viernes, 22 de marzo de 2019

EN PÉ DE OBRAS

Hoxe, por calquera concello que pases, están en pé de guerra. Digo de obras, de rúas levantadas, de limpezas xeneralizadas, de obradoiros a darlle cun sacho, de cuadrillas dálle que dálle (é dicir, danlle dous e miran cinco ou máis). Ó final va sei verdade iso que xa empeza a ser unha ladaíña... que debería haber eleccións todos os anos. Que si, oh; que aquí só se traballa cando lle vemos as orellas ó lobo. Ou cando pensamos que llas podemos ver.
Porque hai algúns (hai que recoñecelo) que nin lle temen ó lobo nin rabo de gaitas; son tan intocables, que ata sen erguerse dun sofá do seu salón son capaces de acadar a maioría absoluta. Fagan obras, non fagan obras. Realicen mitins, non mitins. Inauguren actos, non inauguren actos. Pero os demais si, os demais ata chegan a arremangarse eles mesmos os pantalóns e luxarse incluso por uns cantos votos. E non lles importa. É máis, ata o fan cun sorriso moi aberto e se pode ser ante unhas cámaras da televisións ou ante unhas cámaras fotográficas, moito mellor. Quen lle dixo medo ó bulleiro! Total, só serán uns días. Ó coller a poltrona nin hai obras, nin hai inauguracións, nin hai visitas a barrios ou aldeas e nin hai paseos polas rúas afastadas do centro. Dentro de catro anos erguémonos de novo en pé de obras, e xa está.

Finca Fierro. Venres, 22 de marzo de 2019

jueves, 21 de marzo de 2019

UNHA PROMESA Ó APÓSTOLO

Xa hai moitos anos, moito tempo que facer os camiños de Santiago está de moda. Non sei como serían polo ano 1926. Creo que serían máis ben por cumprir promesas. Máis ou menos como aconteceu coas novenas en honor á Virxe de Os Milagres. Agora, tanto o xacobeo como as novenas penso que se realizan máis ben por aquilo de... non sei, de inercia, case en plan turístico; ou simplemente por chamar a atención, por dicir: fixen o camiño ou fun ás novenas. Antigamente, esas viaxes facíanse polas promesas que un se facía por certas situacións ou momentos angustiosos, tristes, mal dados.
O 5 de setembro de 1926 asomou en algúns xornais galegos a nova de que o oficial da Garda Civil retirado, don Antonio Porto López, e co obxecto de cumprir unha promesa, acababa de chegar a Compostela no coche de San Fernando, un pouquiño a pé e outro pouquiño andando, e nada máis e nada menos que desde o lugar no que residía, na aldea de Vide, no concello de Baños de Molgas. As crónicas non din nada máis, pero entendo que a viaxe levouna a cabo porque “algo” lle saíu ben, xa que o esforzo de ir andando desde a súa casa ata o Apóstolo non é como para realizar unha andaina se o obxectivo da promesa fora negativo.

Finca Fierro. Xoves, 21 de marzo de 2019

miércoles, 20 de marzo de 2019

DÍAS GRISES

Somos moi partidarios de tirar a pedra e esconder a man. Ou de estirar o brazo e lanzar a pedra. Somos moi partidarios de soltalas ás agachadas. As sentenzas, digo. Despois axiña lavamos as conciencias. Hai uns cantos que optan por meterche un día gris na cabeza, nas entrañas, nas asaduras. Moitas veces, sen arte nin parte, lánzanche un asunto, unha opción, unha alternativa tan confiadamente que pensan que ti estás para iso, para seguir o ritmo do seu falso sorriso. Non lles importa se ti podes ou non podes. Simplemente mandan. Ás veces mandan imposibles. Que te angustian. Que te cabrean. Que che debuxan un día gris sobre a túa existencia, sobre o teu intelecto.
Custa darlle a volta á tortilla. Pero hai que darlla; aínda que non saibamos tirar a pedra e esconder a man. Ninguén ten dereito a asoballar na intelixencia de cada un. E non digo xa nada se o intentan facer con xactancia ou vaidade. Que o intentan, e moitas veces. Meten sen pestanexar días grises na bésta e lanzan a frecha para que se che espete, se fai falta, no centro mesmo do corazón. Son xente sen alma, inoperantes, ineptos, que entornan as súas ignorancias nos humildes e traballadores, nos bos e modestos. Regalan días grises á mantenta, á esgalla, a máis non poder.

