jueves, 22 de julio de 2021

ANXINA DE PEITO

Ás cinco menos dez da tarde noto como unha angustia no peito, que incluso se me fai dificultoso o respirar. Non se pode empezar a ler o primeiro periódico do día a estas horas! Cada vez que leo os periódicos polas tardes síntome aflixido, como enfermo. O caso é que fun á aldea e, aínda que xa tiña os cartos preparados para un periódico, amargoume parar o coche e dixen para min que xa os lería pola tarde. Mal feito! Xa non é o mesmo! Incluso os leo con desgana e sen lles prestar moita atención.


E o peor de todo é que, a maiores de non os ler, teño que convivir con esa mala sensación que me invade todo o corpo e durante toda a mañá. Estou incómodo, fochico na finca e só penso no que dirían os xornais: se sairía algunha nova relacionada con Baños de Molgas, se o Celta realizaría algunha fichaxe, se a pandemia segue dálle que dálle, etc. Hai anos tamén pensaba en se me publicarían ou non algún Pingas; pero agora ese pensamento xa non me ataca tanto porque entendo que me espallen as publicacións, xa que por mandar mándolles algo todos os días, ou case todos os días.

Non obstante, esa dor como de anxina de peito é por todas as noticias en xeral, por querer saber canto antes o que acontece no mundo. Si, podía botar man do móbil, pero onde estea o papel... o seu tacto, incluso o seu cheiro e ata a algarada das follas cando vai aire. O que peor levo agora dos xornais (por culpa da pandemia é do bozo) é que non podo mollar o dedo para pasar páxina. E ás veces preciso de Deus e axuda (e algunha que outra blasfema) para facelo.


Café Kibu. A Valenzá. Xoves, 22 de xullo de 2021

 

miércoles, 21 de julio de 2021

ESPÉRAME NO CEO

Espérame no ceo é o título dunha película que Antonio Mercero rodou en 1988. Eu cada vez que leo ou escoito a palabra ceo noto como a imaxinación ou o pensamento se me dirixe cara á arriba. De todos é sabido a miña paixón por ese espazo que non ten fin. Ou simplemente por flotar polo universo. Tamén, si, por explorar outros mundos... se os hai. Eu creo que si.

Espérame no ceo. Bonito título para dicirlle a calquera que eu o espero onde queira. Durante un tempo prudencial, iso si. Non vou estar toda unha vida esperando por alguén que ó mellor non vén; cando teño tantas cousas por facer por esas galaxias infinitas. E se alguén me quere esperar a min, prometo que irei. Se tardo en chegar, que non desespere. Repito, andarei recoñenendo os confíns do universo.


Agora ben, tamén é verdade que cando leo ou escoito a palabra ceo, axiña se me vén á cabeza a palabra inferno. Que carallo, é unha palabra forte, incluso bonita e moi apetecible. Pois de cando en vez gústanos ser malos e formar un inferno ó noso arredor. Ou sexa, revolucionar ou alborotar o mundo. O ir de bos pola vida tamén cansa, mesmo por veces esgota. Deixar caer de cando en cando algunha semente de maldade é como abrirlle a porta un pouco a ese demo que levamos dentro. Para que tome o aire. Ata o maior inimigo necesita un alento de vida. Acaso non nos gusta quedar pasmados ante o lume dunha lareira? Pois no inferno é bonito ver como arden os farrapos da miseria e as aldraxes das conciencias. Así é que espérame no ceo, que vou explorar un pouco o inferno.


Café Kibu. A Valenzá. Mércores, 21 de xullo de 2021

 

martes, 20 de julio de 2021

SON O SALVOCONDUTO

Son o salvoconduto das ideas que pululan pero que están escondidas en algún recanto da miña memoria. Xa sei que algunhas veces trouso ideas raras e tolas, pero outras veces tamén deixo escapar algunha poética ou sentimental ou filosófica. Son o salvoconduto de pensamentos e sentimentos e ruxerruxes e esperpentos. Son o que son e non hai volta de folla.

Tan só deixo de ser eu cando estou cos biosbardos. Estar con estes é coma estar na gloria. Nese momento non hai versos nin loitas nin berros nin saloucos nin desexos nin branco nin negro; non hai nada. Tan só o tempo que pasa sen facer ruído. Son o salvoconduto dun soño que está aí pero que non se amosa. Son o aire que se queda quieto e o sol que non queima.


