sábado, 6 de abril de 2019

NENOS

Os nenos. Os nenos son inocentes, son puros, son malos, son rabudos. Os nenos teñen todo bo, pero tamén son os que pagan o pato, os que cargan co pandote. O sorriso dun neno vale por todas as bágoas que deixaches escapar por algunha ou moitas das súas trasnadas. A ollada dun neno desármate de tal maneira que non queda outra que debuxar na boca a súa inocencia, a súa felicidade, os seus xogos. A maior parte da nosa vida transcorre baixo a influencia dos nosos nenos. Porque o teu fillo xa pode ter 70 anos que, como vivas, seguirás a chamarlle neno; será o teu neno. Polos nenos sufrimos horrores. E por desgraza vivimos nun mundo cheo de calamidades para os nenos. Nunha guerra son os que máis levan as de perder. Nun divorcio ou separación, por xeral, son as grandes vítimas. Nas secas africanas son os máis débiles. En calquera situación negativa creada polo home, polos gobernos, polos países, pola sociedade o que máis paus leva é o neno, é a criatura indefensa que, logo de mallala, bótase ós teus brazos para que lle deas calor e cariño. Vémolo na propia maldade deles mesmos; que son crueis de carallo cando queren, pero ós dous minutos xa xogan e se abrazan co presunto inimigo. A inocencia vencendo á maldade. A perversidade derrotada pola candidez ou inxenuidade. Emporiso, o neno é o gran derrotado pola nosa indiferenza, polo noso egoísmo, polo noso poder. A proba é que millóns de nenos son vítimas de violacións de practicamente todos os seus dereitos fundamentais, e o que é peor, polas institucións pensadas para a súa protección e, a miúdo, pola súa propia familia.

Por iso é que non queda outra que eloxiar, que gabar a iniciativa do CHUO ourensán (e a de un hospital de Bilbao) levando ós nenos ó quirófano conducindo eses cochiños que tanto lles gustan. Non lle curarán o mal, pero seguro que van máis tranquiliños, sen estrés, sen tensións e sen bágoas e, isto, xa fai por media anestesia. Polo menos que teñan un chisquiño de felicidade dentro da súa propia traxedia. A maiores de que ata os propios médicos traballarán con moita máis calma.

Finca Fierro. Venres, 5 de abril de 2019

jueves, 4 de abril de 2019

AS CUNETAS DOS MALOS TEMPOS

Ando na procura dun morto que se me perdeu cando estaba buscando os marcos dunha leira que non coñecía moi ben. O morto xa cheiraba. Debía estar morto xa desde o ano da polca. Estaba nunha cuneta. Non sei que me daba deixalo alí. Xa bastantes quedaron sen que se puideran recoller, ou recoñecer, moitas veces nin se lles podía rezar. Eran outros tempos. Si, esa é a escusa perfecta para seguir mirando cara á adiante. Para non furgar na memoria.
Este morto, o meu morto recosteino contra un castiñeiro e fun buscar o marco que daba contra a leira de Ulpiano, O Recachado. O atopalo, cravei alí unha boa estaca para que se vise polo menos mentres eu vivise. Fun buscar ó morto para levalo para a outra beira da leira e a sorpresa foi maiúscula ó non o ver. Cheguei a desconfiar dalgún animal, pero pareceume estraño, pois non oíra nada. Deille catro voltas ó castiñeiro infrutuosamente. Empecei a desesperar. Non obstante, aínda espetei tres estacas máis nos outros marcos da finca; dúas no lado que daba ó eido de Valentín, O Variante, e a outra na outra punta da beira do Recachado. Ós cachos, chamaba polo morto. “Eh, morto, onde estás?”. Así. Porque non lle sabía o nome. Rezaba para que non volvera para a cuneta. Estas traen malos recordos ou malos tempos.

Finca Fierro. Xoves, 4 de abril de 2019

O FRÍO E A MÚSICA

Cambiou o tempo. Si. Vai frío. E vai frío porque baixaron as temperaturas. A ver, xa era hora. Demasiado verán para tan pouco inverno. Vangelis compúxolle o Movemento I para El Greco. Vangelis compuxo moito. E compuxo moi popularmente. Teño as orellas frías. Porque acabo de chegar de fóra e vai frío. Dixen que baixaran as temperaturas? Pois iso. Tamén oín que ata podía nevar. Non me estrañaría. Ten nevado no mes de maio. E estamos empezando abril.
Ó tema de Vangelis quédanlle segundos. Dixen que compuña moito? Pois agora, como xa rematou, dámoslle a volta á tortilla e lanzamos ás ondas da miña cociña a Marisol. Mirade se cambiou o asunto, se cambiaron os artistiñas. De Vangelis a Marisol. Aí é nada! Marisol canta “Cabriola”. Teño unha empanada mental... Digo empanada musical. Son coma unha formigoneira na que meto temas musicais e, ale, que se mesturen, que se amasen. Para non aburrir. Se escoito sempre ó mesmo autor teño medo a que me aburra. Así é que... dálle manivela: morea de cancións, mestura de temas. Dun compositor de bandas sonoras a unha rapaza ye-yé. E agora asoma un clásico Joseph Haydn coa “Creación” e baixo a batuta doutro clásico e tamén compositor de bandas sonoras: don Leonard Bernstein. A música amortece o frío.

