sábado, 30 de marzo de 2019

POLÍTICA, CENSURA E MOZAMBIQUE

Que ten a política, que ultimamente todo o mundo quere entrar nela?Estes días xa me aburren os xornais porque lles dedican páxinas e máis páxinas á precampaña electoral. Non digo nada cando se inicie a propia campaña. Que ten a política, que xa me perdo con tantos partidos. Si, é bonito que na democracia non sexan tan só dous. Pero chega un momento en que, entre tránsfugas duns e rupturas doutros, xa non sei que candidato está en cal partido ou por que partido vai tal candidato. Que ten a política? Ten unha poltrona moi cómoda na que, algúns, collen algo de poder e, a maioría, un soldo sen case dar golpe. Ou sen case. Por que hai cada candidato... Algúns incluso deberían ser censurados.
Pero non. Hai outras censuras que arreguizan. Rectifico; a min xa non me chaman a atención. Porque xa hai moitos anos que digo que, na democracia, hai tanta ou máis censura que houbo na ditadura. Nesta, como sabías o que había, xa procurabas non dicir o escribir certas cousas. Na democracia, pensado que es libre, libre de verdade, dis ou escribes cousas que axiña notas o golpe ese coma o que se lle daba ós coellos cando os matabas; ou sexa, que te censuran de tal maneira que ata chegas a pensar que, para escribir, mellor noutros tempos. Porque a min que ninguén me diga que a actuación da Xunta Electoral de Barcelona é lexítima, legal e oportuna logo de prohibirlle ós medios públicos cataláns TV3 e Catalunya Radio as expresións “xuízo á represión” ou “presos políticos”. Para un servidor, iso é peor cá censura. Iso é un acoso puro e duro como Maduro lle fai a Guaidó, inhabilitándoo durante 15 anos para exercer cargos públicos. Aquí hai dúas varas de medir: o da Xunta Electoral aplaudímolo e o de Maduro condenámolo; cando tanto unha coma o outro son reprimendas ou prohibicións ou inhabilitacións.
Dúas varas de medir coma dous mundos. Case 500 mortos en Mozambique polo paso do ciclón e case non souben del porque os medios de comunicación pódese dicir que pasaron sobre el con pés de la. Se fora nun país “auténtico”, estudarían o ciclón, o país, as xentes do ps, o remuíño do ciclón, a intensidade do ciclón e a rotación do ciclón. Pero Mozambique é un país africano e queda no quinto inferno.

Finca Fierro. Sábado, 30 de marzo de 2019

viernes, 29 de marzo de 2019

POR CULPA DA TUBERCULOSE

Non todos somos iguais. Uns levamos o demo envolto nunha toalla e outros, a este mesmo diaño, metémoslle un toxo por debaixo do rabo para que se alporice e faga das súas. Uns loitamos a brazo partido contra unha enfermidade grave, mentres que outros déixanse ir, déixanse ir ata que se consumen ou ata que optan por rematar dunha vez. Máis ou menos o que lle aconteceu a un mozo de 26 anos de Baños de Molgas, alá a finais de decembro de 1926. Tal mozo respondía ó nome de José Garrido, que estando no hospital provincial ingresado desde o 22 de novembro por unha tuberculose que padecía, optou polo remate final, por quitarse el mesmo a vida.
E fíxoo ás nove e media da noite cunha navalla barbeira que dirixiu sen compaixón ningunha cara ó pescozo. Si, sabemos que hoxe moitas enfermidades teñen cura, ata as máis perigosas, pero no ano 26 ata a máis leve podía ser mortal. Coido que José Garrido tivo que verse moi mal para optar por esa fatal solución. E digo de sentirse fatal porque con 26 anos aínda lle quedaba moito por vivir. El tiña que saber iso. Pero cando tirou para adiante é porque a ese demo a maldita tuberculose non lle meteu un toxo só debaixo do rabo, senón que lle meteu toda unha gavela para que unha navalla barbeira segase a vida do pobre rapaz.