Corro polos carreiros da miña existencia para saber que estou vivo, que non afogo nun vaso de auga e que o alboroto, o barullo está aí, pero sen medo ó ruído. Corro e fago correr a esas ideas que saben choutar moi ben os valados e salvar os atrancos que asoman nas composicións dos poemas. Corro porque son o salvoconduto do meu tempo. Ese tempo que, en principio, é infinito e que todo o pasado sempre foi mellor. Iso din. Aínda que eu afirmo que non hai como vivir o presente. Por iso agarro as ideas e os pensamentos e os chismes e os sentimentos e os dixomedíxome e sácoos con forza e ó mesmo tempo con agarimo dese recanto da memoria para que se espallen polo mundo con rarezas, loucuras e filosofías. Son o salvoconduto deste momento.


Café Kibu. A Valenzá. Martes, 20 de xullo de 2021

 

lunes, 19 de julio de 2021

VIVO NO NÚMERO 13

Joaquín Sabina seica vive no número 7 da calle Melancolía e eu vivo no número 13 da rúa Estreita, no planeta Sulfido XXX (tres xes), que está a case infinitos anos luz do voso planeta. Parte das vacacións si as paso pola zona do Monument Valley intentando cazar desas cobras velenosas que fan ruído co cascabel ou axóuxere. A min aínda que me mordan non me envelenan. Porque a min non me envelena ninguén nin calquera cousa. Desde que vivo no planeta Sulfido XXX un remanso de paz aboia polas miñas entrañas. Antigamente, nas vacacións, cazaba indios e cando se extinguiron boteime ós búfalos, que non tardaron tampouco en desaparecer das pradarías do voso planeta. Por iso me dedico agora a eses bífidos velenosos.


Outra parte das vacacións (seis rilas, seis meses vosos) asento nas Mestras de Baños de Molgas. Recomendoume o lugar un veciño alieníxena que, de cando en vez, seica visita a un paspán medio escritor desa vila. A verdade é que tal lugar non o temos no meu planeta, no que só hai coios enormes e algún que outro lóstrego que, ó bater no chan, quedou teso. O meu planeta non é que sexa moi bonito, pero aínda así, por veces, nas vacacións, bótoo de menos. Cando me deprimo achégome deica o Alto da Lomba (tamén en Baños de Molgas) e bótome ás boleiriñas por Sudalomba abaixo. E se a depresión é moi grande, non me importa regresar a Sulfido XXX, a onde chego en tres rilas (tres meses vosos). Vivo no número 13 da rúa Estreita.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 19 de xullo de 2021

 

domingo, 18 de julio de 2021

NO CAMPANARIO

Xa sei que ninguén me vai crer. Pero a miña verdade vouna plasmar aquí, no papel. Botei 23 anos vivindo no campanario da igrexa de Baños de Molgas, a uns 30 metros de altura, sen practicamente comer nin beber. O practicamente débese a que cada 6 de agosto, o encargado de repenicar as campás cando o san Salvador sae de procesión, subíame un codelo de pan e un cacho de touciño; como aquel manxar que levabamos de rapaces para o monte Medo. Polo demais, si se pode dicir que vivín do aire. Souben sempre que eu son un caso especial entre o ser humano. Aínda que nin eu mesmo sei como podo vivir sen comer, sen beber e sen facer nada.


Porque no campanario non facía nada. E que ía facer naqueles poucos metros cadrados! Por non facer é que nin lle prestaba atención ás badaladas do reloxo. Ó principio si que me molestaban. Estaban alí dálle que dálle cada cuarto de hora, que pensei que me deixarían xordo de por vida. Pero ós tres ou catro anos xa non me decataba nin de cando daban as doce, que xa é dicir.

Botei 23 anos matando o tempo discorrendo frases para a posteridade: que se a cuadratura do círculo era triangular, que se a luz do candil é o suco dun sentimento, que se a flor do toxo é o reflexo deste lado do espello, que se do outro lado tan só hai unha parede, que se o silencio é o tempo que vai entre badalada e badalada, que se a esencia dun latexo é a reviravolta dun pensamento... Ós 23 anos xustos baixei do campanario e ninguén me dixo nada. Metinme na casa e comín a fartar.


