jueves, 9 de enero de 2020

ENTRE O REFAIXO DO INVERNO

O frío penetra por entre o refaixo do inverno e un raio de sol non é quen de temperar un sentimento. Quero correr pola estrada que me leva ó recuncho máis afastado da memoria, pero canso decontado, axiña me deteño para escribir un verso. Un verso que non sei rimar, pero que queda aí, suspendido no tempo, flotando polo universo. Non lle teño medo ó silencio. Por iso berro. Berro unha e outra vez para que se escoiten os meus lamentos. Quero beber do xeo que escorre pola ramallada dunha xesta. Paso unha man pola cabeza e xemo, laio de ansiedade e... tamén, por que non, de medo. Temor a ter medo de non saber o que son, de non saber o que quero. Medo a non quecer entre o refaixo do inverno.
Corro de novo ata que a suor pinga poemas que non consigo rematar, mentres que o bafo, o alento que sae da miña boca deixa sinais en debuxos estampados contra os codesos. Hai codesos que atrancan os camiños e hai camiños que custa moito percorrelos. Algúns son coma capítulos dunha novela sen punto final ou coma sorrisos que se conxelan, que xean no tempo. Non todos os camiños son rectos; nin están asfaltados. Así é que non queda outra que introducirme entre o refaixo do inverno e intentar darlle calor ós fríos pensamentos de cando o tempo era negro. Quero rachar o silencio cun berro seco. Berro polo que foi e xa non é, polo que pasou e xa non pasa. Berro polo que está por vir. Ó mesmo tempo, acubillo entre o refaixo do inverno.

A Cervexaría de Maceda. Mércores, 8 de xaneiro de 2020

martes, 7 de enero de 2020

DIÑEIRO, SAÚDE E AMOR

Ata 18 anos menos de vida nos barrios pobre. Era a nova que asomou hai uns días en certos medios de comunicación escritos e falados. Entón é o que eu digo: que hai que cambiarlle a orde a eses famosos desexos de “saúde, diñeiro e amor”, tan en voga estes días pasados. Sempre dixen e sigo dicindo que primeiro é o diñeiro. Xa, claro, pero como non teñas saúdes... Como non teñas saúde, ó mellor, con cartos recupérala pouco a pouco. Mentres que, por moita saúde que teñas, como non teñas con que comer, mal asunto! O corpo mingua de tal maneira que acaba convertido en po.
E se non, aí está a proba de que, ano a ano, aguantamos algo máis neste mundo porque a calidade de vida vai a mellor. Antes, na posguerra, por exemplo, tal calidade brillaba pola súa ausencia. Para o paisano de a pé, por suposto. Agora, non é que o paisano de a pé viva na gloria, pero polo menos, come. Si, os que comen. Se non comen, xa vemos como están de saúde. Por iso penso que xa vai sendo hora de facer unha nova versión musical e que alguén cante “diñeiro, saúde e amor”. O amor incluso o pode quitar. Para este non hai orde ningunha. Sábese ben que o amor é pasaxeiro. Case sempre é efémero. Ás veces ata dura menos que uns billetes de euros. Xentiña, non queda outra que se queremos saúde, hai que trasladarse ós barrios máis prósperos da cidade, das cidades. Igual temos a sorte de que, nestes, nos caian os pans cocidos do ceo. E tendo que comer, a saúde fortalécese. A que estes días vos suaron as graxas?

Finca Fierro. Martes, 7 de xaneiro de 2020

lunes, 6 de enero de 2020

MEDO Á COSTA DE XANEIRO

Acabouse o que se daba. Ás catro e vinte da tarde do día de Reis ou da Epifanía do Señor dou por rematadas as celebracións de Nadal. Certo que a min moito non me afectaron. Ou si. Durante este tempo non tiven que madrugar para coller camiño de Maceda. Durante este tempo o corpo, principalmente o estómago percorreu o viacrucis das lupandas, larpeiradas ou das ceas opíparas. E iso que son dos que me controlo un pouco a causa do despoxo, do fargallo de estómago que teño. Pero aínda así, o exceso faise dono e señor dunha mesa sobrecargada de produtos gastronómicos. Pero por todo o demais, para un servidor, son unhas festas que nin lle van nin lle vén. Quen o diría!, cando, a causa delas, escribín xa varios relatos ou críticas; que se a esaxeración das luces das cidades, que se a cruz do belén de Ourense, que se a cara do de Allariz; que se os Reis Magos cos seus agasallos. Son festas que cansan, que chegan a aburrir. Polo súa duración, polo seu barullo, pola súa barafunda, pola aglomeración nas rúas, nos centros comerciais e por esas farturas gastronómicas citadas. Procuro non analizar xa as xuntanzas familiares; que nestas datas semella que deberían ser de concordia, entrañables, pero que, ás veces (penso que poucas), vólvense incómodas, medio tormentosas, coa sensación de pisar sobre areas movedizas. Na cuestión económica, non me estraña que lle teñamos medo á costa de xaneiro; a ver quen a sobe sen unha cadela no peto. Porque todo se dilapidou no decembro.

