jueves, 15 de julio de 2021

TODO POR SAÍR

Rematou a etapa do Tour e saín. Saín porque teño que saír. Se me quedo igual afogo de angustia ou morro de desesperación. A etapa do Tour acabou no alto de Luz-Ardiden. Durante uns 50 metros soñei, soñamos con Enric Mas, pero cando Pogačar arrincou, alá foi, xa rebentou ós tres que o acompañaban. Enric Mas entraría finalmente de cuarto. Non obstante, foi bonito soñar durante uns segundos, uns bonitos segundos.


Para saír prepareime ben. Ou armeime; case mellor. Auriculares ós oídos para escoitar unha mestura de temas musicais que poden ir desde unha banda sonora ata Metallica; ou desde Glenn Miller deica Fuxan os Ventos ou Guadi Galego ou Víctor Manuel ou Bruce Springsteen ou The Teta´s Van, ou Dizzy Gillespie... Coloquei o bozo sobre a cara e gardei no peto do pantalón a lista da compra. Só son catro cousas xustas, pero teño que anotalas. Se non as anoto, ó mellor, cando chegue ó supermercado, xa non lembro nin a primeira. A miña memoria xa non é o que era. Para min que quere cabalgar xa polas pradarías do meu cerebro o puto alzhéimer. Por isto do alzhéimer tan é bo que saia: para lembrar ben o camiño polo que transito. Teño medo a que se me esqueza. E se non sei por onde vou, non podo saír. Se non saio sufro, peno, afogo, morro.

Mañá hai de novo outra etapa do Tour de Francia e ó rematala, máis ou menos, levarei a cabo a rutina de hoxe. Todo por saír. Non vaia ser o demo que...


Café A Pedreira. A Valenzá. Xoves, 15 de xullo de 2021

 

miércoles, 14 de julio de 2021

A DISTANCIA INFINITA

Seis menos cuarto da tarde. Esperando o café. Xa chegou. Non me sae da cabeza a distancia que vai de aquí ó infinito e máis alá. Debe ser enorme, sideral, infinita. Calquera día éntrame a arroutada e póñome a medila, metro a metro, paso a paso, dáme igual. Onte mesmo déuseme por pensar canto me levaría dar a volta ó mundo... andando. Tería que ir con dirección cara ó Leste, claro. Para parar en Xerusalén e contactar co Noso Señor Xesucristo. Pois ou me concedía a venia de poder andar sobre as augas ou me pasaba el ós cabaletes. Se quero darlle a volta ó mundo teño que cruzar ríos, lagoas, mares e océanos. E moitos ríos dos que hai polo mundo adiante non son como a Arnoia, non. Nin as lagoas son como a lagoa de Almoite. Eu só me vexo capaz de cruzar charcos e caldeiras que non sexan moi anchas.


Seis menos cinco da tarde. Xa tomei o café. E segue a cabeza traballando en como chegar deica o infinito e máis alá. Porque non son Buzz Lightyear. E a distancia é moi grande; infinita. Podo, iso si, plasmar todo nun papel, neste papel, por exemplo, e despois mentir dicindo que si cheguei máis alá do infinito. Podo inventar lugares e distancias, dicir que fun correndo ou amodiño. Ata podo disimular con algunha que outra apurada... que se os coreanos tal (por non dicir os birmanos ou vietnamitas ou colombianos, etc), que se corrín por un barranco ou que crucei o Amazonas no lombo dun crocodilo. A realidade é que seguirei pensando nesa distancia infinita.


Café A Pedreira. A Valenzá. Mércores, 14 de xullo de 2021

 

martes, 13 de julio de 2021

SEN BURGA EN BAÑOS DE MOLGAS

Alguén me dixo que secara a burga de Baños de Molgas. “Hai cinco días que secou a burga”, me dixeron. Mirei ó tipiño de esguello porque non o cría. Como ía secar co tempo que temos!, pensei. A burga! A miña burga! A nosa burga! Tan só se vira apurada no famoso terremoto de Lisboa, alá polo 1755, e como ía secar agora se case non temos verán! Non obstante, comuniquei cun veciño e confirmoume esa mala nova. É máis, incluso xa sacaran ó san Salvador en procesión polas rúas molguesas, a ver se el era quen de que Baños de Molgas volvese á normalidade. Porque Baños de Molgas sen a burga non é Baños de Molgas.