Café Sports Century. A Valenzá. Domingo, 18 de xullo de 2021

 

sábado, 17 de julio de 2021

ACÁBASE O MUNDO?

Acábase o mundo!, dicía aquel. E case terá razón. En Ourense morremos afogados coa calor, mentres que en Alemaña van máis de 100 mortos a causa das inundacións. Aínda que, a min, o que me deixou medio tarambaina foron os case ou sen case 50 graos de temperatura en Canadá, nada menos que no Canadá; que case, case é coma dicir que foi no Polo Norte. Acábase o mundo!, dicía aquel e din moitos. E logo, por se fose pouco, seguimos con esta pandemia que en vez de ir a menos, volve ir a máis. Porque non aprendemos, claro. Porque seguimos tropezando unha e outra vez, unha e mil veces coa mesma pedra, ou sexa, con esta Covid á que non lle facemos caso e así andamos... con contaxios e con volta outra vez ós peches da hostalaría.


Quen non se acaba é o señor Feijóo, o noso presidente. Que tío! Outro que se eterniza nos cargos. Vedes, eu, nestes casos, ata estou cos ianquis: que teñen o tope en oito anos e, adeus, moi boas. Se están moitos anos, collémolos coma rutina e axustámonos ás súas inercias. E as cousas necesitan cambios, evolución. Que se por un casual os cambios van para mal? Moi fácil; ós catro anos, fóra! Núñez Feijóo xa leva 15, creo. Xa case é coma un da familia. E á familia, xa sabedes, perdóaselles todos os erros. Mal feito!; os erros hai que corrixilos.

A quen non lle hai que perdoar nada son a eses asasinos do rapaz ese da Coruña, de Samuel; nin tampouco a eses mequetrefes que agrediron a outro rapaz en Pontedeume, e por moi menores que sexan. Se son menores, que paguen os pais, por ser os seus responsables. O que non se pode é ir pola vida a base de malleiras que, moitas delas, xa se ve como acaban. E vendo que a educación non vale (entendo que uns e outros saben perfectamente o que está ben e o que está mal; desde cativos sempre se lles di tal cousa), pois non queda outra que o castigo.

Castigo o meu, o de ser pobre! Se fose rico, pois case me daba igual que se acabase o mundo; estaría dentro dese millón de persoas con praza para ir á lúa. Coas ganiñas que teño de viaxar polo universo e de achegarme ata o infinito e máis alá. Ó ser pobre non queda outra que aguantar o que me boten (inundacións, secas, o señor Feijóo, malleiras e o que cadre) e a vivir que son dous días.


Finca Fierro. Sábado, 17 de xullo de 2021

 

viernes, 16 de julio de 2021

UN FEIXE DE PALLÓNS

Teño que ir buscar un feixe de pallóns ó lombo porque o burro non sei por onde anda. Resulta que onte perdino no monte de Pinouzos e como xa era de noite pasei de buscalo. Imaxino que ó chegar á casa co feixe irei a buscalo ó muíño do Dositeo. Seguro que está alá, o moi saído. Pola burra do muiñeiro. O meu de burro non ten nada.


Digo que fun ós pallóns e notei como o sol me pegaba con forza na orella dereita. Case abrasa. Tanto que incluso penso se non quedarei xordo dese oído. Tamén é certo; para o que hai que oír. Porque a xente fala moito. E moitas veces a destempo. E máis veces con carraxe. E aínda máis con envexa. Menos mal que eu non lles fago moito caso. Sempre lles digo a todo que si para que queden contentos. Por veces nin tan sequera os entendo, pero éncheselles o peito de orgullo cando lles dou a razón en todo.

O feixe de pallóns pesa. Para máis aquel, un pallón asentou de tal forma nun óso que me está a facer dano. Menos mal que só é un pallón, porque por ósos... Non obstante, aguanto coma os heroes. Pego un pequeno chouto para que o feixe asente doutra maneira sobre o meu lombo. A verdade é que asenta, pero por pouco tempo. Axiña volve (quizais outro pallón) a facerme dano nos ósos. Menos mal que logo chego á casa. Solto o feixe e a base de pequenos mangados repártollo ás vacas. Acomodo tamén os dous porcos que teño no cortello. Saio a buscar ó saído do burro.


Café Kibu. A Valenzá. Venres, 16 de xullo de 2021