Finca Fierro. Venres, 29 de marzo de 2019

jueves, 28 de marzo de 2019

QUE ME QUITEN O BAILADO

Cun pano das mans limpo os anteollos e penso que o axóuxere duns versos viaxa polo espazo sideral dunha ansia que non ten fin. Sempre haberá poemas que cunha pequena rima nos encherán a cabeza de planetas. Ou de estrelas. Tamén é verdade que sempre haberá poemas que, metendo moito ruído, nunca dirán nada. É moi difícil acomodar a vida no sofá cama dunha esperanza que nunca chega. Que nunca chegará. Volvo coller o pano das mans e limpo de novo os anteollos porque a poalla dunha congoxa penetra no punto e coma dunha existencia que, ás veces, non é tal. Non é tan fácil nadar contra corrente.
Nin é fácil asubiar ó estilo Morricone por entre os parágrafos dunha novela. Dunha novela barata, pero novela. Sigo sen ver ben. Será porque a sucidade dun argumento non está ben distribuída polos principios materiais do meu intelecto. De que intelecto? Pobre intelecto! Querer ser o que non se é, é coma cometer un pecado pensando que te absolverán. Non hai salvación neste val de lágrimas. Menos mal que eu sempre subirei a un outeiro para berrar, para bramar que a vida é unha bágoa e dous sorrisos. E despois que me quiten o bailado. Quito os anteollos e vexo a vida como cambia de color; da negra sombra de Rosalía á ultra violeta de U2.

Finca Fierro. Xoves, 28 de marzo de 2019

miércoles, 27 de marzo de 2019

XANDRA E AS LARETAS

Xandra Llorís Lanzada vive ó lado do mar. E moitas veces realiza paseos á súa beira. Xandra Llorís é doutora e non hai día no que non teña que realizar operacións nos oídos dos pacientes. Gústalle o seu traballo pero ás veces remata as mañás esgotada. Non obstante, cando isto acontece, adoita evadirse facendo traballos manuais, uns bonitos traballos manuais. Tan bonitos que lle colleu gusto e xa ten algo así coma un club de fans, de seguidoras. A filla de don Tarsicio Llorís, O Mestre, adoita chamarlle ás súas “alumnas” As Laretas. Semella que lle dan á lingua coma se foran as antigas lavandeiras ou algo parecido ó Sálvame ese dos ruxerruxes. A Xandra, ó principio, custáballe entendelas porque falaban nun dialecto que ela aínda non collía moi ben, pola velocidade con que o facían. Emporiso, pouco a pouco e a causa de oílas dálle que dálle, foille collendo o xeito e, agora, xa o pasa divinamente coas súas Laretas. As propias “alumnas” tamén están un chisco alucinadas con ela. Porque sendo unha doutora de clase, cústalles entender que se dedique a perder o tempo con elas. Pero Xandra sabe que non perde o tempo. Xandra Llorís Lanzada ten as tardes dos mércores para desconectar un chisco dos brumes, pústulas e demais calamidades dos oídos da xente.

Finca Fierro. Mércores, 27 de marzo de 2019

martes, 26 de marzo de 2019

MEXADAS POLA N-525

Case se pode dicir que todos os días (polo menos os laborais) teño que percorrer o traxecto da N-525 que vai desde o cruce con Marcelo Macías ata o Polígono de San Cibrao, uns nove quilómetros ou dez, tanto de ida como de volta. Pois ben, desde hai un tempo para acá, uns meses, cada vez que paso por ese traxecto, ou sexa, dúas veces ó día, sempre, pero sempre me acordo da miña etapa de neno, de cando nos puñamos a mexar polos camiños e faciámolo, claro está, andando. Xa sabedes, o risco que deixaba en zigzag a urina porque o movemento facía mover á... E á miña memoria non lle queda outra que trasladarse ós anos 60 porque nese traxecto (e imaxino que moito máis alá, tanto cara Vigo como cara Benavente) a alguén se lle deu por asfaltar as gretas tal como mexabamos os rapaces. Agora vou co coche e, zas, “as mexadas dos nenos”. Así lle chamo a esas marcas que van en zigzag por toda a estrada, tanto por un carril coma por outro. É dicir, ou sexa, os típicos parches cos que se adoita tapar o desastre. E non aprenden! Sempre é o mesmo: un pobre parche que con catro pingas de auga e dous graos de temperatura rebenta xa porque ten que rebentar. Mañá volve tocar sorrir cando vexa as mexadas dos nenos pola N-525. País!