Finca Fierro. Mércores, 3 de abril de 2019

miércoles, 3 de abril de 2019

CON EL, NINGÚN RAPAZ ERA BESTA

Pódese dicir moi perfectamente que a mediados do século pasado os que podían ser catalogados coma personaxes importantes e impoñentes nas vilas eran os alcaldes, curas, médicos, mestres, practicantes e calquera que tivera algo de poder económico. Non obstante, na vila de Baños de Molgas houbo un auténtico e xenuíno personaxe (polo menos nas décadas do 60 e 70) que deixaba a todos os nomeados á marxe. Aqueles, os primeiros, eran personaxes máis por medo que por camaradaría. Este, é dicir, O Juan Manuel era o xenuíno, o achegado, o querido, poida que incluso ás veces fose o rabudo, pero foi, amigos meus, e tal como escribín no feisbuq o día seguinte da súa morte, o que criou (ou polo menos coidou) a toda a xuventude de Baños de Molgas. Os mestres podían ensinar todas as materias que quixeran na escola, pero no bar do Juan Manuel aprendías moito máis que materias. El e o ambiente do seu bar foi algo así como unha gran labazada de ánimo e chea de vida. Sen dúbida ningunha, a mellor escola da xuventude molguesa.
Quizais eu non sexa o máis indicado para falar do Juan Manuel. Tiveron con el máis contacto xente coma o meu irmán máis vello e amigos da idade deste, porque a ese personaxe molgués gustáballe a troula (e eu aínda era un neno e a miña xolda estaba en descubrir a Sandokán ou Tom Sawyer ou os cowboys de Marcial Lafuente Estefanía, ou sexa, a lectura), polo que cada vez que tiña un pequeno respiro no seu propio bar, saía con eses amigos e visitaba os dos demais. Máis dunha vez buscaba el mesmo esa evasión: simplemente nos dicía ós que estabamos alí naquel momento que quedabamos encargados do negocio. Así de confiado era (sobre esas confianzas habería tema para outra reportaxe, que incluso algúns fixéronas tan abusivas que hoxe en día podían ser consideradas de xulgado de garda). Quizais sexa por este detalle polo que sempre tiven en mente incluílo nas miñas Testemuñas da Memoria: era o único que nos deixaba estar sempre no seu bar sen consumir nada. (A ver, que podían consumir rapaces de 12 ou 15 anos se non había unha maldita cadela para gastar!). Mentres que nos outros bares axiña che soltaban aquela sentenza de: “besta que non fai esterco, á rúa!”. O bar do Juan Manuel era o noso parque, a nosa sala de xogos. Tiñamos a televisión, estabamos todos xuntos e se por un casual alguén tiña para meterlle ó futbolín, que máis queriamos!
Durante a miña infancia só había tres maneiras de ganar algunhas pesetas: cantando os Reis, vendendo flores de árnica (que as mercaba o Gumersindo das Gaseosas) e que O Juan Manuel te collese para que lle botases unha man despachando no mostrador (nada, dúas ou tres táboas sobre unhas caixas de cervexa) que montaba en algunhas festas das aldeas e nas Novenas de Os Milagres. Con el fun unha vez a Presqueira e un ou dous anos a Os Milagres. Así é que podo dicir que foi o primeiro home que me deu a ganar unhas moedas, das que non vía, logo, ningunha porque, de parvo, dáballas á nai e, claro, adeus moi boas.
Juan Manuel Salgado González, O Juan Manuel (por certo, caio agora mesmo no detalle de que é dos pouquiños que non ten alcume ningún; sempre foi O Juan Manuel), naceu o 17 de febreiro de 1932. Era fillo do Lisardo e da Rosa e o terceiro de catro irmáns, dous homes e dúas mulleres. Naceu cun defecto nun pé (poliomielite) que lle obrigou sempre a coxear e a un calzado con solas especiais. E aínda así, con esta eiva, tivo mérito o que fixo este home. Porque, claro, tal como conto, os que non o coñecen pensarán que só tivo e que só viviu do bar. O Juan Manuel, de rapaz (e coma moitos rapaces da posguerra, incluído meu pai), e con ese pé, foi darlle a razón a eses versos de Rosalía de Castro “Castellanos de Castilla”, é dicir, que foi segar o pan a Castela. A partir de aí case se pode dicir que foi un nómade: marchou para o País Vasco, marchou para Francia, marchou para Suíza, traballou na construción có Orellas, montou o bar, co bar montado seguiu na construción. Por marchar ata marchou de mariñeiro por eses mares polos que navegou o buque factoría Miño. Volveu á construción con Benito Malvar en Ourense...
Boa persoa. Amigo. Un dos grandes. Un grande entre os grandes. Boa xente. Terrible (en plan cariñoso). Compañeiro de parola. Gran veciño e socialista de corazón (con carné incluído). Rebelde. Directo. Sincero. Nobre. Emigrante. Encofrador. Hostaleiro. Mariñeiro. Emprendedor. Libre. Loitador. Todos estes son comentarios que saquei de veciños que contestaron o que eu subira sobre el no feisbuq e que sinalei no primeiro parágrafo. Creo que resumen a calidade e clase de todo un home. Un veciño que, el si, non nos tratou coma bestas e deixou que o seu bar o estercaramos coas nosas risas e a nosa presencia. Morreu o día de San Martiño do ano pasado. El, que sempre asistía ó magosto...