Finca Fierro. Luns, 6 de xaneiro de 2020

domingo, 5 de enero de 2020

TODO É ABSURDO

Todo é unha quimera. Desde observar como un paspán bota fume polo seu nariz ata querer asentar nun satélite artificial para contemplar o universo. Todo é unha ilusión. Desde pensar que os Reis Magos che van resolver a papeleta da felicidade ata botarte desde o campanario da igrexa de Baños de Molgas, a case 30 metros de altura, pensando que vas aterrar de pé, con parsimonia e en plan de Supermán. Todo é unha utopía. Desde calcular que a distancia que vai de aquí ata Marte é a mesma que cando volvas (se volves) ata absorber todos os devezos que sentes por alguén, incluso pola túa propia sombra.
Todo é un esperpento. Querer opinar do que non sabemos e, ás veces, querer demostrar o que xa coñecemos. Como lle explicas a alguén que o río Arnoia é o mesmo que pasa por Baños de Molgas e por Allariz. Como vai, como chega dun lugar ó outro. Polo río abaixo vai unha troita de pé... Hai que preguntarlle á troita. Todo é absurdo. Desde crer que vinte elefantes non romperán a tea de araña ata imaxinar que eu, precisamente eu, chegarei algún día ó planeta do meu amigo alieníxena. Será imposible; o seu planeta está a anos luz. Imaxino que non vivirei tanto. Todo é unha carallada. Desde querer comungar con rodas de muíño ata pensar que podes facer a seitura no mes de xaneiro. Case é mellor deixar que o tempo pase, a vida siga e que a felicidade sexa a nosa sombra... se vai sol. Se non hai sol, sentaremos ó pé dun formigueiro e botarémoslle terra ó asunto. A este asunto.

Finca Fierro. Domingo, 5 de xaneiro de 2020

sábado, 4 de enero de 2020

SIGO CRENDO NELES

Hoxe é o día dos Reis Magos. Os Reis Magos semella que nos trouxeron un novo Goberno para España. E digo semella porque isto escribino o sábado. Aínda que, os Reis Magos, xa poden traer o que queiran, porque a min... a min nunca me trouxeron nada. Pero teño unha alma tan caritativa (ou tan infantil, todo hai que dicilo) que sigo crendo neles. Nunca me trouxeron nada porque, ó mellor, debíase a que non deixaba as chancas no balcón. Non as deixaba porque, unha de dúas, ou se mollaban ou se endurecían por culpa da xeada. A realidade era que, para que deixalas se sabía que na miña casa da rúa da Igrexa de Baños de Molgas non tiñan parada e moito menos fonda, claro. A ver, se non deixaban nada, que foran parar a outro lado, os condenados. Na corte estaban as vacas, no cortello os porcos e arriba estabamos nós. De fonda, nada de nada. O que non dá non recibe. Así de sinxelo.
Os Reis Magos nin tan sequera me traían os restos do día anterior. Chámolle restos a esas pesetas que garduñaba a noite anterior logo de cantar os Reis polas casa da vila. O de quedarme con esas pesetas vai porque todo o que acadaba cantando, de paspán, deixáballo á nai. Canta inocencia a miña, que ata tiña medo que se dese conta de que gastara tres pesetas nun Celtas ou nun Peninsular. E se por un casual algún ano a nai estaba, chamémoslle, caritativa, “de quiero”, podía ó mellor darche unha peseta para tomar un Vila (vasiño de laranxada que vendían os Vila da Estación, o que hoxe sería un vasiño de Kas ou Fanta) ó día seguinte, festivo, ou sexa, día dos Reis Magos.
Non obstante, a inocencia, a esperanza, os soños non me abandonaban ano tras ano. Non deixaba igual as chancas, pero, no fondo, nese soño, nese devezo infantil... “ó mellor este ano cae algo”. Nunca caía, claro. Porque os meus “Reis Magos” eran tan pobres, tan pobres que aquela peseta que podían dar tiña que quedar en reserva por se se puña mala unha vaca ou un renchiño ou había que mercar ovos porque, as catro ou seis pitas, no inverno, e á causa do frío, baixaban unha barbaridade a súa produción. Con 60 anos sigo soñando con eles, aínda que estou por apostar que, hoxe, estou igual que onte e que o sábado. Oxalá contigo, lector, se portaran ben.