Finca Fierro. Luns, 25 de marzo de 2019

lunes, 25 de marzo de 2019

ESPERANDO O RAÑOSO

Estaban todos tumbados sobre un penedo do alto da Chaira. Uns miraban para Barricobos e dous ou tres con dirección ós Poulos, aínda que os amieiros da Porfía non deixaban ver gran cousa; tan só quedaba a intuición. Todos estaban esperando o Rañoso. Facía unha hora que se soubera que fuxira do cárcere de Pereiro, onde levaba cinco anos porque dixeran que matara a un forasteiro (algo máis alá do Padornelo) que pululaba por Baños de Molgas.
Quen lanzou o bulo foi o gran cacique da vila (ó que lle chamaban así, O Cacique), aínda que moitos veciños non pensaban da mesma maneira. Pero o que manda, manda. Como estaba a mandar agora sobre os que estaban tumbados no penado da Chaira. Mal pensaban estes que O Rañoso asomase polas Corgas. Apegouse ó muro do campo de fútbol e achegouse, con moito sixilo, a uns 25 metros tan só de onde estaban “os mandados”. Colleu folgos, púxose de pé, berroulle ós apostados no penedo, baixou o pantalón e ensinoulles o cu. Logo soltou gargalladas a treo ó mesmo tempo que exclamaba: “dicídelle ó Cacique que me veña bicar o cu, que teño paxariños”. E cando os “tumbados” quixeron reaccionar, xa O Rañoso botara a correr pola Parrumeira abaixo e cruzou o río Arnoia todo feliz e contento.

Finca Fierro. Domingo, 24 de marzo de 2019

sábado, 23 de marzo de 2019

MARCHO PARA O CANADÁ

Mentres os políticos andan xa a toda mecha para acadar votos para o 28 de abril, un servidor andou a coller experiencia para marchar definitivamente para O Canadá. E creo que a collín. Creo sinceramente que xa podo ir de leñador para o país americano. Xa me considero un profesional da machada. Por algo experimentei todo o inverno nas cepas da Costa da Gándara. E o sábado, exactamente, ás 12.58, dei por concluído o corte de todas elas. De todas as cepas que abarcaban preto dunha hectárea, que é moito terreo, que é moita cepa. Moita. E á machada. Si, xa sei que algúns pensarán nas motoserras. Con elas empecei. Pero o zume da propia cepa non deixaba que a cadea circulase como tiña que circular. Probei coa machada. Cuns cantos golpes, zas, cepa cortada. Pero, ó pouco, fixen máis probas para dar os menos golpes posibles. Cunha peta (nas terras da miña muller) ou sacho (para min, sempre) escarvei un chisquiño, xusto para poder cortar por debaixo do nó, por debaixo de onde se enxertara a cepa. E a partir dese momento axiña me dixen que valía para marchar para O Canadá. En dous ou tres golpes, zas, cepa cortada. Aquilo era coser e cantar. Para a mente, claro, que para os cadrís e os brazos, non sei, non sei.
Certo que aínda queda moito traballo por facer: sacar as estacas e, o peor, arrincar mil postes de cemento ou máis. Pero todo se andará. O caso é que... alá van 20 anos de traballo escravo. Escravo si; porque unha viña grande é unha escravitude para dúas ou tres persoas tan só. Que practicamente non dá ningunha alegría. Nin tan sequera cando se cobra a colleita. Porque de todos é sabido que os prezos das uvas son como son. Perdón, son como ordenan. E os desgustos daqueles anos nos que ninguén che quería as uvas, arrabuñan de tal maneira a alma, que che queda un pouco de secuela para un bo tempo... noites sen durmir, cabreos, angustias, andar na procura de bodegas arrastrados coma monicreques, denunciar incluso a algunha porque se tirou anos sen pagar... un calvario!
Agora prefiro non pensar xa neses momentos. Agora toca dar unha volta polo Canadá para demostrar a miña profesionalidade coa machada.

Finca Fierro. Sábado, 23 de marzo de 2019