Café O Chicote da Valenzá. Xoves, 28 de marzo de 2019

Publicado en La Región o mércores, 03-04-2019

martes, 2 de abril de 2019

A INOCENCIA QUE MANCA

A escritora coruñesa Beatriz Maceda remata o seu libro “Lúa en Ningures” cos dez principios da Declaración dos Dereitos da Infancia, que quedan moi ben como puntos, pero que tal como se viu no desenvolvemento da súa noveliña son unha carallada, unha parvada. Porque os dereitos dos nenos nun campo de refuxiados semellan unha incongruencia. E iso que a autora amosa un mundo infantil cheo de esperanza, pero baixo a realidade dunha inocencia nun mundo moi duro e moi negro. Beatriz Maceda deixa unha literatura infantil que manca, que rabuña nos ósos e na alma.
Deixa frases que te funden (nenos facéndolle preguntas ós maiores e os maiores non tendo respostas) e tamén que te emocionan (a solidariedade e a morriña hai que vivilas para comprendelas). Emporiso, Beatriz Maceda tamén sabe debuxar a alegría e a esperanza. É tal marabilla de libro que con el non queda outra que pensar que cunhas simples 126 páxinas gozas tanto ou máis que cun armatoste de 863, que será o que vou ler a continuación. Seguro que non me vai gustar como me gustou “Lúa en Ningures”. Se Beatriz Maceda me gustara xa con “Cando John Lennon coñeceu a Valle-Inclán”, coa que acabo de ler xa entra no meu olimpo literario. O horror baixo a ollada dunha nena, ou sexa, da inocencia.

Finca Fierro. Martes, 2 de abril de 2019

lunes, 1 de abril de 2019

YOLANDA CASTAÑO, UN VERSO SOLTO NA VALENZÁ

Quen máis quen menos, e dos máis de 100 persoeiros ós que levo retratado neste Testemuñas da Memoria, tiveron e teñen algo de especial para min. Ó que vou retratar hoxe vai ser tamén especial porque hai unha morea de tempo que tiña ganas de botarlle as gadoupas encima, é dicir, de coñecelo. Repito: desde hai moitos anos. Máis en concreto, desde que a vira no concurso da TVG “Cifras e Letras”. A súa fermosura impresionaba. Sempre me gustaron aqueles concursos nos que se pode aprender algo, e se aínda por enriba unha muller consegue que che brillen os ollos, pois para que máis. Como me gustaba, como me interesaba axiña me quedei co seu nome: Yolanda Castaño. Mal pensaba eu que, co tempo, a seguiría e a coñecería.
Sígoa no feisbuq e coñecina o venres, 25 de maio de 2018, na Casa da Cultura Manuel María de Barbadás. Por certo, e a pesar de que xa hai outra morea de tempo que deixou “Cifras e Letras” (“no 2011”, me confesou), segue aínda máis guapa que naqueles tempos. O encontro debeuse a que, na Valenzá, e xunto a Isaac Garabatos levaron a cabo un auténtico recital poético no que, ela, Yolanda, puña os poemas e Garabatos metía a música por entre os versos, compaxinándose de tal maneira que, en conxunto, era todo pura poesía. Logo, para máis aquel, asomou ó escenario cunha elegancia tal e cun vermello tan sorprendente que a Carapuchiña Vermella sería como un pequeno gran na cara luminosa da lúa chea. Aí estaba, de pé, ou sentada a poesía en persoa. Yolanda Castaño era, en por si, un verso solto na intimidade dunha sala chea de sentimentos.