Finca Fierro. Sábado, 4 de xaneiro de 2020

jueves, 2 de enero de 2020

TITULAR NA PORTADA

Erga cedo, levánteme tarde a miña obsesión é saír da casa coma un foguete ou coma un lóstrego para ler o xornal ou os xornais do día. Teño tal fixación, tal cisma que como vexa que poden estar pillados nas cafetarías ás que vou habitualmente, non me importa tirar para adiante e buscar unha onde teña posibilidades de atopar un xornal libre. Teño tanta ansiedade por saber o que pasou... Ás veces levo algún que outro desgusto. Como o que me aconteceu o pasado xoves, día 2. Na portada dun periódico da nosa Comunidade viña o seguinte titular (en castelán, aínda que eu, claro, pásoo ó galego): “Cristina Pedroche sorprende cun vestido de fibra de vidro e pan de ouro”.
Inmensa tristeza ó ler isto. Como se pode instalar en toda unha portada unha noticia coma esa! Nun xornal subvencionado pola Xunta de Galicia! Medio pagado por nós! A noticia dun personaxe que, seica, ano tras ano vai detrás duns minutos nos que poida chamar a atención a base da exhibición do seu corpo. É certo que co seu corpo pode facer o que lle dea a gana e é moi respectable a súa decisión; pero non asumo que un xornal de tirada nacional inclúa na portada (nada menos que na portada!) un titular sobre o egocentrismo, a egolatría de alguén. Todos sabemos que esas novas (con fotos incluídas) quedan mellor nesa chamada prensa amarela; pero nunca deberían asomar nun xornal que se presume serio, xenuíno (certo, ultimamente é un dicir) e sustentado, sostido cos nosos cartos.

Finca Fierro. Xoves, 2 de xaneiro de 2020

miércoles, 1 de enero de 2020

DESVIRTUANDO A LINGUAXE

Sei que é difícil acostumarse a poñer nas datas o ano 2020, pois a inercia segue a escribir 2019. Hai que borrar, claro. Pouco a pouco, pasiño a pasiño. A Fundación Fundéu BBVA, ou sexa, a Fundación do Español Urxente, asesorada, por certo, pola RAE (Real Academia Española), e quizais por iso da urxencia non quixo ir pasiño a pasiño e, sen pensalo moito, escolleu como palabra do ano 2019 os emoticóns. Como se lle pode chamar palabra a un símbolo ou chintófano ou chisme ou debuxo! Entendo e sei que eses chintófanos xa son lei de vida na linguaxe, principalmente, das redes sociais, pero nunca se lle pode chamar palabra! O peor de todo é que xa non ten marcha atrás.
A nosa linguaxe escrita vai de mal en peor. Entre monecos deses, abreviaturas e verbas estranxeiras, a nosa linguaxe xa non hai por onde collela. A maioría das veces teño que virar o cu por riba da cabeza para poder ler o que alguén escribiu en, por exemplo, o feisbuq ou o guasap. Estamos a desvirtuar a linguaxe! Non concibo como a propia RAE fai coma que non ve, mira para outro lado. Nin tampouco concibo que o Goberno español non tome cartas no asunto. Dentro de nada o noso dicionario constará tan só cun centiño de palabras, e menos mal. E co bonita que é a palabra! Como se entende que alguén prefira un debuxo cos beizos en vermello en vez da palabra “bico”. É como debuxar o bultiño do peito da muller e non chamarlle “mamila” ou “bico do peito”. Bico do peito; que marabilla de nome!

Finca Fierro. Mércores, 1 de xaneiro de 2020