Nunha arroutada, collín ó Pancracio e presenteime alá. Polo camiño recoñezo que pensei na ridiculez da miña viaxe. Que ía solucionar eu? Como non lle soprase ó cano... Porén, baixei as escaleiras da burga cunha certa agonía no peito. Efectivamente, non botaba pinga de auga. Tiña que ser cousa do demo que non saíse nada por alí cando, na realidade, botaba de continuo un bo cachón. Sobre o cano vin algo verde, coma se fose sangue doutro planeta. Empecei a entender. Así é que usei unha linguaxe que eu mesmo non coñecía pero que sabía que me entendería co meu amigo o alieníxena. Nun santiamén asomou a súa cabeza, ó mesmo tempo que no cano xa se formaran uns regueiriños de auga. Resulta que o alieníxena, ó entrar na nosa atmosfera, pasou tanto frío que se acubillou baixo os case 50 graos da auga da burga para entrar en calor. Axiña lle pediu perdón a toda a vila e ó san Salvador.


Café Kibu. A Valenzá. Martes, 13 de xullo de 2021

 

lunes, 12 de julio de 2021

CADRAR O ASUNTO

Deille unha volta ó asunto e púxeno patas arriba. Ó dereito vía eu ben que non cadraba. Cando algo non cadra hai que darlle voltas e reviravoltas para que asente como ten que asentar. Por veces, hai cousas ou asuntos que non cadran nunca. Tampouco é plan, entón, de darse golpes contra as paredes. Polo buraco dun rato non podes meter todo un armario. Tampouco podes comparar o outeiro dunha toupeira co Himalaia, ou coa serra de San Mamede. Non obstante, as máis das veces sigo erre que erre (mellor, dálle que dálle), pois aínda que son dos que razoo ben e con calma, tamén é verdade que son testán. E se teño que buscarlle tres pés ó gato, empezo a contar desde cinco para atrás. Porque a miña intención, e logo de darlle mil voltas, é a de seguir cadrando ou asentando o asunto.


Non consigo cadrar as decisións dos concelleiros do PP de Ourense. Primeiro marcharon e en dez meses volveron. Por que marcharon? Por que volveron? Tan só me cadra o asunto da bicoca, de vivir da bicoca. Visto así o razoamento, entendo que tal asunto non precisa poñelo patas arriba. A solución é sinxela: a cobiza do poder é unha sombra que se alonga, que se alonga. Pero, realmente, tal asunto político non me preocupa moito, xa que teño o do primeiro parágrafo que non me cadra. E empezo a afogar de ansiedade; como se me metera nas profundidades dunha lagoa ou como se me cegara o sol ó contemplalo desde un balcón. Mellor entón deixar pasar todo e xa cadrará. Se quere.


Café Kibu. A Valenzá. Luns, 12 de xullo de 2021

 

domingo, 11 de julio de 2021

SATURACIÓN DE FÚTBOL?

Eramos poucos e pariu a avoa. Non me chegaba coa Eurocopa, que tiven que ver tamén a final da Copa América entre Brasil e Arxentina e que ganaron estes por 0-1. A ver, o que realmente vin foi unha guerra, unha auténtica guerra de guerrillas. Aquilo de fútbol non tiña nada. Todo era a base de faltas, perdas de tempo, empurróns, protestas, etc. Eu quería que ganase Arxentina, pero recoñezo que Casemiro ó lado de Otamendi é un santo. E se me puxera na pel de Neymar, prometo que me retiraría do fútbol para que non me cribasen a patadas. Que maneira de recibir sobas ou marimbas! E que forma de dalas!; tanto duns coma doutros.


Outro maracanazo, pero este sen case graza ningunha. Pola falta de público. Aínda que si puideron asistir algúns, non é o mesmo ver o mítico Maracaná cheo de xente que practicamente baleiro. En calquera deporte ou actuación ou evento, se non hai público, perde toda a esencia. O ser humano, a maioría das veces, tira cara á adiante grazas ós alentos, ós aplausos, ós ánimos.

Saturado entón de fútbol? Que va! A pena é que non puiden ver máis da Copa América por culpa de proxectalos tan tarde (onte valeu a pena, e a pesar de que de fútbol nada de nada, deitarme ás catro da madrugada), se non, aseguro que vería uns cantos, os que puidese. Saturado de fútbol? Se xa teño ganas que empece a Liga! E mentres non empeza... ciclismo co Tour de Francia e deportes en xeral cos Xogos Olímpicos.