Finca Fierro. Mércores, 20 de marzo de 2019

martes, 19 de marzo de 2019

ESTERCANDO CON METÁFORAS

Teño medo de que a color duns lazos inflúa sobre os negros pensamentos dunhas almas en pena que van e veñen polos carreiros da súa razón. Teñen razón? Quen ten razón? Quen máis quen menos chouta dunha verdade a unha mentira ou dunha falsidade a unha autenticidade. É moi difícil facer os regos dereitos e manter os sucos limpos. Nesta nosa vida, para saber arar ben, cómpre unha boa xugada de vacas. Pero agora xa nin hai un par delas para arar as leiras da felicidade.
Teño medo de que alguén non entenda as ideas que intento sementar para, algún día, poder recoller o froito dunha benaventuranza que é moi difícil acadar. Non obstante, eu seguirei estercando con palabras, sorrisos, versos, estrofas, contos e metáforas, porque sei que hai seres intelixentes incluso máis alá das estrelas. Despois, xa, cada quen que semente e que recolla coa súa conciencia, co seu sentido ás costas. Se se pensa un pouco, non é tan difícil optar ou actuar por aquilo que, ás leguas, vemos que está ben. Claro que, xa sei que moitos escollemos, eliximos o que nos convén. Total, a vida son dous días. E os lazos podemos pintalos coa color que nos dea a gana; desde un azul clariño ata un gris escuro, ou un negro turbio. Cantas veces a negrura se deita sobre o colchón do noso espírito!

Finca Fierro. Martes, 19 de marzo de 2019

lunes, 18 de marzo de 2019

A COLOR DA SOIDADE

Quere chover sobre a conciencia dunha folla seca, pero é o sol o que asoma por entre unhas enxivas vermellas. Cantas veces desexamos o que non podemos ter! Canto silencio hai nun pensamento que vai e vén polos carrís, polas relleiras dunha memoria chea de retranca ou de desolación. Sempre temos un lado escuro no máis profundo da alma ou unha estrela que brilla debaixo dunha almofada. Como se ve, hai para dar e tomar. Adoitamos lanzar sorrisos ó vento cando nos negamos a ver bágoas nunha soidade branca.
É complicado saber de que color é a soidade. Para a gran maioría quizais sexa negra. Porque hai poucos que busquen a soidade eterna. Si, ás veces buscamos eses momentos de señardade nos que o silencio se deita sobre a mente dunha aflición, dun deleite. Pero son tan só momentos, instantes, ocasións. Quizais a soidade sexa incolora. Quizais. Pero máis dunha vez queremos trotar por entre os campos verdes dunha ilusión que foi, que é e que quizais sexa. Aínda que o amarelo dun soño se bote fóra do arco da vella para chamar a atención, para presumir dunha primavera en pleno inverno. Sempre haberá colores que canten un kirieleisón pola esencia dunha ansiedade que temos metida no corazón.

Finca Fierro. Luns, 18 de marzo de 2019

domingo, 17 de marzo de 2019

AS VIAXES GALÁCTICAS

Esta noite ás dez cantan os grilos e os catro astronautas do planeta Inocencia despegarán para poder chegar á Terra coa caída da folla. Coa caída da folla do ano 2123. Porque o planeta Inocencia non está á volta da esquina; está incluso moito máis alá do universo. E sabemos que hai distancias que son infinitas. Ou case infinitas. Os astronautas (que os catro eran fillos do Galáctico) marcharan para o planeta Inocencia na sementeira das patacas do ano 1915. Libraron da Guerra Civil Española, das Guerras Mundiais e da ditadura de Franco; que xa é moito librar.
Chegaron ó planeta que está moito máis alá do universo e tan só puideron espetar a bandeira galega porque tiñan orde de volver. Así adoitan ser as viaxes galácticas, principalmente as que van máis alá das estrelas coñecidas e por coñecer. Os fillos do Galáctico eran galegos, porque o Galáctico era de Chaodarcas. E a súa muller, de Cachamuíña. Para que vexades. Algúns ó mellor podiades pensar que eran doutro planeta, doutra galaxia... por iso do alcume. Pero non, o alcume creo que lle viña xa do seu tataravó, que alá el porque se deixou chamar así. Esta noite ás dez uns astronautas ata poden escoitar os cantos dos grilos. Sabemos que no universo impera o silencio.

Finca Fierro. Domingo, 17 de marzo de 2019

A CULPA É DO MEDIO AMBIENTE

O outro día os rapaces botáronse á rúa para defender o medio ambiente. Por fin alguén semella que se toma o asunto en serio. E os labregos andan co medio ambiente a voltas durante todos os días do ano. Nesta época moito máis. Labran terras e botan sementes. Certo que os estercos e algunhas substancias fitosanitarias... pero tamén é verdade que sen estas non hai produtos, polo menos como nós os queremos. Non sei se o medio ambiente inflúe nas moas da xente. Teño unha que me trae a mal traer, que me trae adoecido, rabioso e sen ganas de lerias. Ó mellor é por culpa do aire que respiramos... ou polo tabaco que fumei de mozo.
Afectaralle ó medio ambiente a destilería duns cubatas que “destilaron”, á conta dos pombos, 37 traballadores baixa a batuta do Igape, o Instituto Galego de Promoción Económica. O de económica está ben: pagáronse con diñeiro público. Seguro que haberá delitos sobre o medio ambiente entre os 14.300 casos sen resolver que os xulgados de Ourense acumularon no 2018. Como para meterse en zarangalladas, en refregas, en leas. O medio ambiente, por unhas e outras cousas, está ferido de morte. E coma calquera animal ferido intenta defenderse antes de que o seu apagado e lento latexo remate co derradeiro suspiro.

Finca Fierro. Domingo, 17 de marzo de 2019