos e tan longo o camiño que lles custará un mundo chegar á meta. Si, creo que chegarán algún día, pero vailles custar un mundo. Porque os homes somos como somos, a sociedade é como é. Oxalá erre e acaden esa igualdade en menos que canta un galo. Perdón, unha galiña. Vedes o asunto, a diferencia?; todo está baseado no xénero masculino. O patriarcado está no subconsciente de cada un de nós. Así é que non queda outra que exclamar: forza e recompensa á súa loita! Con vós, ata o infinito e máis alá!

Finca Fierro. Sábado, 9 de marzo de 2019