A protagonista deste Testemuñas, como entenderiades xa, é poeta. Xa era poeta cando facía o programa televisivo citado. Sabemos que de rapaces escribimos poemas de amor. Cando empezamos a ter coñecemento, xuízo, raciocinio, conciencia adoitan saír os versos de protesta. E xa adultos, somos poetas. Algúns. Porque Yolanda Castaño foi poeta desde sempre. É poeta. E será poeta eternamente. Non é cousa de pouco (ou moco de pavo) acadar o prestixioso Premio Fermín Bouza Brey contando tan só 17 anos (co que, grazas a iso, publicou o seu primeiro libro: “Elevar as pálpebras”) ou con 21 conseguir o Premio Johán Carballeira e o máis importante da literatura, o da Crítica Española, polo seu terceiro libro de poemas: “Vivimos no ciclo das Erofanías”.
Por se non quedabamos a gusto coa súa faceta de poeta, a moi condenada, vai e, alí, no propio escenario da Casa da Cultura, deixa caer no seu segundo poema unha bonita voz de cantante para rematar esa poesía. Realmente descoñecía esa faceta súa. Aínda que onde me deixou un pouco así como ido, como aparvado foi co seu penúltimo poema, sacado do seu libro “Profundidade de campo” (“... Foi primeiro unha branquia evasiva que / non me quixo facer feliz tocándome co seu sopro / son a cara máis común do patio do colexio / a faciana eslamiada que nada en nada sementa... Pechei os ollos e desexei con todas as miñas forzas / lograr dunha vez por todas converterme na que era. / Pero a beleza corrompe. A beleza corrompe... Os ríos saltaban cara atrás e resolvíanse en fervenzas rosas / bolboretas e caracois nacéronme nos cabelos / O sorriso dos meus peitos deu combustible aos aeroplanos / A beleza corrompe / A beleza corrompe”)
Yolanda Castaño Pereira naceu en Santiago o 19 de abril de 1977 e na capital de Galicia viviu ata os 13 anos, que foi cando marchou para A Coruña (paréntese para aclarar que aínda que a reportaxe se debe á actuación de dous persoeiros, de Isaac Garabatos non falo porque xa dixen algo del nas que lle dediquei a Xardín Desordenado e a ISGA Collective). Na cidade herculina, Yolanda fixo Filoloxía Hispánica e cursou estudos audiovisuais. E o que diciamos, desde moi pequeniña non é que se dedicase á poesía, é que xa era poetisa!. Polo que enumerar aquí as súas obras, os seus traballos e incluso os seus premios sería o conto de nunca acabar e este Testemuñas si ten un espazo do que non podo saír.
Creo que a maioría da xente temos a imaxe dos poetas sentados ante un escritorio, moi pensativos e intentando compaxinar uns versos que saen deses pensamentos. Iso tamén terán que facelo, claro. Pero Yolanda Castaño, por medio do feisbuq está a descubrirme outra forma de traballar, quizais moi escrava, pero fermosa: impartindo recitais poéticos por todos os lugares habidos e por haber do noso planeta, desde Bélxica ata Venezuela, desde Perú ata Polonia, desde Lituania ata as Illas Madeiras, desde calquera país asiático ata Georgia (a ex-soviética), da que acababa de chegar cando se plantou na Valenzá. O día no que teñamos facilidades para viaxar polo espazo, Yolanda Castaño deixará ós alieníxenas con cara de alien, ou sexa, tan pampos coma un poema sen rima ou coma uns versos con música.

Café Paladium da Valenzá. Domingo, 27 de maio de 2018

domingo, 31 de marzo de 2019

A VIVIR, QUE SON DOUS DÍAS

Nubrado, pero coa temperatura apta como para andar en camisa. Non obstante, saín coa cazadora. Porque fun ler pola beira do Barbañica e tiven medo que, nas sombras, a camisa non fose suficiente. O que si aconteceu realmente e que o po dos piñeiros púxoma perdida. A cazadora, se entende. Eu non sei se ás veces me entendedes ben. Aínda que confeso que sería por miña culpa, porque non me sabería explicar. Por iso recalco certas cousas. Coma por exemplo o da cazadora. Imaxino que xa entenderiades que o po me puxera perdida a cazadora, pero... e se pensabades na camisa.
O ser humano ás veces é algo complicado; adoita escapar pola extrema. Algunhas veces quere buscarlle non sei cantos pés o gato, cando todos sabemos que este mico doméstico só ten catro. Queremos facernos a vida difícil; e co sinxela que é. Simplemente consiste en tirar para adiante e vivir. Vivir que son dous días. Non lle poñamos atrancos. Se os pomos non queda outra que apartalos, que quitalos. A ver, non é mellor vivir alegres que acovardados, vivir felices que amargados. Co bonito que é subir a un outeiro, poñerse en pelotas e berrar. E berrar coa felicidade aniñando na alma e cun enorme sorriso nos beizos. Berrei e ó chegar á casa limpei a cazadora. E feliz.

Finca Fierro. Domingo, 31 de marzo de 2019