Café Kibu. A Valenzá. Domingo, 11 de xullo de 2021

 

sábado, 10 de julio de 2021

MESMA ACCIÓN, DISTINTO CRITERIO

Gústame o deporte. Gozo co fútbol. Pero incluso o deporte, en xeral, e o fútbol, en particular, teñen o seu aquel en cuestións de narracións, de egos e de favoritismos. Xa que unha mesma acción case sempre dá a unha opinión distinta, dependendo de quen narre, de quen conte. Por exemplo, nos lanzamentos de penaltis, por comentar algo que se viviu na Eurocopa que nos acaba de deixar. E como mellor nos entendemos e aclaramos é poñendo sobre este Recuncho os dous partidos nos que a nosa selección tivo que chegar a esa morte súbita ou a esa lotería, como dicimos a maioría.

No partido España-Suíza, o noso porteiro Unai Simón parou dous, que, na fin de contas, foron os que nos deron a clasificación á semifinal. Parounos Unai Simón. Ninguén ou case ninguén dixo que os fallaran Schär e Akanji.


No partido España- Italia, o noso porteiro Unai Simón paroulle un a Manuel Locatelli. Pero (o maldito pero) cando Donnarumma lle parou o penalti a Álvaro Morata, ninguén o dixo así: de que parara Donnarumma, senón que o fallara Morata. Aí está; mesma acción, distinto criterio.

Ademais, para min, nos penaltis, todas as paradas son mérito dos porteiros e non fallos dos dianteiros. Porque cando paran un penalti significa que o balón ía á portería. E indo á portería ía ben tirado, o que pasa é que o porteiro acertou tirándose para ese lado. Se se tira para o outro, entón sería gol, o que significa que non ía tan mal tirado. Así é que ante unha parada dun porteiro nun penalti nunca se debería dicir que o fallou o que o tiraba. E ó revés: se o porteiro non o para foi porque fallou e o lanzador acertou. Polo que nas narracións deberíanse facer constar os dous detalles: o de acertar e fallar.

Aproveito logo para rematar coa Eurocopa. No momento en que escribo isto (sábado) aínda non sei que a ganaría (oxalá fose Italia, porque os outros xa bastante axuda tiveron), pero si confeso que ata agora gocei dela coma un anano e aínda que empecei desconfiando de Luis Enrique, agora mesmo recoñezo que nos deu a todos unha enorme lección. E a min deixoume pampo precisamente nesa eliminatoria contra os italianos. Cando non vin a Morata baixoume a moral porque... quen ía loitar contra os centrais de Italia? E resulta que Olmo ganoulles a batalla a eses dous mitos sen lles tocar un pelo. Aí Luis Enrique demostroume que tamén sabe adestrar.

 

viernes, 9 de julio de 2021

O SOL NO COCOTE

Vindo de camiño para a terraza do café pensei que se me daba moito o sol no cocote igual me podía marear. A ver, creo que teño bastante aguante, pero nunca se sabe. Empezo a ter certa idade e a saúde, ás veces, vai ou non vai. Estou moi acostumado a andar baixo o sol, pero... Pero, que carallo, o que é heroe é heroe para todo. Incluso para perdoarlle a vida a un pombo. É que me crucei cun no atallo e, o condenado, non quería apartar. Era grande, era bonito de raio; pero fíxome fronte. Ademais, coa cabeza ben alta. “A ver, oh, que eu non che fixen mal ningún, non me meto contigo, déixame pasar”, así lle dixen. Só moveu a á esquerda un pouco, pero non apartou. Recoñezo que o mirei de mala maneira porque, para máis aquel, o sol seguía pegándome na noca.


Non obstante, e como heroe bondadoso que son (bondadoso ou benévolo, que é o mesmo), fun eu o que apartei subindo polo valado que había á miña esquerda. Iso si, serie heroe bondadoso nos actos físicos (ou benévolo, repito), pero mentalmente deixeille caer catro sentenzas e con xestos e incluso acenos cos que lle quixen demostrar que non lle tiña medo. O malpocado, por esta vez, nin se dignou mirarme. Confeso que sentín vergonza de min mesmo. E foi nese momento cando tamén pensei se non sería o sol que me caía na caluga que me estaba afectando. Ó mellor xa me fervían algo os miolos. Ou o entendemento. Eu que sei...


Café A Pedreira. A Valenzá. Venres, 9 de xullo de 2021